Na liña habitual da Comunidade de (des)Montes de San Xulián de ignorar, desatender e desprezar as necesidades do Monte Pituco, a arboreda lindante coa veciña parroquia pontevedresa de Lourizán, na estrada de Figueirido, está cada vez nunha situación de peor abandono:
* As silvas e a vexetación comezan de novo a adquirir un volume e unha densidade importantes sen que a directiva dispoña fondos para adecentala a pesar de que no último ano gastáronse (e mesmo se despilfarraron) milleiros de euros en desbrozar -excesivamente e sen adoptar, por certo, ningunha medida de protección do patrimonio arqueolóxico- amplas zonas de monte.
* As tres fontes existentes na arboreda botan auga a caño libre, desperdiciando así un recurso limitado e valioso en épocas de seca, sen que a Comunidade actúe para instalar billas novas ou para aplicar medidas alternativas que contribúan a racionalizar o uso dos acuíferos dos que se abastecen eses surtidores. Todos eles, ademais, son horrorosamente feos, entre os mamotretos de cemento e a plancha de pedra que semella unha lápida.
* O arborado carece de tratamentos de poda e moitas das pólas están quebradas como consecuencia dos últimos temporais e ameazan con desplomarse, co conseguinte risco para a integridade de calquera usuario deste espazo natural.
* Ningunha das propostas de mellora presentadas pola Asociación Monte Pituco dirixidas á directiva da Comunidade foi atendida, malia que xa vai para tres anos da elaboración dun documento que, entre as 12 medidas que solicitaba, estaba a instalación dun valado perimetral que garantise a seguridade de quen acuda a esta área de lecer, para evitar caídas polo terraplén, cuxos bordes están ocultos pola vexetación.
* Por riba de todas estas eivas, nos últimos días obsérvase que un dos extremos da arboreda presenta un recheo de terra de dubidosa e máis que cuestionable procedencia. Terra que foi extendida por riba do chan e aplastada coas rodas do propio vehículo que probablemente a depositou. Terra que deixa á vista abundantes restos de plásticos, anacos de entullo e outros residuos. En definitiva, o lema da Comunidade é: o que sobre nalgures e non sirva para ningures, para o Monte Pituco!
Por se isto fose pouco, a Comunidade de (des)Montes de San Xulián estaría mantendo unha práctica que xa se lle detectou na asemblea do pasado 2018 cando, entre os gastos enumerados e imputados nas contas do ano anterior, figuraba unha cuantía destinada á limpeza da arboreda do Pituco que, en realidade, non se fixo nin con fondos nin con persoal contratado pola Comunidade. Foi no verán de 2017 cando, con motivo da celebración do acto de entrega dos Premios da Lingua de Queremos Galego Marín, esta entidade solicitoulle á Comunidade de Montes de San Xulián que adecentase a arboreda para reunir alí os seus invitados, posto que a herba estaba xa moi alta. A Comunidade de Montes negouse a realizar ese traballo alegando falsamente que a zona estaba ‘afectada’ por Patrimonio, un extremo que a Asociación Monte Pituco e Queremos Galego puidemos desmentir persoalmente na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, en contacto directo dun dos arqueólogos que negou rotundamente semellante afirmación; unha excusa e unha mentira en toda regra. Non obstante, a directiva autorizou, iso si, a que fosen integrantes de Queremos Galego quen limpasen. En efecto, xente de Queremos Galego Marín desprazouse á arboreda con fouces, luvas e rastros para retirar a vexetación máis crecida nun extremo do parque; o suficiente para acoller as persoas convidadas. A sorpresa viría na asemblea de abril de 2018 cando nas contas da Comunidade se declaraban uns cartos en concepto de limpeza da arboreda que, en realidade, fora parcialmente desbrozada por Queremos Galego. E de balde!
Máis do mesmo na asemblea deste pasado mes de xaneiro de 2019 cando a Comunidade detallou 459,80 euros en “recoller basura do monte”. O Monte Pituco foi o principal receptor de verquidos ilegais na parroquia de San Xulián -probablemente como consecuencia de que a Comunidade ordeou retirar os rótulos disuasorios-, con varios depósitos de entullos ao longo da pista forestal ao e un abundante lote de material de desguace ao carón da Fonte das Pulgas. Pero non foi a Comunidade de Montes a que procedeu a retirar eses residuos, senón os servizos municipais do Concello de Marín, que non lle pasaron a factura á Comunidade, como a Concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, nos confirmou á Asociación Monte Pituco.
A inmensa maioría das comuneiras e comuneiros descoñece estes feitos; acoden ás asembleas e asinten con absoluta candidez a todo o que se expón, reaccionan cun espírito acrítico e cunha vontade domesticada polas “subvencións” que reciben as asociacións veciñais ás que pertencen. “Só veciñais, non culturais”, como se encargou de argumentar o presidente da Comunidade ao ser preguntado por qué a Asociación Monte Pituco non percibía nin un céntimo dos recursos da Comunidade malia organizar actividades relacionadas coa parroquia e co monte comunal.
A realidade é que a Asociación Monte Pituco está vetada pola Comunidade porque non vai polo rego marcado; non entramos polo aro cando a directiva nos pediu que cedésemos o noso material gráfico á Comunidade, por exemplo; ou cando a Comunidade acudiu a este colectivo para que denunciaramos agresións no arborado malia que si se lle aconsellou como canalizar a protesta. Pola contra, a Asociación Monte Pituco nunca renunciou aos seus principios de protección e promoción do medio ambiente e do patrimonio: non só gañamos -cos nosos propios medios e méritos, sen ningún apoio da Comunidade- dúas sentenzas firmes e irrevocables do TSXG contra o polígono industrial proxectado no ‘balcón da ría’ polos gobernos local e autonómico, senón que seguimos defendendo o patrimonio catalogado fronte ás accións irresponsables como a “agresión grave” -así a catalogou a Dirección Xeral de Patrimonio- provocada pola Comunidade de San Xulián no conxunto rupestre da Carrasca.
E o exercicio da coherencia, da dignidade e da excelencia ten un prezo, sobre todo cando a Comunidade de (des)montes é a ‘damnificada’: velaí a represión, a vinganza e o castigo a través da prohibición de uso das instalacións da Casa de Montes para impedirnos celebrar nela as Xornadas pola Protección e Posta en Valor do Patrimonio de San Xulián, que levamos dous anos realizando nun bar do centro de Marín. Isto, que non é pouco, máis as faladurías e o desprestixio persoal. E por riba, a directiva da Comunidade está demostrando ter a firme determinación de facer todo o posible por descoidar e deteriorar o Monte Pituco por vías aparentemente sutís, pero moi perceptibles aos nosos ollos.
Eles teñen o poder e o diñeiro, cada vez menos, por certo, porque os recursos da Comunidade de Montes minguan a pasos axigantados en mans destes pésimos xestores. Pero nós temos a verdade, a honestidade, a valentía e o tesón.
[…] dos enseres vellos e doutros residuos tirados a carón do contenedor. Pasou máis dun ano –marzo de 2019– do último artigo denunciando o lamentable estado deste lugar que, malia ofrecer moitas […]
By: A ARBOREDA DO PORNEDO, DESBROZADA… POR FIN!!! | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 13/06/2020
at 17:27