Publicado por: MontePituco | 26/01/2015

SEGUE O CULEBRÓN POST-ELECCIÓNS

Diario, 24 xaneiro 2015

 

Permítannos unha pequena confidencia/brincadeira no inicio deste modesto artigo post-electoral. Saben con que nome bautizamos o arquivo deste recorte de prensa, para gardalo na hemeroteca dixital? Bastan tres palabras: “Laureano monta follón”. Aínda que tamén podería ter sido: “Laureano la arma”. Ou, máis coloquialmente, “Laureano se rebota”.

Mágoa que, a falta de memoria, Laureano non teña hemeroteca, nin dixital nin analóxica.

Nas eleccións celebradas o 21 de agosto de 2011, nas que Laureano Allariz formou parte -como vicepresidente- da candidatura dirixida polo falecido Francisco Casal, tamén se produciron “barbaridades” como as que Allariz vén agora denunciando publicamente dende a asemblea de decembro de 2014 e dende as eleccións do pasado 18 de xaneiro.

Que dicían o Faro de Vigo e o Diario de Pontevedra do 23 de agosto de 2011?

Tumultuosa asamblea”.

“Carecía de datos concretos de sus miembros, por lo que fue rechazada, en alusión á candidatura alternativa á lista que encabezaban Casal e Allariz.

“Un considerable grupo de comuneros protestaron las formas y el desarrollo de la asamblea”.

“La presidencia no quiso aceptar la entrega de un documento también remitido a la Xunta impugnando la asamblea anterior”.

“Numerosas supuestas irregularidades”.

“Haber participado un número de comuneros inferior al que la ley señala para poder tomar acuerdos”.

“La junta reelegida hizo un uso indebido del censo que tuvo que ser leído en el acto de la asamblea a petición de un comunero y en el que constaban socios muertos hace años”.

“Se presentaron dos candidaturas”.

“Se decidió desechar una de ellas porque tres de sus integrantes no eran comuneros”.

Diario, 24 xaneiro 2015

 

Teñen todo o dereito, Gonzalo Macenlle como candidato oficial e Laureano Allariz como candidato nas tebras, a acudir á Xunta e ao Xulgado para impugnar as eleccións do 18 de xaneiro se cren que teñen argumentos e probas abondo para levar a razón. Pero ogallá a Administración autonómica e os Tribunais apliquen a mesma vara de medir na causa actual como na causa pendente do ano 2011; que así como se clarexen as presuntas anomalías que se produciron nas votacións realizadas recentemente, se depuren tamén as supostas irregularidades denunciadas antes e durante as votacións nas que Allariz foi elixido vicepresidente.

Polas declaracións de Allariz no Diario do pasado domingo, máis que sorprender, escandaliza ler cousas como “que deixe de falar de min nos xornais”, en alusión ao ex-secretario e novo presidente, Manuel Estévez; ou “os que traballamos para o pobo sen ánimo de lucro, tanto en asociacións veciñais como en comunidades de montes, estamos para resolver problemas, non para crear conflictos”.

Quen fora médico para receitarlle rabos de pasa a toda a veciñanza da parroquia de San Xulián para que houbera un pronunciamento masivo ante afirmacións tan pintorescas. Ben pensado, o feito de que ese rexeitamento non se produza, ten que ser debido -por forza- a que ninguén se toma en serio esas palabras. Porque a falta de credibilidade de quen as pronuncia é de tal calibre, que son como quen oe chover.

A nova directiva non acudiu á prensa para facer ningún ataque directo a Allariz, senón máis ben para intentar xustificar (outra cousa é que o lograra) o desenvolvemento das eleccións. A non ser que o ex-vicepresidente vexa pantasmas onde non as hai ou pretenda botarlle máis leña a un lume que el mesmo se encargou de prender e avivar, interesadamente.

Porque se algo caracteriza a súa xestión, tanto dentro da Comunidade de Montes como noutras entidades veciñais que aínda controla, é precisamente o interese:

-Instrumentalizou a Asociación de Veciños Virxe dos Remedios para costear, cos fondos desa entidade, un informe técnico -a todas luces fraudulento- que avalaba a construcción de dous polígonos, un empresarial e otro industrial, na Pena (Monte Pituco) e nos Sete Camiños.

-Ficou ao cargo da Casa de Montes e do bar da Comunidade, e un tesoureiro da directiva acabou dimitindo “por non estar de acordo coas contas” desa taberna.

-Atribúeselle ter marcado as directrices na construcción dunha pista entre o Monte Pituco e a estrada de Castiñeiras que, curiosamente, atravesa varias propiedades particulares e entre as que -tamén curiosamente- hai bens da súa propiedade. Unha pista cun custe económico do que se descoñecen as cifras oficiais, pero que, polo tempo que se tardou en facela e os medios técnicos e humanos empregados na súa execución, teñen que ser estratosféricas. Unha pista da que non hai constancia de aprobación en asemblea e que, por riba, se realizou sen informes de Patrimonio malia que está afectada por un xacemento arqueolóxico catalogado.

Unha xoia de xestor. Un paradigma de prestixio social. Que mellor proba de recoñecemento popular que as agarimosas mostras de aprecio e agradecemento que se lle dedican:

“Estalle faltando ao respecto á asemblea. Que credibilidade ten vostede para poñerse nesa actitude. Unha persoa que despilfarrou 18.000, 20.000 ou 28.000 euros no bar da Comunidade, que funde todo o que toca na p* miseria!”[Juan Pérez, na asemblea de decembro de 2014]

Denuncia tamén que foi excluído das decisións da directiva da Comunidade de Montes dende o pasamento do anterior presidente en maio de 2014 e, sen embargo, ata sete meses despois non trascendeu ningún malestar pola súa parte. Por un lado, foi dicindo que exercía como presidente e afirmou ante un sector da prensa local que o último convenio con Ence leva a súa sinatura. Por outro, quen escenificou o preacordo para a creación da Fundación do Lago de Castiñeiras foi Manuel Estévez. Como se entende este aleatorio reparto de rúbricas?

En canto á representatividade do censo de comuneiros, tamén habería moita tela que cortar. Abonda con repasar a crónica de asembleas pasadas para podermos cuestionar a legalidade de numerosas xuntanzas. Dous exemplos: 532 persoas no censo de 2011 e na asemblea do 31 de xullo de 2011 o número de asistentes rondaría como moito o medio cento de comuneiros; 76 veciños con dereito a voto na asemblea de agosto de 2011, só o 14% do censo, cando o mínimo en segunda convocatoria é do 25%. 

Tamén dá a entender que non foi ata a asemblea de decembro de 2014 cando se enterou da reducción do censo en preto de 200 persoas. En realidade, Allariz xa acudiu a esa asemblea coa plena decisión de boicoteala porque dende o momento no que se intentou desenvolver a orde do día prevista, os seus berros e interrupcións foron continuos, ata o extremo de ter que renunciar ao normal desenvolvemento desa xuntanza para tratar unicamente -pola súa urxencia- o punto relacionado coa Fundación do Lago de Castiñeiras.

“Están incluídas persoas que levan moitos anos falecidas, outras incapacitadas e, sen embargo, faltan moitos veciños que levan toda a vida na entidade, que son parte importante desta e que acoden con regularidade ás reunión”, critica Allariz.

Que llo digan por exemplo a José González Iglesias, un veciño de San Xulián que, mentres non aspirou a facerlle sombra a ningún dos que mandaba antano, asistiu e votou nas asembleas ás que foi convocado pero que, no momento de presentarse candidato nas eleccións de agosto de 2011, foi retirado forzosamente co argumento de que non era comuneiro, nunha improvisada votación a man alzada.

Non sabemos a que asemblea acudiu o ex-vicepresidente. Na que el describe seica “puido ocorrer algo moi gordo”. Á que nós asistimos non houbo nada grave máis aló duns dedos apuntándose mutuamente e un tenso cruce de reproches con máis agresividade nas actitudes que nos feitos.

O verdadeiramente censurable, na nosa modesta opinión, é a firme intención por parte do ex-vicepresidente de converter a perda do seu ‘xoguete’ nunha cruzada persoal disfrazándoa coma unha nobre causa a favor dos dereitos dos comuneiros; de vingarse contra quen o privou dos seus privilexios, utilizando a veciñanza como refén da súa pataleta, e ofrecendo unha imaxe distorsionada e pobre desta parroquia como lugar conflitivo; de empeñarse en entorpecer a xestión do monte veciñal, que por desgraza leva moitos anos de atraso por culpa da inoperancia de anteriores directivas das que Allariz formou parte activa.

…E unha vez que vimos de plasmar o noso punto de vista sobre esta desagradable situación, só cabe agardar que xurdan represalias por parte dos seus defensores, que tamén os ten, e ben acérrimos. As mesmas ameazas que xa se escoitaron o día das votacións con expresións tan desagradables como “saír trasquilada”. Ou aqueloutros insultos aínda máis desafortunados como “sinvergüenza” ou “ignorante”, por parte doutro fiel adepto que os ciscou anonimamente nas redes sociais, obrigando a Asociación Defende o Monte Pituco a interpoñer a denuncia pertinente na Comisaría. Porque hai xente para todo; mesmo para querer amedrentar/silenciar a quen non vai polo seu rego…

Queda para o próximo capítulo debullar os retos improrrogables que ten que asumir a actual directiva da Comunidade de Montes -mentres dure-, comezando pola regularización dese desastroso censo de comuneiros e seguindo por detallar de forma rigorosa o informe económico de 2014, que aínda non foi presentado ante os comuneiros.

 

Diario, 24 xaneiro 2015


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: