Se algo precisa a Comunidade de Montes de San Xulián -e por extensión a parroquia, porque as decisións que toman os directivos desta entidade repercuten no conxunto da veciñanza- é que haxa persoas con sentidiño na súa directiva. Que os homes -e as mulleres, que deberían participar moito máis- dos que depende a xestión dos recursos e do patrimonio desta institución teñan dous dedos de fronte.
Porque, para empezar, hai moitos cartos en xogo: diñeiro que non provén da función “natural” dunha comunidade de montes, que é a explotación racional dos recursos que produce o bosque, da ordenación da masa forestal, do aproveitamento dos froitos da silvicultura. Lonxe diso, a especulación co tee rritorio é unha das principais fontes de ingresos, a obtención de lucro a través da descapitalización do maior ben da parroquia, que é a terra.
Na historia recente véñense acumulando episodios que demostran esa deturpación do que significa unha comunidade de montes, da dinámica perversa que se vén arrastrando nos últimos anos, da fachenda coa que os directivos fan alarde dos pagos cos que as Administracións xustifican os voraces bocados que lle dan a unha vaguada por aquí, unha chaira por alá, un outeiro por acóla.
E nesa vaguada, nesa chaira, nese outeiro ou onde sexa que as Administracións se fixen para satisfacer os seus intereses, coa complicidade da comunidade de montes, constrúese unha variante, instálase unha liña de alta tensión, proxéctase un polígono industrial, facilítase a ubicación dun depósito de auga, favorécese o paso dunha tubaría, cédese un campo de manobras militares, ou prométese unha estrada para darlle servizo a ese campo de manobras… por exemplo.
Mentres, o monte segue incrementando o seu potencial pirófito coa acumulación descontrolada de materia vexetal; as especies invasoras seguen propagándose por moito glifosato que se lles inxecte; as árbores seguen medrando máis tortas ou máis dereitas sen que ninguén faga nada por elaborar un plan estratéxico que mellore o seu potencial madeireiro; as pistas e outras vías de comunicación seguen deteriorándose pola acción dos temporais e polo tránsito dos vehículos sen que se tomen medidas para facerlles o mantemento que requiren; os lugares de interese -miradoiros, fontes, camiños tradicionais, pedras singulares, gravados rupestres, mámoas- que enriquecen o monte cunha dimensión cultural de grande atractivo turístico e educativo, seguen estragándose polo abandono, o desprezo ou a agresión directa; como seguen tamén medrando os verquidos ilegais de restos de podas, de entullos, plásticos, cartóns ou mobles vellos.
O pastel é suculento e tentador de máis como para caer en mans de persoas pouco ou nada comprometidas co auténtico sentido dunha comunidade de montes.
Faltan poucos días para a celebración das polémicas eleccións á Comunidade de Montes de San Xulián e oficialmente nada se sabe das candidaturas que se presentaron ata o 8 de xaneiro, data na que se pechou o prazo para os aspirantes á directiva.
Na Casa de Montes só hai exposto un censo de comuneiros, bastante minguado, por certo, con respecto a outras convocatorias. Na lista apenas figuran os nomes dunhas 250-280 persoas, cando a Comunidade de Montes de San Xulián chegou a ter un censo de 560 persoas en 2013.
Fálase de catro candidaturas, entre os que están unha parte dos que conforman a directiva actual. Fálase da presenza, noutros grupos, de algúns empresarios da parroquia que tamén aspiran a gobernar a comunidade de montes. Uns, que pretenden aterrizar por primeira vez na xunta rectora. Outros, nostálxicos de tempos pasados nos que xa tiveron responsabilidades de goberno.
Basta unha soa palabra para catalogar a moitas destas persoas: pro-polígono.
Porque estamos nunha parroquia na que ignorantemente implantouse a idea de que “as pedras” -como vulgarmente se refiren aos xacementos arqueolóxicos- “non dan de comer”. Porque lamentablemente institucionalizouse unha frase que debeu quedar plasmada nas actas dunha desas infaustas asembleas que nos tocou vivir: “O monte non é rentable” por si mesmo, o que provocou que se urbanice e se industrialice, que sexa furado e cimentado.
Porque desgrazadamente os partidarios do que se coñece como “monte multifuncional” están á marxe deste proceso electoral, agardando tempos mellores para que poidan ir callando na veciñanza os criterios de sustentabilidade, equilibrio, paisaxe, natureza e patrimonio que rexen nas comunidades de montes veciñas, cun perfil máis moderno e progresista; moi diferente da vella mentalidade atrasada, rancia e curtopracista que ve no monte unha máquina de facer cartos na que o fin xustifica os medios.
Deixar unha resposta