“Tras la realización del inventario del patrimonio cultural en las zonas próximas a la ubicación del proyecto, se produce afección a las zonas de protección de elementos catalogados. Esto conlleva que, previamente al inicio de las obras, se deberá realizar un proyecto de actuación arqueológica, que deberá estar aprobado y autorizado por parte de la Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Además, en dicho proyecto se tendrán en cuenta las medidas de control y seguimiento, y las comprobaciones a realizar ante cualquier evidencia o hallazgo de carácter arqueológico durante el proceso de ejecución de las obras proyectadas. Cuando las obras se realicen en zonas cercanas a elementos protegidos, se deberán identificar, señalizar y proteger siguiendo las indicaciones de la Consellería de Cultura y del Ayuntamiento de Marín”.
Fragmento do apartado denominado “Medidas de protección del patrimonio cultural”, incluídas no “Proyecto segregado del nuevo abastecimiento de agua a Pontevedra y su ría (margen izquierda) Marín” que impulsa a Sociedad Estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES) e ás que a Asociación Monte Pituco presentou alegacións con data 19/11/2014.
No Pleno da Corporación celebrado este mércores a voceira do Grupo Municipal da Marea Veciñal de Marín, Sandra Pesqueira, formulou -no apartado de rogos e preguntas- varias cuestións sobre a afección das obras de ACUAES aos gravados rupestres de Pinal de Caeiro:
“Na Marea Veciñal de Marín somos coñecedores de que o trazado da rede de abastecemento que está a facer ACUAES pasa -e de feito nestes días xa se ven tubarías- na contorna dos petroglifos catalogados de Pinal de Caeiro. Para alén de que nos parece totalmente irresponsable facer esta obra sen respectar a área de protección deste petróglifo, queremos saber:
–Que medidas se están a tomar para protexer de posibles danos a este ben de interés cultural.
–Se o Concello ou Patrimonio están a facer un seguemento das obras ou se pensan deixalo para unha hora antes do pleno como a xuntanza pedida pola Asociación Monte Pituco.
No pasado celebráronse carreiras de ciclocros na contorna do Parque Multi-Aventura sen pedir permiso a Patrimonio e sen valorar os posible danos que poderían conlevar as rodadas das motos por riba dos petroglifos localizados e sen localizar neste parque, e sen respectar tampouco a súa área de protección. Queremos saber se os petróglifos de Pinal de Caeiro sufrirán semellante desconsideración ou se, pola contra, se van preocupar de ver como transcorren as obras de ACUAES”.
A resposta de María Ramallo foi a seguinte:
“Efectivamente, ACUAES ten presentado un proxecto que ten todas as autorizacións pertinentes das Administracións, unha delas é a autorización de Patrimonio, o que lle autorizou e ten presentado un control arqueolóxico respecto deste tema en Patrimonio da Xunta de Galicia como organismo competente. ACUAES ten presentado ante Patrimonio da Xunta de Galicia e xa autorizou o control arqueolóxico das obras que está executando. A empresa contratada terá que facer un control arqueolóxico que é paralelo, é condición sine qua non das propias obras. O organismo competente no tema de patrimonio é Patrimonio da Xunta de Galicia. Nesas obras, é Patrimonio da Xunta de Galicia, igual que noutros proxectos que tramita o Concello e que requiren a autorización de Patrimonio. Neste caso, requeriulles facer un control arqueolóxico. O control arqueolóxico presentárono e xa foi aprobado por Patrimonio da Xunta de Galicia na última comisión, haberá dúas ou tres semanas. Por tanto é un tema que, arqueoloxicamente, entendemos que está controlado”.
Mentres María Ramallo intentaba saír ao paso destas críticas, a concelleira de Cultura, María José de Pazo, erguía a man insistentemente dende o seu asento, apelando á alcaldesa para que lle cedese a palabra, cousa que a rexedora municipal fixo, aparentemente non moi segura de que fose o máis adecuado, pero pedíndolle brevidade á edil. María José de Pazo replicou primeiro ás queixas da Marea Veciñal de Marín sobre a programación do Museo Municipal Manuel Torres e, a continuación, referiuse á reunión que mantivera coa Asociación Monte Pituco, durante a hora anterior ao comezo do Pleno:
“Respecto ao horario de reunións, teño que comentarlle que hoxe a partir das 4 e media da tarde tivemos reunión con diversos colectivos Beatriz, eu e a miña compañeira Cristina. As tres traballamos e temos que adecuar os nosos horarios laborais á atención ao público. Vostede di que unha hora antes (do pleno) atendemos a un colectivo: as tres persoas que viñeron dese colectivo quedaron moi contentas e non puxeron ningunha obxección a esa hora que lles puxemos. Concretamos próximas reunións e non tivo ninguén ningún problema, non sei a conto de que vén ese comentario”.
A voceira de Marea Veciñal de Marín quixo puntualizar as afirmacións realizadas por María José de Pazo pero a alcaldesa impediullo:
“As preguntas contéstaas a Alcaldía ou calquera otro concelleiro. Ela (María José de Pazo) quixo puntualizar sobre a reunión. En rogos e preguntas non se promove debate”.
Dende a Asociación Monte Pituco cómpre formular as seguintes observacións sobre o acontecido no Pleno:
1º/ Agradecer o interese da Marea Veciñal de Marín pola protección dos petroglifos de Pinal de Caeiro con esa pregunta dirixida ao goberno local. Pregunta que o Grupo Municipal de Marea Veciñal de Marín formulou por iniciativa propia, sen petición previa por parte da Asociación Monte Pituco.
2º/ Lamentar que a alcaldesa non coñeza polo miúdo o proxecto das obras de ACUAES que, como xa se indicou ao principio deste artigo, contemplan que o Concello de Marín está capacitado para intervir e indicar os procedementos que mellor conveñan para a identificación, sinalización e protección do patrimonio arqueolóxico. Outra cousa é que o Goberno local de Marín eluda as súas responsabilidades, como quedou claro coa resposta de María Ramallo.
3º/ Anunciar que a Asociación Monte Pituco vai solicitar a intervención de Patrimonio da Xunta, a través do servizo provincial de Cultura en Pontevedra. Que esa solicitude non ten nada que ver con ningunha desconfianza cara ao proxecto de ACUAES no que respecta ás medidas de control arqueolóxico dos petroglifos de Pinal de Caeiro, nin pretenden cuestionar a actuación da empresa que realiza as obras trala instalación do valado metálico e das cintas de balizamento no contorno do gravado rupestre. Esa solicitude dirixida á Patrimonio é froito da actitude da Alcaldía de Marín e das Concellerías de Cultura, Patrimonio e Turismo pola súa falta de interese cara ao patrimonio arqueolóxico do Concello.
4º/ Lamentar a intervención da concelleira de Cultura coas alusións directas aos membros da Asociación Monte Pituco que acudiron á reunión no Concello. Lembrarlle a María José de Pazo que no inicio da xuntanza fixemos constar o noso malestar polas condicións nas que foramos convocados: máis dun mes despois de ter pedida a entrevista, unha hora antes do pleno e nunha sala da Casa Consistorial en vez de acceder á proposta deste colectivo de visitar os petroglifos de Pinal de Caeiro ante as circunstancias motivadas polas obras de ACUAES. Así se fixo constar xa neste blog nun artigo anterior: “Xuntanza coas concelleiras“. Descoñecemos as pretensións da concelleira de Cultura con esa desafortunada intervención extemporánea no Pleno, cando a pregunta da voceira da Marea xa fora contestada pola Alcaldía, pero non aprobamos en absoluto a mentira nin a manipulación, e moito menos, a utilización ao seu favor desta Asociación e dos seus representantes, que o menos que podemos facer, por educación, é agradecerlle o tempo dedicado á xuntanza.
[…] ao final do Pleno da Corporación celebrado en agosto onde a alcaldesa, María Ramallo, afirmou que o organismo competente era a Dirección Xeral de […]
By: VISITA DE PATRIMONIO AO PETROGLIFO DE PINAL DE CAEIRO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 18/09/2015
at 07:03