Unha inesperada visita á comarca do Salnés lévanos ata o mosteiro de Armenteira, en Meis. Un recuncho con historia, cultura e arquitectura que paga a pena coñecer. Mentres percorremos, unha, dúas, tres… veces o seu claustro, reparando nos detalles da pedra, acompáñanos a música e os cantos das relixiosas, que inician un momento de oración na capela.
Os textos que seguen sobre as orixes do recinto, as lendas e a estrutura do edificio teñen como fonte a web www.monasteriodearmenteira.es, onde se poden adquirir os produtos que elaboran -xabóns, bebidas, cerámica…- que tamén están a disposición dos visitantes na tenda do propio mosteiro.
En 1.162 aparece por primeira vez o nome do mosteiro nos documentos oficiais da Orde Cisterciense. Sempre foi un mosteiro modesto, cunha comunidade pouco numerosa. A desamortización obriga os monxes a abandonar o cenobio en 1837. A partir dese momento os edificios, agás a igrexa e a parte visible do claustro, vanse desmoroando. A partir de 1.961, Carlos Valle-Inclán -fillo do escritor- vai na procura do lugar que inspirou o seu pai “Aromas de Leyenda”, funda a asociación “Amigos de Armenteira” e pouco a pouco leva acabo gran parte da reconstrucción. Isto permite que un grupo de monxas procedentes do Mosteiro de Alloz, en Navarra, restaure a vida cisterciense.
Ero, cabaleiro de Afonso VII, casado, non tiña fillos, o que era causa de dor para el e mais a súa dona. Por intercesión da Virxe María, pedíanlle a Deus un herdeiro. Unha noite os dous tiveron o mesmo soño: a Virxe aseguroulles que era vontade de Deus que tiveran moitos fillos espirituais. Decidiron fundar dous mosteiros. Ero solicitoulle monxes cistercienses a San Bernardo de Claraval, quen lle enviou catro. Pasado un tempo, Ero converteuse en abade. Un día atopábase sumido en dúbidas sobre o Alén. Inquedo, pasea fóra do mosteiro ata que escoita o canto dun paxariño. Cando o rechouchío remata e volve ao mosteiro, nada é igual. Pasaran douscentos anos!
Lenda repetida en numerosos mosteiros medievais, relatada na Cantiga 103 de Afonso X el Sabio
Ao fondo da nave central, un rosetón de calados xeométricos florados deixa penetrar o sol mortecino do poniente antes de que as sombras invadan o recinto á caída da noite. As igrexas cistercienses están orientadas ao oriente, na busca da primeira luz; coa súa planta lixeiramente elevada sobre o plano do mosteiro, agarda sempre pola chegada do sol nacente,
O actual claustro, comezado na segunda metade do século XVI, amosa na variedade das súas claves de bóveda, as diferentes épocas da súa construcción, que se prolonga durante máis dun século. A porta de acceso é o único que queda do primitivo claustro.
A entrada á capela é un evidente erro construtivo polo tipo de pedra pedra pulida empregada para facer as escaleiras e o marco da porta de acceso. Desentoan claramente no conxunto…
A data 1777 está gravada sobre os arcos do claustro que dá á torre da igrexa. Aos dous lados contiguos figura o ano 1778, mentres que en fronte lese 1779.
As palabras do escritor Gonzalo Torrente Ballester dan a benvida e tamén despiden os visitantes do mosteiro.
[…] dunha festa que se celebraba nesta ponte de Semana Santa, tapaba a fachada da igrexa e do mosteiro de Armenteira. Unha mágoa para os moitos visitantes que percorren este itinerario e que se achegan ata este […]
By: RUTA DA PEDRA E DA AUGA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 17/04/2017
at 20:17