Hai uns días Espazo Feminista Marín e Zeivas Colectivo Feminista organizaron un taller de creación de pancartas e material reivindicativo de cara ao Día da Muller. Unha das propostas consistía en que as persoas que ata alí se achegasen contribuíran a elaborar unha ‘apócema contra o machismo’:
“Escribe e mete neste tarro accións cotiás que combatan as actitudes machistas que vivimos. Por exemplo: as cores non son nin de nenos nin de nenas; non agasallar ás nenas só con maquillaxe e bonecas, nin aos nenos con balóns e superheroes”.
Dende as nosas orixes hai xa dez anos, a Asociación Monte Pituco vén padecendo actitudes de desprezo, censura, veto e soportando o poder implacable das sucesivas directivas da Comunidade de Montes, masculinas e masculinizadas. Contrariamente ao que se pode presupoñer nunha sociedade que vai adaptándose á crecente sensibilidade a prol dos dereitos das mulleres e do maior protagonismo que reclaman, a actual xunta reitora tense revelado como a peor en materia de igualdade e de (falta de) respecto ás mulleres da parroquia que queren facerse oír para opinar e discrepar obxectivamente da xestión realizada.
Na última asemblea anual do pasado mes de xaneiro asistimos con estupor á tensa discusión entre unha comuneira que amosaba o seu desacordo coa cantidade dunha subvención da Administración provincial porque a cifra que declaraba a directiva era inferior á cuantía publicada na prensa. A protesta da veciña dende a zona do público quedaba solapada polo presidente que, co micrófono fortemente agarrado coas dúas mans, non lle deixou expresarse e utilizou a megafonía para impoñer a súa voz.
Despois de gobernar a Comunidade de montes durante anos cunha directiva composta exclusivamente por homes, non por ter incorporado recentemente unha muller van disimular a súa actitude opresora contra as comuneiras que cuestionan o que fan a nivel económico, que aspiran á implantación dun plan multifuncional dos recursos e, sobre todo, que defenden a protección dos bens culturais fronte ao desleixo da directiva.
Velaquí pois a modesta contribución da Asociación Monte Pituco contra a violencia, a agresión e a invisibilización das mulleres en calquera ámbito da vida:
NAItureza
No 3 de marzo, Día Mundial da Vida Silvestre, non se nos ocorre mellor homenaxe. Con todo o alento da Asociación Monte Pituco para que este 8M sexa histórico!
Deixar unha resposta