“Feminismo para o 99%: un manifesto”, de Cinzia Arruzza, Tithi Bhattacharya e Nancy Fraser. Tradución de Patricia Buxán. Catroventos Editora, 2019
“Ben que a crise ecolóxica actual non é a primeira na historia do capitalismo, si é sen dúbida a máis global e premente. O cambio climático que actualmente ameaza o planeta é o produto directo do recurso histórico do capital á enerxía fósil a fin de alimentar as fábricas de produción industrial masiva que constitúen a súa marca”.
“En todo o mundo, as mulleres lideran loitas contra a privatización da auga e das sementes, pola conservación da biodiversidade e unha agricultura sustentable”.
“As reivindicacións das mulleres céntranse no mundo real, un mundo no que a xustiza social, o benestar das comunidades humanas e a sustentabilidade da natureza non-humana están estreitamente ligados. A liberación das mulleres e a defensa do planeta fronte ao desastre ecolóxico van da man: entre si e para vencer o capitalismo”.
Dúas datas conmemorativas conflúen nesta reflexión: o novo éxito do movemento feminista que o pasado 8M encheu as rúas de Marín, de toda Galicia e do resto do Estado reclamando igualdade e dereitos para as mulleres; e o 15M Climático, que bebe do movemento #FridaysForFuture impulsado pola activista sueca Greta Thumberg.
O Colectivo Feminista Zeivas prolonga aínda unha semana máis os actos do Día da Muller coa celebración dun faladoiro arredor do libro “Feminismo para o 99%: un manifesto”, elaborado polas investigadoras feministas Cinzia Arruzza, Tithi Battacharya e Nancy Fraser, e traducido ao galego por Patricia Buxán, que tamén é unha das cofundadoras do selo editorial que o publica, Catro Ventos. Unha das teses nas que se sustenta esta obra tan interesante afirma que “na súa loita para reverter a destrucción que o capital fai da Terra, o feminismo para o 99% é ecosocialista”. Este capítulo non está entre os máis longos do libro, pero as achegas que fai destacan o protagonismo das mulleres a nivel mundial na loita pola defensa da natureza.
Sábado 16 ás 12h no Espazo Lector Nobel de Marín, faladoiro con Patricia Buxán, tradutora do libro “Feminismo para o 99%”
As accións de rexeitamento ao polígono industrial co que o Concello de Marín e a Xunta pretendían destruír o ‘balcón da ría’; os estudos técnicos elaborados para probar a inviabilidade técnica das infraestruturas proxectadas; o soporte emocional necesario para alentar esta loita durante os últimos dez anos… levan nomes de fillas, nais e avoas. As mulleres están no cerne desta causa, traducida nunha dobre e merecida vitoria xudicial.
A lectura deste libro é un acto de (auto)afirmación feminista. Porque tras un logro titánico, cómpre reivindicar o tesón incansable, o espírito de sacrificio, os firmes principios, a intensa dedicación a esta causa; que detrás deste traballo estea o enfoque das mulleres forma parte do éxito acadado, sen subestimar a achega dos homes -tanto veciños como profesionais- que foron partícipes desta iniciativa.
E todo a pesar das actitudes machistas sufridas nos últimos anos por parte de individuos que non están mentalmente preparados para asimilar que as mulleres sirvan para moito máis que adornar unha directiva; que non toleran que as mulleres teñamos opinión e voz propia sobre temas nos que eles se cren donos da verdade absoluta; que reaccionan con inxustificables ataques personais e burdas campañas de desprestixio profesional amparados no anonimato das redes sociais ante a súa incapacidade para cuestionar argumentos irrebatibles; ou que mesmo cheguen a proxectar a través de terceiras persoas ameazas veladas de risco para a integridade física intentando coartar a liberdade de movemento, ademais de recorrer á censura e ao veto como castigo e represalia por exercer o dereito á libre expresión, por non entrar polo aro de ninguén, por ser quen de liderar unha causa que desacreditou a un Concello, un Goberno autonómico e unha Comunidade de (des)Montes.
Canta falta fai que a cultura, a lectura, a reflexión e a autocrítica entren como o aire fresco en determinadas estancias. Especialmente naquelas nas que os libros se gardan baixo chave.
Deixar unha resposta