Publicado por: MontePituco | 10/03/2019

SENDEIRISTAS DE NEGREIRA, COMPOSTELA E CERCEDA

Ruta polo Espazo Sete Camiños con sendeiristas de Negreira, Compostela e Cerceda

O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños recibiu hoxe un grupo de sendeiristas procedentes de diversas localidades da provincia da Coruña: Negreira, Compostela, Cerceda. 

Trala visita aos petróglifos e á mámoa de Sete Camiños, o itinerario continuou polo monte veciñal de Salcedo, onde lles explicamos o arduo labor da Comunidade de Montes para erradicar a praga de acacias e transformar os espazos degradados que ocupaba esta especie invasora en arboredas con especies autóctonas e frondosas, ademais de traballar tamén no acondicionamento dos regatos coa plantación de especies de ribeira.

 

Un dos aspectos do percorrido que máis lles chamou a atención foi a abundancia de auga, coa presenza de arquetas de pozos, depósitos e zonas húmidas.

Ruta polo Espazo Sete Camiños con sendeiristas de Negreira, Compostela e Cerceda

Durante a visita tamén falamos da intensa actividade educativa que desenvolve a Comunidade de Montes de Salcedo, organizando rutas guiadas para que os escolares dos centros de ensino de Pontevedra coñezan o patrimonio arqueolóxico da parroquia, aprendan a valoralo e a respectalo, e que o alumnado participe activamente nas repoboacións forestais para adquirir sensibilidade ambiental e aprezar a biodiversidade.

…Sen dúbida, un exemplo que outras comunidades de montes deberían seguir! 

 

Outra das paradas obrigadas foi en Outeiro das Mouras para visitar os petróglifos de Regato dos Buratos, a Pedra do Fundamento e contar antigas historias asociadas a estes xacementos rupestres. 

Ruta polo Espazo Sete Camiños con sendeiristas de Negreira, Compostela e Cerceda

A pesar do disgusto da Comunidade de Montes de Salcedo polas agresións ás plantacións por parte de xente que carece de respecto pola natureza e polos recursos que con tanto esforzo destinan á mellora do territorio, observamos que a Arboreda do Vello, unha zona de 3 hectáreas repoboada en 2016 con preto de 3.000 árbores, vai consolidándose e conformando un fermoso bosque autóctono. Haberá que voltar máis entrada a primavera para velo reverdecer!

Ruta polo Espazo Sete Camiños con sendeiristas de Negreira, Compostela e Cerceda

Os visitantes coruñeses quedaron abraiados cando lles amosamos fotografías de como era esta parte do monte de Salcedo onde anos atrás fora construída a ‘aldea afgá’ da Brilat, en contraposición co aspecto actual: onde antano había edificacións, agora hai unha repoboación forestal.

Tamén era oportuno recordar que nove anos atrás, cando os integrantes da Comisión Técnica do proxecto de creación do Espazo Sete Camiños percorriamos o monte para visitar os xacementos, as patrullas militares interceptábannos e botábannos da zona. Se agora é posible visitar os petróglifos é pola determinación da Comunidade de Montes na reclamación xudicial da propiedade dos terreos comunais que foran usurpados para a base militar. Por desgraza, a mámoa de Louredo é un ben patrimonial irrecuperable, destruído a causa das manobras de adestramento.

 

 

Antes… Agora!

Ruta polo Espazo Sete Camiños con sendeiristas de Negreira, Compostela e Cerceda

Narcissus bulbocodium, ou Trompeta de Medusa, no monte veciñal de Lourizán

A visita rematou no ‘balcón da ría’, destacando as dúas estacións dos petróglifos do Pornedo, no monte veciñal de San Xulián: nunha delas lembramos a figura do marinense José Meijón, que deixou a súa impronta a carón dos gravados prehistóricos; e na laxe principal, situada a poucos metros, salientamos a coincidencia de representacións abstractas con círculos e coviñas, xunto con armas que permiten datar este importante xacemento na Idade do Bronce.

Ruta polo Espazo Sete Camiños con sendeiristas de Negreira, Compostela e Cerceda

E aínda que a néboa mesta que se botou sobre o miradoiro do Pornedo impediu gozar da marabillosa paisaxe da ría, coa illa de Tambo enfronte e co arquipélago de Ons no horizonte, foi unha experiencia moi agradable e enriquecedora. Dende a Asociación Monte Pituco agradecémoslles o interese por coñecer o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e agardamos que volvan achegarse por este recuncho dos Montes do Morrazo.

Ruta polo Espazo Sete Camiños con seideiristas de Negreira, Compostela e Cerceda


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: