Publicado por: MontePituco | 17/09/2015

VISITA DE PATRIMONIO AO PETROGLIFO DE PINAL DE CAEIRO

Escrito dirixido ao Servizo Provincial de Patrimonio.

Hoxe damos fe de que hai dous refráns que se cumpren:

“Quen algo quere, algo lle custa” e “Quen a segue, conséguea”.

Hai exactamente un mes a ASOCIACIÓN DEFENDE O MONTE PITUCO presentaba un escrito no Servizo Provincial de Patrimonio da Xunta, en Pontevedra, alertando das posibles eivas nas medidas de protección aplicadas nas obras da nova rede de abastecemento de auga promovidas por Acuaes no que respecta a garantir a conservación do xacemento arqueolóxico catalogado de Pinal de Caeiro, en San Xulián.

Previamente,  DEFENDE O MONTE PITUCO solicitáralle ao Concello de Marín -a través das concelleiras de Cultura, Beatriz Rodríguez e María José de Pazo- que se interesaran pola evolución destes traballos e pola correcta protección destes petroglifos, ante a preocupación desta Asociación polos danos que puideran afectar ao petroglifo do ‘Ciclista’ se o valado metálico e as cintas de obra non fosen abondo ou estiveran incorrectamente instaladas.

Foi ao final do Pleno da Corporación celebrado en agosto onde a alcaldesa, María Ramallo, afirmou que o organismo competente era a Dirección Xeral de Patrimonio, ou o que era o mesmo, que o Goberno local de Marín non ía facer nada pola supervisión dos traballos en Pinal de Caeiro.

Un mes despois, un técnico do Servizo Provincial de Patrimonio acudiu hoxe ata o lugar no que se atopa o gravado de Pinal de Caeiro e CONFIRMOUNOS que, en efecto, as medidas de protección non foron todo o correctas e rigorosas que deberían ter sido. O técnico que visitou o xacemento levou unha impresión negativa da colocación do valado metálico, que rozaba no panel informativo instalado -e pagado!- pola Comunidade de Montes de San Xulián a carón deste petroglifo.

As tubarías de Acuaes, a caron do petróglifo de Pinal de Caeiro

Arqueta a carón dos petroglifos de Pinal de Caeiro.

Aínda que a tubaría que conducirá a auga xa foi soterrada ao longo da pista de servizo da Variante, dende Patrimonio apreciaron acertadamente que as obras aínda non remataron porque falta acometer a reposición do firme da pista, con cemento ou asfalto. Por iso, a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO ten a CONFIRMACIÓN de que o departamento de Patrimonio da provincia de Pontevedra vaille comunicar á empresa que executa as obras de Acuaes a necesidade de mellorar as medidas de protección do gravado rupestre de Pinal de Caeiro.

Dende a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO queremos transmitirlle o noso agradecemento ao Servizo Provincial de Patrimonio por interesarse por esta denuncia e por preocuparse tamén pola situación do conxunto rupestre de Pinal de Caeiro, no que só se pode ver unha parte dos petroglifos, xa que outra das laxes catalogadas está cuberta pola vexetación.

Por suposto, DEFENDE O MONTE PITUCO vaille comunicar ao Concello de Marín -cun escrito dirixido á Alcaldía e á Concellería de Cultura- as consecuencias da queixa presentada ante Patrimonio por esta Asociación, para que se evidencie unha vez máis a ineptitude do Goberno local, a súa pasividade, desinterese, e actitude de brazos caídos pola falta de atención ao patrimonio do Concello.


Respostas

  1. […] nas actuacións realizadas para o vallado daqueles gravados rupestres (ver artigo “Visita de Patrimonio ao petroglifo de Pinal de Caeiro“), o Servizo Provincial de Patrimonio emitiu un informe que confirmou a necesidade de instar […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: