Publicado por: MontePituco | 24/03/2019

RUTA POR SALCEDO COA PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

A primeira ruta desta primavera organizada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tivo como escenario a parroquia pontevedresa de Salcedo, moi aprezada dende a Asociación Monte Pituco pola activa defensa do monte veciñal que vén impulsando nos últimos anos a directiva da Comunidade de Montes que dirixe Fernando Pintos. Precisamente, o presidente destes comuneiros foi un dos asistentes ao roteiro, exercendo en varios momentos como anfitrión para explicar as melloras implementadas nos últimos anos tanto a nivel forestal como na recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico e prehistórico.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Coa igrexa de San Martiño de Salcedo como punto de inicio e de final da andaina, o itinerario discorreu polos lugares de O Cruceiro, O Carramal, o castro do Monte das Croas, os muíños dos regos do Batán e do Outeiro, O Nabalexo, o conxunto rupestre de Regato dos Buratos-Outeiro da Mina, A Armada, O Birrete e A Carballeira, coincidindo nalgúns puntos cos sendeiros sinalizados do roteiro ‘Salcedo no tempo’ e do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

 

A Igrexa de San Martiño de Salcedo, de estilo neoclásico, ten planta de cruz latina e teito a dúas augas. Foi construída enriba doutro templo anterior a partir do ano 1754, xunto coa casa reitoral, o camposanto e unha escola para cativos necesitados. Na fachada principal, entre as dúas torres dos campanarios destaca a figura en pedra de San Martiño de Tours, patrón da parroquia. Ademais, a igrexa está rodeada por un viacrucis de catorce estacións e no adro conta cun cruceiro co Cristo crucificado no anverso e coa Virxe e o Neno no reverso. No lateral dunha das torres destaca a presenza dun singular reloxo de sol ecuatorial.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

 

Na casa reitoral tamén hai, nunha esquina da súa fachada, un reloxo de sol co seu gnomon en perfecto estado de conservación. Preto deste conxunto eclesiástico atópanse varios cruceiros: do Tarabelo e do Cruceiro ou de Torres.

 

A parroquia de Salcedo pertenceu durante o Antigo Réxime á xurisdición de Pontevedra baixo o señorío eclesiástico do abadengo do arcebispado de Santiago de Compostela. Trala Constitución das Cortes de Cádiz de 1812 formou concello propio nos inicios dese século e posteriormente, desde o ano 1842 ata 1869, estivo asociada coa parroquia limítrofe de Lourizán, ata que finalmente nese ano ambas quedaron agregadas ao Concello de Pontevedra. Vencellada moi directamente coa terra e co agro, durante varios séculos os habitantes de Salcedo tiveron que pagar rendas e dezmos; posteriormente produciuse unha desamortización liberal desestruturante e inxusta, á que lle seguíu unha política decimonónica represora e caciquil. Como consecuencia dese contexto adverso, a principios do século XX houbo un intenso movemento sindical de carácter agrarista en defensa dos dereitos laborais da veciñanza.

 

O rego Cubela, tamén chamado Cubeiro, recibe os nomes de rego dos Buratos, das Fraires, do Outeiro e do Batán ou Ponte Batán segundo a zona por onde discorra. Ten os seus nacementos na península do Morrazo, na Chan da Lagoa, a uns 250m de altitude, e máis abaixo é afluente do rego de Tomeza ou dos Gafos, que ten a súa desembocadura nas Corbaceiras, en Pontevedra. É o principal curso de auga que atravesa Salcedo e a súa ribeira probablemente teña relación coa orixe do seu topónimo: Salcedo ten a súa raíz latina no bosque de salgueiro, sendo este unha das especies arbóreas predominantes na ribeira dos cursos de auga. O topónimo Cubela quizais estea relacionado coa fisonomía fortemente encaixonada ou cóncava que o rego produce no val en moitos dos seus treitos.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

As ribeiras do Cubela representan o hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada, onde sobresae a presenza de ameneiros, salgueiros, abeleiras, bidueiros e freixos. No sotobosque tamén abunda o loureiro, xunto co sabugueiro, a pereira brava, o acivro ou a carrasca branca. Nos seus nacementos, na zona que transcorre polo rego das Fraires, existen áreas de brañas que se asocian aos hábitats naturais prioritarios de breixeiras húmidas atlánticas e de turbeiras altas activas, así como do hábitat de interese comunitario de augas estancadas oligotróficas ou mesotróficas. Así o evidencia a presenza de especies de flora acuáticas e palustres -esfagnos, fentos acuáticos e ciperáceas- máis fauna acuática vertebrada e invertebrada, con especies endémicas e vulnerables. Tamén están presentes os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas, con bos exemplos de carballos, xunto con arborado ribeireño e breixeiras secas europeas nas partes máis altas e montañosas.

 

Outro dos aspectos que caracteriza Salcedo é a grande importancia cultural e etnográfica da parroquia, que posúe muíños hidráulicos, canles, pontellas, presas, fontes, lavadoiros… Na contorna destes elementos patrimoniais construíronse vivendas, hórreos e muros de pedra que se insiren nun espazo onde predominan as veigas e os prados, proba da importancia que teñen -desde o pasado ata a actualidade- as actividades agropecuarias.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Entre os muíños hidráulicos destinados á moenda dos cereais procedentes dos cultivos, principalmente millo, destacan os muíños do rego do Batán. Este topónimo refírese a un mecanismo artesanal para bater tecidos que funcionaba coa forza da auga, mais hoxe en día xa non se conserva. Hai catro muíños de rodicio horizontal, conectados por canles de pedra; a maioría son de herdeiros, agás o de maior tamaño, que é de cubo vertical, dous infernos e un segundo andar con función de vivenda. Este último era privado e de maquía.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

 

Tamén están os muíños do rego do Outeiro: son cinco construccións de canle, a maioría deles dunha soa moa e de herdeiros, agás dous que eran de maquía. A maior parte dos muíños están abandonados e en desuso, pero varios deles foron restaurados e postos en valor pola veciñanza de Salcedo no ano 2014, coa colaboración da Comunidade de Montes da parroquia.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

 

No lugar de Birrete, á beira do rego Cubela ou do Batán, sitúase o Castro do Monte das Croas, un asentamento prerromano da Idade do Ferro onde, tralas excavacións realizadas en 1992, 1993 e 2014, atopáronse restos de estruturas habitacionais curvas, unha liña de muralla de mampostería e fragmentos de envases de cerámica e pezas de bronce. Estes restos datáronse cronoloxicamente entre os séculos VII e V aC, coa particularidade de que foi abandonado mentres se estaba procedendo a súa construción.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

A preservación da cultura inmaterial permitiu recoller unha lenda dunha moura sobre supostos tesouros e encantamentos coa veciñanza que ás veces aparecía polo lugar. No interior do castro tamén se localiza unha rocha con gravados modernos e no perímetro exterior están os restos dun cruceiro cunha inscrición no seu varal datado na Idade Moderna, o que denota unha cristianización do lugar.

 

 

No lugar do Nabalexo, fitónimo referente ao cultivo de nabos, atopouse un asentamento sen escavar con cerámica campaniforme, referente aos primeiros tempos da Idade dos Metais, de hai máis de 4.000 anos.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Na parte máis alta do rego Cubela ou das Fraires e, preto dos seus nacementos, no lugar de Regato dos Buratos, atópase o conxunto rupestre de Outeiro da Mina, Outeiro das Mouras ou Chan das Mouras, con doce estacións arqueolóxicas de gravados prehistóricos, incluídas as Pedras do Fundamento e do Encantamento. Remóntanse á Idade do Bronce, hai máis de 4.000 anos, e ofrecen unha ampla tipoloxía: circos concéntricos, coviñas, punteados, apéndices e un posible antropomorfo e zoomorfo esquematizados, de deseño único no territorio galego.

A Pedra do Fundamento ou das Mouras está asociada, na mitoloxía popular, coa cultura inmaterial. A maioría dos petróglifos xa eran coñecidos desde principios do século pasado; na actualidade teñen a catalogación de Ben de Interese Cultural e no ano 2015 foron postos en valor a través do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, coa colaboración de varios colectivos veciñais e sociais e coas Comunidades de Montes das parroquias pontevedresas de Salcedo e Lourizán, principalmente, ás que se uniu a marinense de San Xián. Esta última, sen embargo, tense desvinculado na práctica das tarefas de mantemento e divulgación do Espazo.

 

No lugar de A Carballeira localízanse as instalacións da Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas e adscrita á área de Ciencias Agrarias, abranguendo diversos aspectos de conservación e caracterización de recursos fitoxenéticos dos principais cultivos a nivel galego. Dende 1927 as instalacións están nunha finca coñecida como Pazo do Gandarón que, en orixe e desde o século XVIII, pertenceu ao Arcebispo Malvar. Dende principios do pasado século XX pertence á Deputación de Pontevedra, que llas cedeu á Misión Biolóxica.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

 

As principais afeccións que padeceron as ribeiras do rego Cubela nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, a invasión das acacias, os incendios forestais, as verteduras de lixo e de entullos, a construcción da AP-9, a instalación de torretas e cableado aéreo de alta tensión, o urbanismo incontrolado, as instalacións militares da BRILAT, a utilización de biocidas, o desbroce das brañas e a desnaturalización do medio. As ameazas parten principalmente da clasificación actual do solo segundo o Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Pontevedra, vixente desde o ano 1989, e que cataloga as ribeiras do rego Cubela como simple solo rústico común, instalacións de defensa militar e, como moito, hai algunhas zonas co rango de protección forestal. Sen embargo, non hai ningunha figura de protección ambiental axeitada.

 

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, as ribeiras do rego Cubela -dada a súa importancia a nivel paisaxístico, ambiental e cultural e como corredor ecolóxico- deberían ter, como mínimo, a catalogación de Espazo Natural de Interese Local.

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Ruta por Salcedo coa Plataforma Montes do Morrazo

Texto: elaboración a partir dun artigo de Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo

Gráficos: Paulo Troitiño

Fotografías: Asociación Monte Pituco


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: