Publicado por: MontePituco | 24/06/2015

O CACHO DE SAN XOÁN NO MONTE PITUCO

Cacho de San Xoán no Monte Pituco.

O cacho de San Xoán que preparamos no Monte Pituco leva:

Follas de figueira – Fiúncho – Follas de limoeiro – Follas de laranxeira – Follas de castiñeiro – Follas de carballo – Follas de loureiro – Trementelo – Follas de viña de viño branco – Follas de caña – Chuchamel – Ruda – Poenxo – Romeu – Menta (hierbabuena en castelán) – Flores de estalote – Melisa – Malva Rosa – Herba de San Xoán – Pétalos de rosa – Macela (manzanilla, en castelán) – Mentraste – Codeso – Falsa árnica – Follas de nogueira – Herba Luisa – Flores de hortensia

En total, 27 plantas. Teñen que ser número impar.

Quedaron a macerar ao aire libre na auga procedente de sete fontes da contorna:

Fonte de Freixeiro, en Lourizán

Fonte do Regueiriño, en Lourizán

Fonte do Pituco, en San Xulián

Fonte do lavadoiro do Carregal, en San Xulián

Fonte da Grela, en San Xulián

Fonte do Igrexario, en San Xulián

Fonte de Outeiro, en San Xulián

Fonte da Grela.

Fonte da Grela

Fonte do lavadoiro do Carregal.

Fonte do lavadoiro do Carregal

Pola tarde asistimos á charla organizada por Vaipolorío a carón do antigo hospital de leprosos do Gafos. Participaron dúas vendedoras de flores no Mercado Municipal de Pontevedra, Clara Pérez Pérez (nai) e Clara Balea Pérez (filla). Nativa de Lérez e residente en Poio, Clara Pérez leva máis de 25 anos vendendo o ramo das herbas de San Xoán e herdou a tradición da súa sogra, Georgina Cebreiro, que xa tiña un posto de flores na praza.

Contounos que algunha das herbas proceden da horta da súa casa, pero que outras máis escasas, como o trementelo e o poenxo, tivo que ir recollelos a un lugar preto de Ourense. A seca provocada pola falta de chuvias fixo que as plantas sexan pequerrechas. Tamén a árnica e a manzanilla vense menos, en parte pola diminución do traballo no campo e do aumento das veigas que quedan improdutivas.

Co profesor de Ciencias Naturais Amancio Castro aprendemos moito sobre as propiedades medicinais destas plantas. Canda el, outro experto en botánica: Francisco Javier Silva-Pando, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que tamén achegou interesantes datos científicos sobre estas especies de plantas e as súas variedades.

Charla sobre as herbas de San Xoán organizada por Vaipolorío.

A orixe desta tradición podería remontarse á época romana, cando xa se aproveitaban as cualidades curativas destas herbas. Curandeiros e feiticeiros empregábanas tamén nos seus rituais, arriscándose ás represalias da Inquisición. Nas boticas dos mosteiros, sen embargo, eran bos coñecedores dos beneficios que proporcionaban para a saúde… Paganismo e relixión, mesturados así na cultura social.

Como apuntaba Amancio Castro en relación ás herbas de San Xoán, o valor desta tradición popular é que “cada casa ten a súa receita”, non existe unha pauta fixa. Depende das plantas que haxa en cada zona, e das fontes dispoñibles na contorna. E contribúe a reforzar os vínculos entre habitantes da aldea ou da parroquia, porque as plantas que un non ten na horta pódense conseguir pedíndollas aos veciños.

Charla sobre as herbas de San Xoán organizada por Vaipolorío.

Moitas plantas reciben o nome de herba de San Xoán porque florecen nesta época. É o caso do hipericón (hypericum) que, sen embargo, non estaba na mostra de flores proporcionada por Clara Pérez. A da imaxe que segue atopámola á beira da estrada, preto do Monte Pituco.

Herba de San Xoán

Herba de San Xoán (Hypericum)

Codeso

Codeso (Adenocarpus lainzii, Adenocarpus complicatus)

Viña branca.

Folla de vide de viño branco (Vitis vinifera)

Macela (manzanilla).

Macela, en castelán manzanilla romana (Chamaemellum nobile / C. mixtum)

Folla de caña.

Folla de cana (Arundo donax)

Falsa árnica

Falsa árnica, en castelán Perpetua hedionda (Helichrysum foetidum)

Explicaron os profesores Amancio Castro e Francisco Javier Silva-Pando que esta planta que se árnica en realidade non é árnica, senón unha planta de procedencia americana. Se recibiu ese nome foi porque descubriron que tiña unhas propiedades semellantes á árnica: axudaba a curar os golpes. A denominación popular, por tanto, adaptouse en función do uso que se lle daba. As flores metíanse en alcohol ou augardente e fregábase na parte do corpo afectada.

Francisco Javier Silva-Pando recomendounos un libro de Pío Font-Quer titulado “Hierbas medicinales”. Mil páxinas.

"Hierbas medicinales", Pío Font-Quer

"Hierbas medicinales", Pío Font-Quer

"Hierbas medicinales", Pío Font-Quer

Fiúncho

Fiúncho, en castelán Hinojo (Foeniculum vulgare)

Chopo branco.

Chopo, en castelán Chopo blanco ou gordolobo (Verbascum simplex)

Figueira

Folla de figueira

Melisa

Melisa

Poenxo

Poenxo, en castelán Poleo menta (Mentha pulegium)

Trementelo

Trementelo, en castelán Tomillo rastrero ou carrasquilla ((Thymus caespitititus)

-Dime nena bonita

con que lavas o pelo?

-Cunha herba que hai no monte

que se chama trementelo

[Cantiga tradicional]

Na charla impartida por Vaipolorío.

Cacho preparado.

Na mañá de San Xoán lávase a cara nesta auga na que, durante a noite máxica, se depositaron as propiedades medicinais e os aceites esenciais que posúen estas plantas, e déixase secar ao aire. As plantas pódense poñer a secar colgadas do revés, nun lugar escuro, para queimalas ao ano seguinte.

Pola mañá, os foleóns xa serán historia…

Foleón no Souto da Laxe.

Foleón no Souto da Laxe, antes da medianoite de San Xoán.


Respostas

  1. […] participado en anos anteriores nas actividades da Asociación Vaipolorío arredor das tradicións de San Xoán relacionadas coa recolección das herbas que se deixan a macerar en auga nesa noite máxica para […]


Deixar un comentario

Categorías