Publicado por: MontePituco | 23/06/2017

NOVO LIBRO DE VAIPOLORÍO: O CACHO DE SAN XOÁN

Presentación de "As herbas de San Xoán", de Amancio Castro

Temos participado en anos anteriores nas actividades da Asociación Vaipolorío arredor das tradicións de San Xoán relacionadas coa recolección das herbas que se deixan a macerar en auga nesa noite máxica para lavar a cara ao día seguinte.

Nesta ocasión, o labor de recompilación de información que Amancio Castro viña realizando nos últimos sete anos tomou forma nun libro titulado “As herbas de San Xoán na contorna do río dos Gafos”, que se presentou no Centro Social de Cabanas -cheo de público- coa presenza do autor, do presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, e de tres veciñas das parroquias polas que pasa o Gafos que colaboraron na achega de datos.

Presentación de "As herbas de San Xoán", de Amancio Castro

A publicación, con fotografías en color, comeza cunha explicación desta tradición que Amancio Castro cre que está “en auxe”, e continúa cun percorrido cronolóxico dende 2009 ata 2015 contando -parroquia por parroquia- que herbas utilizan as mulleres entrevistadas para facer o cacho:

-Bértola (Vilaboa): Teresa González Suárez

-O Marco (Tomeza): Carmen Estonllo Fontán

-A Armada (Salcedo): Áurea Suárez Pastoriza e Cipriana Carabelos Farto

-Balteiro (Figueirido): Elvira Alfonso Castro

-Pintos (Marcón): Rosa Fernández Villaverde e Fina Mariño Villaverde

-Monte do Taco (San Xosé): Josefa Meijón Lagos

-Pontevedra: Clara Pérez e Clara Balea Pérez

A última parte do libro son fichas das plantas citadas, cos seus nomes científicos e comúns, descricións e utilidades medicinais ou culinarias das mesmas.

20170623_200828

Entre os agradecementos nos que Vaipolorío fixo máis énfase citouse a Comunidade de Montes de Salcedo; o seu presidente, Fernando Pintos, estaba presente entre o público. Que gusto cando o responsable dunha entidade non só colabora senón que é partícipe da actividade, poñendo así de manifesto o seu interese e o apoio da entidade á que representa.

Porque a Comunidade de Montes de Salcedo financiou a publicación deste traballo, que por certo se lle entregou gratuitamente ao público que acudiu á presentación.

E como é posible que unha comunidade de montes respalde iniciativas coma esta? Porque destina a fins culturais o 2% dos ingresos que percibe do Ministerio de Defensa polo aluguer duns terreos á base militar da Brilat. 

Impresionante! Que marabilla! Gran exemplo para outras comunidades de montes na demostración de que a forestal non é a única faceta que lle compete a unha entidade destas características. Tamén está a implicación social cos colectivos da parroquia ou da contorna, contribuíndo á cohesión da veciñanza plasmando en formato impreso traballos de investigación que poñan en valor o labor destas entidades e difundan coñecemento. Nisto consiste facer ‘comunidade’ no sentido de ‘país’.

Presentación de "As herbas de San Xoán", de Amancio Castro

Nada que ver, por exemplo, coa maneira de actuar da Comunidade de Montes de San Xulián que, na última asemblea de abril deste ano, a directiva ‘regalou’ unha cantidade nada desdeñable de cartos entre asociacións da parroquia. A Asociación Monte Pituco non estaba entre as agraciadas. Ao pedirlle explicacións ao presidente da comunidade sobre a exclusión da Asociación Monte Pituco desa doazón -non polos cartos, senón polo carácter discriminatorio e o criterio discrecional desa decisión-, a súa resposta foi que esa axuda era “solo para asociaciones vecinales, no culturales”.

…Que mágoa, coa falta que fai a cultura nesta parroquia e en todas partes! 

Evidentemente, a razón de que a Asociación Monte Pituco estea vetada para a Comunidade de Montes de San Xulián ten que ver coas diferenzas de criterio coas sucesivas directivas ao longo dos últimos anos: a oposición ao polígono industrial proxectado no Pituco (Pornedo) coa interposición de ata dous recursos xudiciais, as queixas diante do Seprona e da Xunta a conta dos verquidos ilegais, a teimuda defensa do patrimonio arqueolóxico e as denuncias ante Patrimonio polas agresións nas que a Comunidade de Montes de San Xulián ten sido responsable, a información exposta nesta bitácora argumentando as críticas realizadas contra determinadas actuacións da Comunidade…

Porque a coherencia, a firmeza dos principios, o carácter insubornable de quen traballa a prol da defensa deste monte con recursos propios, sen contar con ningún tipo de axuda económica externa por parte de Administracións ou entidades oficiais, ten un ‘custe’. 

Bendito ‘custe’. Porque hai ‘axudas’ que conlevan o lastre da connivencia, do amiguismo, do silenzo, do absentismo, do pasotismo, do aplauso fácil e gratuíto, da obediencia, do servilismo.

A Asociación Monte Pituco non paga ‘peaxes’. Pensa e actúa con independencia, liberdade e conciencia. Rodeándose de quen lle aporta coñecemento, aprendendo de quen dá exemplo.

"As herbas de San Xoán na contorna do río dos Gafos"

Parabéns a Vaipolorío e grazas por seguir contribuíndo ao engrandecemento da nosa cultura co seu intenso labor de limpeza do espazo fluvial do Gafos, de recuperación da toponimia, de catalogación da fauna e da flora, de divulgación medioambiental, de promoción da cultura tradicional.

…Meigallos fóra!

Libro das Herbas de San Xoán de Vaipolorío, no Monte Pituco.


Respostas

  1. […] publicación “As herbas de San Xoán na contorna do río dos Gafos“, do profesor e educador ambiental Amancio Castro, membro do colectivo ecoloxista […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: