A senda arqueolóxica de Amoedo, no concello pontevedrés de Pazos de Borbén, creouse en 2011 pero non foi ata tres anos despois cando quedou completamente definida. Cunha lonxitude de 13,3 quilómetros, percorre os xacementos arqueolóxicos máis relevantes da contorna: a zona comprendida entre Cepeda e Amoedo polo sur, a bacía húmida de Valongo e As Lagoas entre os montes da Serra e o Buxel, os montes do Pedroso e do Espiño onde se atopan espazos como A Matanza, A Rabadeira, Veighiña Longa, Léghoa Seca, ou Regheiriño.
Hai contabilizados nesta área máis de 80 petroglifos e unha vintena de mámoas. Pero ademais de vestixios prehistóricos abundan tamén elementos de interese etnográfico como o foxo do lobo no río Alvedosa e construccións relacionadas co ciclo da auga como pozos, regos, muíños fontes ou lavadoiros, dando conta da importancia do sector agrogandeiro nesta localidade do interior da provincia.
O arqueólogo e historiador Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoráns, impartiu unha interesante charla na Casa da Cultura de Amoedo como preludio dunha ruta nocturna que nos levou ata o petroglifo de Leghua Seca, a mámoa de Veiguiña Longa e o Carballo de Martins. Neste último punto do itinerario a narradora Raquel Queizás converteuse nunha moura encantada para contar lendas protagonizadas por personaxes da mitoloxía galega.
Petroglifo de Leghua Seca
Carballo de Martins
A sala do centro cultural de Amoedo encheuse de público -concelleira de Cultura incluída- para escoitar a Xosé Lois Vilar. Nenos e nenas -moito público infantil!- e adultos escoitaron con atención as explicacións deste destacado activista e divulgador do IEM, co apoio visual de imaxes en 3D dos gravados rupestres nos que ía centrando a súa intervención, centrada nas escenas rupestres con presenza de cabalos. Non en van, unha das últimas iniciativas do IEM denomínase Proxecto Equus.
Sen dúbida, un labor de difusión encomiable que atraeu a xentes dende moi diversos puntos da bisbarra e máis aló para aprender sobre patrimonio material e inmaterial, coñecer novas teorías sobre a interpretación deste antiquísimo legado e sensibilizar a veciñanza sobre a importancia de protexer, conservar e promocionar esta riqueza.
[…] á ruta dos petróglifos de Amoedo, cinco meses despois da visita nocturna que organizara a Concellaría de Cultura de Pazos de Borbén, co lema “O eco das […]
By: RUTA DIURNA POLOS PETROGLIFOS DE AMOEDO (I) | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 20/02/2018
at 05:05