Publicado por: MontePituco | 22/01/2017

VISITA FRUSTRADA AO CASTRO DE MONTEALEGRE

Marcha pola protección do Castro de Montealegre

A Subdelegación do Goberno prohibiu o acceso ao castro de Montealegre a tres días da celebración da marcha organizada pola plataforma cidadá que defende a conservación deste asentamento prehistórico afectado polo desdobramento do Corredor do Morrazo. 

Non caben medias tintas, panos quentes, nin tibieza. O castro de Montealegre cómpre defendelo con maior contundencia porque a Xunta -coa complicidade do Goberno Central- xoga a desmobilizar, desmotivar, dividir, ningunear. 

Moitas das máis de 300 persoas que hoxe acudiron ao chamamento da Plataforma Salvemos o Castro de Montealegre para desprazarse ata o antigo xacemento viron frustrado o seu desexo de coñecer, pisar, sentir e admirar este enclave dos séculos III e IV a.C. Disfrazando de medidas de seguridade o que sen dúbida é un xesto máis da súa prepotenciada, a Xunta fixo que se impedise a vontade da cidadanía de achegarse ata o antigo poboado castrexo para comprobar a dimensión real da desfeita que se pretende realizar e da que a conselleira de Infraestruturas afirmou que non hai marcha atrás na visita ás obras que realizou o pasado 18 de xaneiro

E mentres Ethel Vázquez segue decantándose pola catalogación das pezas que se recuperen da excavación e polo traslado dalgunhas cabanas a outro emprazamento, a Plataforma insiste na modificación do trazado das obras de ampliación do corredor, na protección integral do enclave, na creación dun centro de interpretación do castro e no retorno a Domaio das pezas recollidas nas prospeccións arqueolóxicas.

Que como é posible que o castro de Montealegre figure nas guías turísticas do Morrazo como lugar de visita recomendada e, paradoxicamente, a Dirección Xeral de Patrimonio sexa cómplice da súa destrucción? A perigosa suma de dúas palabras -interese público- que o Goberno galego utiliza con moita ‘alegría’ e pouca coherencia.

…Pero deses paradoxos tamén sabemos abondo en Marín ‘grazas’ ao Concello, que nas súas guías inclúe o Monte Pituco (Pornedo) entre os espazos de interese paisaxístico pola súa privilexiada ubicación como ‘balcón da ría’, pero non lle doen prendas en clasificalo como solo industrial. Viva o “interese público”, vivan as leis de protección do patrimonio e da paisaxe, e vivan os políticos de turno que as converten en papel mollado facendo que a cultura e o patrimonio sexan a última escoria cando están en xogo motivacións urbanísticas, económicas ou políticas. 

E mentres Núñez Feijóo segue ignorando as peticións de entrevista formuladas pola Plataforma, o castro de Montealegre vaise achegando á súa practica desaparición. Cando máis tempo gaña o Goberno galego, máis tempo perde o colectivo que loita pola pervivencia do xacemento. 

E dunha parte, a trintena de arqueólogos que traballaron hai 17 anos na anterior excavación con motivo da apertura do Corredor, preparan unha nova charla informativa para seguir gañando adhesións a esta nobre causa pola defensa do “bastión” de Montealegre. E doutra, os frustrados visitantes do castro aos que a Subdelegación deu coa ‘barreira’ nos fuciños prohibíndolles o acceso, confíanse á suposta boa vontade do responsable de Infraestruturas que presuntamente vai xestionar unha visita guiada ás persoas que se inscriban previamente. Unha mostra máis de que a sociedade non é dona tan sequera do patrimonio público, que vivimos sometidos ao dictado dunha minoría tocada polo dedo do poder.

Que Montealegre non se convirta en Montetriste depende da valentía da xente, da rebeldía diante dunha grave decisión política que atenta contra a historia, a cultura, o desenvolvemento sostible dunha bisbarra sistematicamente machacada por todo tipo de infraestruturas aberrantes. Por xustiza, dignidade, principios e lóxica. Nun país civilizado e normalizado sería impensable que un castro fose aniquilado polas excavadoras, por moitos milleiros de pezas -xa superan as 40.000- cerámicas, metálicas, óseas que depositen friamente nun museo.

Vídeo da marcha elaborado por Baz Singh

Marcha pola protección do Castro de Montealegre

DSC_2493.JPG

Marcha pola protección do Castro de Montealegre

DSC_2497.JPG

Marcha pola protección do Castro de Montealegre

Marcha pola protección do Castro de Montealegre


Respostas

  1. […] organismo autorizou a visita guiada ao poboado castrexo. Aquela que non se puido facer o pasado 22 de xaneiro, con motivo da primeira marcha porque, a tres días da mobilización, os responsables do […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: