A Asociación Monte Pituco vén de presentar no Concello de Marín un escrito dirixido ás concelleiras de Cultura, María José de Pazo; de Patrimonio e Arqueoloxía, Beatriz González; e de Turismo, Cristina Acuña, nos termos que se expoñen a continuación:
O pasado 15 de xuño abríase o Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor e o 3 de xullo realizábase a primeira visita guiada, en horario nocturno. A prensa local recolle nos últimos días que ademais dos percorridos polos propios gravados de Mogor -Pedra do Labirinto, Pedra dos Campiños e Laxe dos Mouros- os roteiros vanse ampliar ao castro da Subidá, o dolmen de Chan de Armada, o menhir de Currás e o Museo Municipal Manuel Torres.
Esta Asociación considera que nese catálogo de roteiros falta, de xeito inexplicable, o abundante e non menos valioso patrimonio rupestre existente no Monte Pornedo (Pituco), situado na parroquia marinense -San Xulián- con maior densidade de vestixios arqueolóxicos.
Esta omisión, exclusión ou discriminación resulta máis inxustificable aínda tendo en conta que o Monte Pornedo pertence ao recén inaugurado Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que ademais dos petroglifos de Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, pertencentes ao Concello de Marín, tamén abrangue varias mámoas e unhas máis que atractivas vistas da ría.
Resulta chamativo que o Concello de Marín non teña en conta esta zona na súa oferta cultural e turística, ocultándolla así aos visitantes e obrigando a entidades sociais como a Asociación Monte Pituco, a facer o esforzo de información e de promoción que lle corresponde á Administración.
Con estes argumentos, a Asociación Monte Pituco formula as seguintes SOLICITUDES:
-Manter unha xuntanza coas concelleiras María José de Pazo, Beatriz Rodríguez e Cristina Acuña, a fin de expoñerlles cales son os recursos de interese cos que conta a zona do Monte Pornedo.
–Visitar coas concelleiras María José de Pazo, Beatriz Rodríguez e Cristina Acuña os xacementos de Pinal de Caeiro, Sete Camiños e Pornedo que, grazas á actuación das Comunidades de Montes de San Xulián, Salcedo e Lourizán, foron convintemente sinalizados con postes indicadores e paneis explicativos. Unha visita que culminaría no miradoiro do Monte Pornedo, que esta Asociación considera o ‘balcón da ría’, pola excelente panorámica que se divisa dende este enclave.
–Incluír na oferta de visitas do Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor o patrimonio rupestre da parroquia de San Xulián que, ademais dos gravados de Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, tamén posúe os conxuntos rupestres de Champás e Carrasca; estes últimos pendentes de sinalización e con propósito por parte da Comunidade de Montes de San Xulián de enlazalos co Lago de Castiñeiras, ampliando o itinerario do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
-Propoñer que a Caseta de Información Turística dispoña de información sobre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños (os promotores da iniciativa fixeron unha ampla tirada de folletos), e en particular sobre a ubicación do Monte Pornedo e a variedade dos seus recursos naturais e culturais.
-Propoñer que se instale sinalización nos lugares que o Concello de Marín teña a ben, dentro do casco urbán, para orientar as persoas interesadas en chegar ao Monte Pornedo, onde se atopa unha das catro entradas á ruta do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
-Propoñer posibles liñas de colaboración coas entidades sociais implicadas para que o Concello de Marín participe no mantemento, conservación, protección e promoción do patrimonio arqueolóxico/histórico/etnográfico/cultural da parroquia de San Xulián.
Agardando a dispoñibilidade das concelleiras e agradecendo a súa atención, quedo ao seu dispór para que ser convocada á maior brevidade posible, tendo en conta as datas estivais nas que nos atopamos e a crecente afluencia de visitantes ao Concello.
[…] O Diario de Pontevedra publica con retraso esta información que a Asociación Monte Pituco fixo pública o pasado 10 de xullo no artigo titulado “Petición ao Concello para incluír o Pornedo na oferta de visitas guiadas“. […]
By: AS RUTAS GUIADAS DO CONCELLO, QUE TAMÉN SEXAN POLO PORNEDO (II) | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 24/07/2015
at 07:33