Publicado por: MontePituco | 01/04/2019

SEGUIMOS ESIXINDO O CUMPRIMENTO DA SENTENZA CONTRA O PXOM

Escrito presentado no Rexistro Municipal do Concello de Marín

A Asociación Monte Pituco vén de dirixirse novamente ao Goberno Local para reclamar urxentemente a modificación puntual do PXOM no que respecta ao cumprimento da sentenza do TSXG contra a clasificación do Monte Pituco como solo industrial.

O escrito presentado a través do Rexistro Municipal lembra que unha primeira sentenza do TSXG, con data do 18 de maio de 2017, ordéalle á Xunta retirar o proxecto de Parque Empresarial Marín-Pornedo que, a instancias do Concello de Marín, fora incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. O 23 de novembro dese mesmo 2017, o TSXG volvía emitir un segundo dictame obrigando á Administración Local a anular a catalogación do Monte Pituco, ou Pornedo polo seu topónimo tradicional, como solo urbanizable delimitado de uso industrial.

Tendo en conta que o Pleno da Corporación local xa tomou coñecemento da sentenza que lle afecta, e posto que ambas resolucións son firmes e irrevogables (a primeira dende o 1 de setembro de 2017 e a segunda dende o 23 de xaneiro de 2018), a Asociación Monte Pituco esixe que o Concello de Marín cumpra dunha vez a sentenza, posto que xa pasou ano e medio dende a primeira e catorce meses da segunda.

O escrito remitido á Alcaldía e á Concellaría de Urbanismo demanda a convocatoria inmediata da Comisión de Urbanismo para iniciar á maior brevidade as xestións oportunas que permitan acometer a modificación puntual do PXOM en cumprimento das resolucións do TSXG. Tamén reclama información por escrito sobre o prazo concreto no que esas medidas se vaian levar a cabo.

Para a Asociación Monte Pituco, un asunto de tanta trascendencia como a planificación das dotacións para uso empresarial e industrial cómpre regularizalo canto antes, axustándose á lei e deixándoo encamiñado para o seguinte mandato. Por iso ínstase o Goberno local a iniciar a tramitación antes das próximas eleccións municipais de maio.

Por dignidade e por dereito, conquerido con moito esforzo -e por partida dobre- nos tribunais, a Asociación Monte Pituco vese na obriga de seguir reivindicando os seus dereitos. Ademais, de forma simbólica, cada petición remitida ao Goberno local acompáñase cunha goma de borrar para recordarlle aos responsables municipais que por imperativo xudicial están obrigados a suprimir a clasificación do Pituco como solo industrial.

Atendendo ás especiais cualidades do Monte Pituco que o TSXG apreciou nos seus dictames -a orografía natural dun terreo cun acentuado desnivel, a existencia de patrimonio histórico catalogado como Ben de Interese Cultural, a importancia natural e paisaxística deste enclave no contexto da ría de Pontevedra e dos Montes do Morrazo- a Asociación Monte Pituco non cesará de demandar máis atencións e investimentos por parte do Goberno local a este espazo, para o que cómpre abrir as vías de cooperación que correspondan coa Comunidade de Montes de San Xián como titular do terreo veciñal, en aras de poñer en valor os xacementos arqueolóxicos que seguen estando nunha situación de absoluta e preocupante precariedade, rodeados de vexetación seca e de especies pirófitas que fan temer seriamente pola integridade dos gravados rupestres en caso de incendio.

Á marxe da acción de Goberno que proceda no que queda deste mandato, a Asociación Monte Pituco tamén apela á responsabilidade dos dirixentes políticos para que, ante a inminente convocatoria electoral, respecten e acaten rigorosamente os termos dos dictames xudiciais elaborando o seu programa conforme ás decisións do TSXG referentes á protección e á conservación do Monte Pituco, desistindo definitivamente de considerar esta zona nas súas previsións de hipotéticas infraestruturas, que volverían contar co rexeitamento e coa acción combativa desta Asociación.

 


Deixar un comentario

Categorías