A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza, o próximo domingo 1 de febreiro, un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da senda que vai dende Chan de Castiñeiras ata a área natural das sobreiras de As Cavadas, entre os concellos de Marín e Vilaboa, dentro dos espazos naturais de Cotorredondo e dos Montes do Morrazo.
A andaina será circular e sairá as 11:oo horas da aula da natureza do parque da lagoa de Castiñeiras, para chegar ás 14 h:00 horas ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por pista forestal, camiños de pé, parte do sendeiro de curto percorrido do PR-G 106 do sendeiro de Vilar e viais rurais polos lugares de Chan de Castiñeiras, As Veigas de Abaixo, As Cavadas e A Graña.
Os puntos de maior interese a visitar son o parque botánico, plantacións de frondosas e brañas de Castiñeiras, as mámoas megalíticas de Chan de Castiñeiras, dolmen da mámoa do Rei, área de ribeira do rego da Cova, área de ribeira do rego das Veigas, sobreiras de As Cavadas e núcleo rural de A Graña.
[Máis información, no blogue da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo]
Deixar unha resposta