Publicado por: MontePituco | 27/06/2011

1º PLENO DA NOVA ERA

Primeiro pleno de organización da Corporación Municipal de Marín, o pasado xoves 23: dúas horas, a ollo. Primeiro pleno de organización da Corporación Municipal de Pontevedra, o luns 27: 28 minutos. Acordos adoptados en Marín: pola maioría absoluta do PP, con votos en contra e abstencións no bando da oposición. Acordos adoptados en Pontevedra: todos por unanimidade. Haberá quen censure esta comparación, que non pretende outra cousa que evidenciar actitudes diferentes, construtivas nuns casos, un tanto obstaculizadoras noutros.

Os xestos e os posicionamentos dos grupos municipais na sesión na que María Ramallo se estreaba como alcaldesa, fan prever unha lexislatura marcada pola aspereza e a amargura dos maiores perdedores, con máis ben pouca vontade pola súa parte para acadaren consensos. Os principais grupos da oposición comezan coas espadas en alto, cun nulo marxe de confianza ao novo goberno local, e protestando por ridiculeces. Como a insólita intervención de Muradas: se na anterior lexislatura abría a boca para pouco máis que “deleitarnos” con ironías prefabricadas, para esta memorable ocasión molestouse en ensaiar un alegato no que perdeu a mantenta un precioso cuarto de hora do seu modesto soldo de edil -e do noso impagable tempo- para algo tan surrealista como protestar polo contido da acta da sesión constituínte celebrada o 11 de xuño: non conforme co adxectivo “emotivo” para describir o discurso de Benito Touriño encabezando a mesa de idade, reclamou que a súa intervención quedara reflectida como “emocionada”. Hai que dispór de moito tempo de lecer para discurrir semellante maneira de chamar a atención.

Recolleu o guante Pilar Blanco para ser “máis papista que o papa” e obxectar tamén contra as valoracións “subxectivas” recollidas na acta anterior, argumentando que “non se debe marcar ese precedente”. Tanta falta de coordinación e sintonía no anterior bipartito, para acabar actuando ao unísono agora que, por separado están na oposición (vapordeus!). So houbera máis concordia antano, quen sabe, arestora estarían Blanco e Muradas á diestra e á siniestra de Francisco Veiga, ocupando a presidencia da Corporación.

O ex-alcalde, por certo, aínda sendo designado voceiro do grupo municipal socialista, só interviu ao final do Pleno e fixo que Muradas gastara todo o cuspe. Cando pensabamos que estaba afónico, ou que simplemente NON estaba, Veiga tomou a palabra ao final do pleno -como non, “por alusións”- para criticar que María Ramallo delegara a súa sinatura oficial no tenente alcalde, Manuel Santos. Unha medida que a rexedora xustificou “por operatividade, para sacar adiante os expedientes”, sumidos no “caos administrativo”. Veiga sostiña que no Concello de Marín “nunca se fixera delegación de firma” e insinuou que se a alcaldesa non delegaba nos demais concelleiros populares era porque non se fiaba deles. Máis lle valía non ter aberto a boca a Francisco Veiga, porque cada vez que improvisa sube o pan: aínda resoan os ecos das denuncias formuladas polo grupo municipal do PP no mandato anterior pedindo explicacións sobre certas disfuncións na sinatura de documentación municipal.

Se o Pleno de organización tivo algún protagonista, non foi unha persoa, senón un obxecto cun incomensurable valor simbólico. A concelleira independente Isabel Martínez Epifanio tivo o fermoso xesto de homenaxear a figura do seu compañeiro de filas, Xan Montenegro, falecido o pasado 17 de xuño, pousando cabo dela o seu característico sombreiro. Só houbo un medio de comunicación, o Faro de Vigo, que tivera a xentileza de reflectir ese detalle na crónica informativa. E, implicitamente, tamén podía representar a figura doutro home “a un chapeu pegado”, dito sexa parafraseando o soneto de Quevedo; que non é outro que Miguel Suárez Briones, o ex-concelleiro de Mar-In que nesta lexislatura quedou inmerecidamente fóra da Corporación, e do que xa comezamos a estranar as súas intervencións, sempre lustrosas e oportunas na forma e no fondo.

Aínda en solitario, Martínez Epifanio afrontou este primeiro Pleno insistindo nunha petición que xa formulara hai catro anos: que non se pagara pola asistencia ás comisións informativas, tan só pola presenza nas sesións ordinarias e extraordinarias da Corporación.

Como non podía ser menos no Pleno de organización, o BNG e o PSOE porfiaron en cuestionar a combinación das áreas de goberno: Urbanismo e Facenda, Persoal e Cultura… “Unha mezcolanza sen moito sentido”, afirmou Muradas con cara de noxo. Pero para cara de noxo, ou máis aínda, de odio, a de Pilar Blanco a un sector do público que aplaudía as actuacións do grupo de Goberno, especialmente cando se debatía sobre a proposta de aplicación do voto ponderado e a representatividade dos grupos nas comisións informativas.

“Non nos gusta como comeza este mandato”, protestou Pilar Blanco, acusando o PP de “non buscar o consenso entre todos os grupos”. Segundo a voceira do BNG, esa medida aforraríalle ás arcas municipais máis de 27.000 euros anuais ao reducir a 4 o número de edís por comisión. Interviu seguidamente Isabel Martínez para chamar a atención precisamente porque o BNG se opuxera a plantexar o voto ponderado na xunta de voceiros previa. Manuel Santos refrendou a versión de Mar-In revelando que, en realidade, o BNG propuxera aumentar a 12 o número de participantes nas comisións. “É imposible a perfecta proporcionalidade”, argumentou o voceiro do PP quen, para xustificar a proposta do seu grupo (4 representantes do PP, 2 do PSOE, 1 do BNG e 1 de Mar-In) engadiu: “Imos sacar adiante a proposta que traíamos, co voto ou non do resto dos grupos”. Desafortunadas palabras de Manuel Santos intentando zanxar o debate: por máis que o grupo municipal do PP teña maioría absoluta, quedou coma unha falta de humildade e un alarde de superioridade numérica, por máis que as circunstancias recomenden prudencia e diplomacia.

Pero para actitude sobrada e demagóxica, a da voceira nacionalista, atribuíndolle ao PP a comisión de “chanchullos e corrupcións”, e reclamando “que se faga público o que se cobre con cartos públicos”. Da existencia de procesos xudiciais por fraudes, prevaricacións e irregularidades varias hai imputados nos principais partidos sen excepción a niveis máis altos que o municial; pero tomar o todo pola parte, e máxime nun novo goberno local que está aterrando e aínda descoñece a magnitude do buraco económico ao que se enfronta, non só é unha imprudencia, senón unha temeridade. “Chanchullos sabe vostede o que son, nós non”, espetoulle Manuel Santos a Pilar Blanco. Pechou este asunto María Ramallo para pór de manifesto o gran complexo do BNG: “O problema do Bloque é que se compara con Mar-In” que, cunha soa concelleira, ten tanta representación coma os nacionalistas con tres edís.

O último punto de discordia foi a respecto das dedicacións exclusivas: María Ramallo (alcaldía), Manuel Costas (urbanismo e facenda) e Marián Sanmartín (medio ambiente e benestar). Aplicando o seu compromiso electoral, o PP reducía de 4 a 3 as dedicacións exclusivas, o que supón un aforro de 50.000 euros ao ao, segundo o voceiro popular. Toda a artillería verbal do BNG foi entón para atacar o que embolsaría a alcaldesa -uns 8.000 euros mensuais- non só pola súa tarefa á fronte do Concello de Marín (cobrando o mesmo que o alcalde anterior), senón tamén pola súa faceta como deputada provincial e como integrante do Consello de Administración da Autoridade Portuaria. “Esa é a austeridade que proclamaba hai catro días”, reprochoulle Pilar Blanco. “Non sexa demagoga”, contestou María Ramallo, “isto é o que hai, sen trampa nin cartón”.

Denso, técnico e tenso. Así foi este primeiro pleno da nova Corporación Municipal do Concello de Marín, cuxo Goberno local queda composto da seguinte maneira:

-María Ramallo: alcaldesa con dedicación exclusiva (53.581 € de salario bruto anual)

-Manuel Santos: tenente alcalde, urbanismo e facenda con dedicación exclusiva (41.941 € de salario bruto anual, 6.000 € máis que en 2007)

-Marián Sanmartín: medio ambiente e benestar, con dedicación exclusiva (35.941 euros de salario bruto anual)

-Francisco Estévez: tráfico, policía local, e participación cidadá

-Antonio Traba: deportes e xuventude

-Cristina Acuña: turismo e comercio

-Ramiro Gestido: empresa, novas tecnoloxías e medio rural

-Beatriz Rodríguez: persoal e cultura

 


Responses

  1. Unha vez mais, paréceme perfecta esta crónica do pleno.
    Sólo quero engadir que Isabel martínez Epifanio solicitou que “non se cobrara por asistir ás comisións informativas”, e dona Pilar Blanco respondeu:
    “Se a señora Epifanio é tan xenerosa e non quere cobrar, alá ela, que non cobre”

    Isabel tomouno a chanza e afirmou “xa vexo que nesta lexislatura non vou ser sólo oposición, senon oposición da oposición”

    Apertas a Monte Pituco e todos os seus lectores e lectoras.
    Xa sei que hai veces que parece que nós mesmas somos do PP, pero amig@s, de verdade vos digo que á esquerda marinense non hai por onde collela, e por moito que nos empeñemos, de momento, non podemos dfendela sin mentir.

    • Suscribo a observación. Alén diso, Isabel Martínez tamén lle reprochou a Pilar Blanco o seu comentario sobre os “chanchullos e as corrupcións”, dicíndole que o que acababa de afirmar era “bastante forte”.
      Alguén no foro Marinenses comentaba que porque o PP se asignaba eses soldos que, con razón, poden parecer elevados de máis para as circunstancias actuais, estaba mal, pero que se o fixeran o BNG e o PSOE non lles ían abondar as unllas e os dentes para defenderse a ultranza das críticas que eles mesmos verquen contra o PP.
      Pilar Blanco retratouse ben retratada cando, á proposta de Mar-In para prescindir das compensacións por asistencia a comisións, champoulle, sen cortarse un pelo: “Se algunha persoa non quere cobrar, pode renunciar para ela mesma” (en alusión a Isabel Martínez), “pero nós nos mantemos, a lei así o di e temos dereito”… Amighiña, que non che toquen os euros.
      Por iso debería tomar boa nota a voceira nacionalista cando a independente lle replicou: “Eu son demócrata e acepto a decisión do pleno, mais NINGUÉN VAI DECIDIR POR NÓS. E nos guste ou non, o PP ten maioría absoluta”.

      …Como se soe dicir… Chámpalle unha ghasiosa!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: