Contra as 9 desta tardiña unha columna de fume elevábase cara ao ceo nas proximidades do Monte Pituco. Prendían as alarmas, xa que a fumareda víase en practicamente todo Marín. Algunhas persoas mobilízanse a través das redes sociais. Dende a Asociación Monte Pituco queremos agradecer a preocupación de veciños marinenses como Antonio C. Parada e Gelis Méndez, que nos envían imaxes do helicóptero que está carrexando auga ata o lugar do incendio.
[Foto de Antonio C. Parada]
Chegamos axiña ás cercanías do lugar afectado polas lapas. Polo camiño atopamos a unha veciña que nos tranquiliza asegurando que o lume localízase nunha finca privada, non no monte veciñal. “O dono da veigha vai caghar viruta!”, exclama a muller, nunha clara alusión ás responsabilidades civís e económicas que vai ter que afrontar esta persoa se as autoridades verifican o que parece: unha suposta queima de restrollos.
Pasando A Laxe e en chegando ao Casal o helicóptero volve zoar no aire, mentres transporta outra carga de auga. Varios curiosos asisten ao ir e vir da aeronave a carón do novo parque biosaudable. Comprobamos, efectivamente, que o fume sae dunha veiga ao pé dunha pista que linda cunha zona de monte e que hai unha motobomba con varios operarios traballando na extinción.
Unha veciña que foi testemuña de como as lapas medraban en intensidade e altura, explicounos que viu ao dono do terreo a carón do lume e que, ao requerirlle que dera aviso aos bombeiros ante a perigosa dimensión que estaban adquirindo as lapas, este home contestoulle que non chamara a ninguén e que non pasaba nada. Outras persoas chegaron mesmo a dicir que o dono da finca que ardeu increpou e ameazou os axentes da Policía que lle foron pedir explicacións polo suceso.
…Estivo cerca. Foi o primeiro -e agardamos que o último- susto do verán relacionado co pesadelo dos incendios forestais. Foi unha sorte e un milagre que as faíscas da herba seca non prenderan na arboreda que hai enfronte da pista, de escasos 2-3 metros de ancho. A pesar das altas temperaturas, por fortuna no sopraba o vento, polo que as tarefas de extinción da cuadrilla a pé de campo e a acción do helicóptero descargando auga evitou que fose a maiores.
Agardamos que todos os “lumes” (entre aspas) que teñamos este verán sexan os de solpores alaranxados e encarnados tan fermosos como os que admiramos cada día dende o Monte Pituco. Hoxe as lapas rondaron cerca do ‘balcón da ría’ pola irresponsabilidade, a falta de sentidiño e a pouca cabeza dun veciño que non tivo outra cousa que facer que queimar uns restrollos na súa finca, coas altas temperaturas que se acadaron. A veciñanza do lugar do Casal levou un bo susto!
Deixar unha resposta