Publicado por: MontePituco | 27/01/2015

RETOS IMPRORROGABLES DA NOVA DIRECTIVA (I)

1. REGULARIZAR O CENSO DE COMUNEIROS/AS

Empezando por retirar os nomes das persoas falecidas e sustituíndoos polos representantes actuais das vivendas ás que pertencían. Esta irregularidade causou moito malestar entre os asistentes á asemblea electoral deste mes de xaneiro.

Francisco Casal, no censo. Saturno Vidal, no censo.

[Dous presidentes falecidos, Francisco Casal e Saturno Vidal, no censo actual]

2. PRESENTAR O INFORME DE CONTAS E DE XESTIÓN CORRESPONDENTES AO ANO 2014

Estes puntos que quedaron pendentes na asemblea frustrada  de decembro son fundamentais de cara a garantir a información sobre o traballo realizado pola directiva e a transparencia obrigada por parte quen manexa diñeiro alleo. 

Está sendo moi criticado por parte dun amplo sector dos comuneiros o formato na presentación destes informes, especialmente cando se trata do balance contable. O sistema do ordenador portátil conectado a un proxector que plasma nunha pantalla un simple power-point pode resultar efectista, pero a veciñanza non se fía do que soamente poden ver durante uns breves segundos a unha distancia que para os que están máis aló das primeiras filas resulta totalmente imperceptible. 

Agradécese o uso da tecnoloxía, pero a asemblea -formada en boa parte por persoas de certa idade- precisa ter un acceso máis directo ás contas e ao informe de xestión. Hai comunidades de montes nas que as contas permanecen expostas ao público; antano mesmo se entregaban por escrito. O acceso aberto á información -sen citas previas no horario de atención, sen solicitudes, sen condicionantes- contribúe á confianza e ao maior respecto entre todos e todas.

3. EXPLICACIÓNS SOBRE O ACORDO CON ACUAES PARA A CONSTRUCCIÓN DA NOVA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA

Non se deu ningunha información á asemblea sobre os acordos acadados entre a directiva da Comunidade de Montes con Acuaes e co Concello de Marín para facilitar o paso das tubarías polo monte veciñal de San Xulián e para permitir a construcción dun depósito de auga en Pardavila.

As obras están xa na zona de Lourizán, chegarán de forma inminente ao Monte Pituco e os comuneiros non teñen nin a máis remota idea do tempo que durarán os traballos, en que consistirán, que bens afectarán, canto cobrará a Comunidade pola ocupación dos terreos, cales son as condicións nas que se instala un novo tanque de auga, con que capacidade…

Obras de Acuaes en Lourizán.

4. OS TERMOS DO ACORDO ASINADO CO MINISTERIO DE DEFENSA

A única información oficial referente ao acordo de cesión de terreos para posibilitar que a Brilat utilice terreos da Comunidade de Montes de San Xulián como campo de adestramento remóntase a decembro de 2013, cando se expuxeron de forma moi superficial os termos da negociación, previos á sinatura definitiva do contrato. Mentres que Salcedo ten realizado xuntanzas e rutas polo monte da parroquia para amosarlles aos veciños as actuacións realizadas cos ingresos obtidos, en San Xulián non se sabe se xa se cobrou, canto se cobrou, en que se investiu e con que criterios. Por non saber, non se sabe a ciencia certa cal foi o directivo que asinou o documento cos responsables de Defensa.

Mapa do preacordo con Defensa aprobado pola Comunidade de Montes de Salcedo.

5. A PISTA ENTRE O MONTE PITUCO E A ESTRADA DE CASTIÑEIRAS

Atribúeselle este proxecto chapuceiro ao ex-vicepresidente da Comunidade de Montes. En DEFENDE O MONTE PITUCO non nos consta ningún acordo dunha anterior asemblea de comuneiros que autorizara a realización desa obra. Tampouco existe información sobre o seu custe, que a todas luces é moi elevado, nin cales foron os orzamentos que barallou a directiva para adxudicar o investimento.

Por riba, a tramitación destas obras está pragada de irregularidades: non se informou á Delegación de Patrimonio, malia que hai xacementos arqueolóxicos catalogados a poucos metros do trazado, polo que a autorización e a supervisión por parte dos técnicos de Patrimonio era obrigatoria. 

Por moito que se xustifique a apertura deste vial para, supostamente, favorecer “o paso das motobombas” en caso de incendio, tanto o trazado -a carón, curiosamente, de numerosos matos privados-, como os materiais empregados -recheos con terra de obra, mesturados con entullos-, así como o tempo e os medios mecánicos utilizados, por non falar dos destrozos nos muros de pedra e a afectacións aos bens de interese etnográfico e arqueolóxico, son totalmente cuestionables.

A pista paralela á principal.

Pista paralela ao Pituco.

Pista paralela ao Pituco.


Respostas

  1. […] artigo anterior, DEFENDE O MONTE PITUCO plantexaba 10 retos improrrogables aos que debería facer fronte canto […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: