O 28 de xuño de 2015 celebrouse a asemblea constituínte da Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo, coa asistencia de 76 persoas. Case un ano despois, esta entidade reuniu os seus socios e socias na Casa da Cultura de Ardán para facer balance da xestión realizada nese tempo, na que sobresae a noticia da legalización da asociación, o pasado 14 de marzo.
O presidente, Luciano Guimeráns, volveu referirse aos lastres que arrastran os nosos montes: abandono e desinterese dos propietarios, baixos prezos da madeira, descofianza da veciñanza para colaborar en iniciativas de mellora, falta de compromiso por parte da Administración… Sen embargo, “un monte ben ordenado e coidado pode xerar emprego e dende o punto de vista medioambiental redunda la diminución dos incendios”, destacou.
Trala aprobación das contas e a ratificación da actual xunta directiva, á que se incorporaron dous novos vogais, detallouse o plan de actuación ata xullo de 2017:
Un dos principais retos que se propón a Asociación é pescudar nas vías necesarias para que se vaia superando a situación do minifundio, tan arraigada na cultura galega polas circunstancias socioeconómicas dun recente pasado histórico cheo de dificultades para que as familias do rural puideran saír adiante; unha situación superada que xa non é operativa no presente e que cómpre revertir para adecuar as dimensións das parcelas ás novas necesidades da produción e do mercado. Non é doado: “Para solicitar a concentración parcelaria no monte hai que reunir a moitos propietarios que estean de acordo”, advertiu a directiva.
Para ir dando pasos nesa dirección, a Asociación ten previsto organizar unhas xornadas informativas cara ao mes de novembro, coa participación de expertos das Universidades e doutros profesionais competentes que acheguen propostas sobre vías de explotación do monte ou experiencias exitosas que se estean desenvolvendo neste momento noutros lugares.
Unha das iniciativas máis interesantes ten que ver coa realización de visitas ao monte para coñecer, ao pé do terreo, cal é a situación das parcelas, tratar de aclarar dúbidas sobre os lindes e facer unha toma de contacto máis práctica que teórica nas futuras accións da Asociación. Estas visitas iranse programando por zonas e daráselles publicidade para que acuda o maior número de propietarios e veciños, especialmente aqueles máis familiarizados co medio, para que axuden a identificar marcos, toponimia e todo canto sexa útil para afondar no coñecemento colectivo do monte.
No próximo mes de marzo, arredor do Día dos Bosques, tamén se vai convocar unha xornada de confraternización dos asociados, que se celebrará no monte. Ademais, a entidade aspira a dotarse dun local onde poidan estar expostos os planos dos polígonos nos que se atopan as ‘tomadas’ ou ‘cachadas’, nos concellos de Marín e Bueu, especialmente.
“Este ten que ser o ano da consolidación e da expansión da Asociación”, apuntaron dende a directiva, que pretende acadar 100 novas altas de socios, sumándoas aos 87 actuais.
Contan co compromiso por parte dos concellos de Marín e de Bueu para optar a algunha axuda na posta en marcha das actividades previstas. A única das entrevistas solicitadas que fallou foi a solicitada ao xerente do Catastro, a quen lle van reiterar a petición. Para a Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo é importante conseguir o respaldo das Administracións e ter acceso ao asesoramento dos servizos xurídicos dos entes públicos para esclarecer as numerosas dúbidas que xorden en relación aos complexos procesos de concentración e de permuta de parcelas, que en moi poucos casos se resolveron con éxito. O camiño está salpicado de procesos fallidos e fracasados, polo que cómpre avanzar coa maior firmeza e seguridade.
Hai máis de 20.000 propietarios de monte privado no Morrazo e máis de 50.000 parcelas; números que marean e dan unha idea da enorme complexidade do reto que ten por diante a Asociación. Mais paga a pena apoiar e colaborar coa causa, sempre no beneficio dos nosos montes, da súa explotación racional e sustentable, que é tanto como dicir en beneficio da nosa sociedade, do medio ambiente e do futuro da nosa terra.
Deixar unha resposta