Publicado por: MontePituco | 13/08/2015

COAS CONCELLEIRAS DE PATRIMONIO, CULTURA E TURISMO

Foto, Antón Lois.

[Roteiro polo Monte Pituco ao solpor, celebrado en setembro de 2014]

Tres membros da Asociación Monte Pituco foron recibidos onte nunha sala do Concello de Marín polas concelleiras de Turismo, Cristina Acuña, de Cultura, María José de Pazo, e de Patrimonio, Beatriz Rodríguez. A solicitude da entrevista presentárase o 9 de xullo e, despois de terlle que lembrar ao Concello en reiteradas ocasións que a tempada estival estaba moi avanzada e que a xuntanza carecía de sentido se non se convocaba dunha vez, por fin se citou a Asociación para o 12 de agosto ás 19:00 horas.

O encontro comezou expoñéndolles ás concelleiras que a Asociación Monte Pituco non é ningunha principiante no movemento asociativo marinense, como mostra de disconformidade por non atenderen a petición de realizar o encontro no propio monte, visitando os gravados rupestres de Pinal de Caeiro, a cuxo carón están a piques de realizarse as obras de instalación da nova rede de abastecemento de auga de ACUAES.

De feito, houbera xa un primeiro encontro en xullo de 2011 coa visita ao Monte Pituco da alcaldesa e de varios edís, entre os que estaba a concelleira Beatriz Rodríguez.

Faro de Vigo, 28 de xullo de 2011.

Con esta última houbera unha segunda entrevista en febreiro de 2012 á que asistira o arqueólogo Lukas Santiago para pedirlle o apoio do Concello ao -daquela aínda en fase de proxecto- Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. E unha terceira xuntanza coa participación dos arqueólogos Álvaro Arizaga e Alberte Reboreda en maio de 2014, á que asistiron a alcaldesa e varios concelleiros, incluída Cristina Acuña.

Beatriz Rodríguez e Cristina Acuña argumentaron que elas xa coñecían os petroglifos do Monte Pituco porque estiveran “dúas ou tres veces” no monte. Temos mellores cousas que facer que cuestionar a afirmación das concelleiras; a propia Cristina Acuña recoñecería avanzada a reunión que en realidade “non os coñecía todos”… Quen non parecía coñecelos nin de lonxe era a súa homóloga de Cultura, María José de Pazo, malia que as súas orixes familiares radican precisamente na parroquia de San Xulián. Sendo para ela a “primeira entrevista” coa Asociación Monte Pituco, foi quen xustificou que o encontro se realizara a cuberto, entre as paredes e o chan pulido da Casa Consistorial.

…Elas o perderon. Achegarse ata os gravados rupestres de Pornedo, Sete Camiños ou Pinal de Caeiro é atoparse cun anaco da nosa (pre)historia no mesmo berce do primitivo Marín, nun entorno non urbanizado, en contacto directo coa natureza e gozando dunhas espléndidas e privilexiadas vistas panorámicas da vila.

Malia as súas excusas -as primeiras de moitas que puxeron ao longo da entrevista- os integrantes da Asociación replicamos que a visita aos petroglifos de Pinal de Caeiro era absolutamente pertinente porque a empresa que realiza os traballos de ACUAES viña de instalar un valado metálico e unhas cintas diante do acceso ao xacemento e do panel informativo instalado no marco do proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Se esta Asociación reclamaba a presenza das concelleiras nese punto era xustamente para que, ademais de coñecer persoalmente a evolución das obras, valorasen se procedía a visita dun técnico municipal para garantir a protección do xacemento, ante a nosa modesta apreciación de que o petroglifo prehistórico non parecía abondo resgardado polo valado metálico.

As tubarías de Acuaes, a caron do petróglifo de Pinal de Caeiro

As tubarías de Acuaes, a caron do petróglifo de Pinal de Caeiro

Aproveitamos esta observación para lembrar que o arqueólogo Álvaro Arizaga realizara un informe que NON se tivo en conta porque aínda debe estar tirado nalgún caixón, se non rematou directamente no lixo. Advertía ese estudo que a localización dos gravados rupestres catalogados no propio PXOM de Marín é errónea, por non falar das graves eivas na identificación dos xacementos, con fotos que non corresponden con cadanseu gravado. No caso de Pinal de Caeiro, por exemplo, o PXOM marca a ubicación do petroglifo no medio e medio da Variante de Marín!

Lonxe de preocuparse polo contido dese informe profesional sobre as irregularidades do PXOM en materia de patrimonio arqueolóxico, a resposta da concelleira de Cultura foi: “E presentouse ese informe nas alegacións ao PXOM? Que resposta lle deron?”.

Será por deformación profesional da Sra. Rodríguez na súa condición de avogada, que máis parecía que estiveramos nun careo que nunha reunión institucional? Porque sumándose ao lance da súa colega de profesión, a Sra. de Pazo engadiu: “É que hai que seguir os procedementos administrativos”.

Aquela situación empezaba a adquirir tintes kafkianos. En vez de asumir a existencia dun problema en materia de patrimonio cultural, as concelleiras dedicábanse a botar balóns fóra. Para rizar o rizo, a concelleira Cristina Acuña terciou: “É que o PXOM tamén lle perxudicou á miña familia e deixounos fincas sen valor”. Cada tolo co seu tema, mentres os membros da Asociación tratabamos de reconducir o fío da xuntanza, desviado intencionadamente polas interlocutoras do Concello: PETROGLIFOS – OBRAS – SUPERVISIÓN.

Continuamos a entrevista explicándolles ás edís o contido dun dossier formado por unha trintena de imaxes en color sobre os conxuntos rupestres do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro: o seu contexto histórico na Idade do Bronce, as figuras representadas (coviñas ou cazoletas, figuras zoomorfas e serpentiformes, motivos circulares, armas) e as súas peculiaridades. Fixemos fincapé nos petroglifos de Pinal de Caeiro, con fotografías do valado metálico e dos tubos de ACUAES a poucos metros do xacemento. Continuamos con imaxes dos conxuntos rupestres da Carrasca e de Champás, que no proxecto do Espazo Sete Camiños contémplase a súa futura posta en valor para enlazar a ruta co parque forestal do Lago Castiñeiras.

…Máis trabas da edil de Patrimonio para “pillar”, preguntando se estaban en monte privado ou en monte comunal. E que máis dará, concelleira, se o importante é que están catalogados como Bens de Interese Cultural, coa máxima figura de protección legal, ao mesmo nivel que a mesmísima catedral de Santiago! Senten coa Comunidade de Montes de San Xulián, ou localicen os propietarios das parcelas particulares nos casos que procedan, e cheguen a acordos! Non se trata de escurrir o bulto. O bulto xa o levan escurrindo uns e outros, de distintos colores políticos, durante varios anos. Do que se trata é de avanzar, protexer e poñer en valor un patrimonio cultural que é de toda a veciñanza, que atrae público, que xera riqueza.

Rematamos a exposición con fotografías dunha recente andaina polo Monte Pituco, moi concorrida de público, dende o miradoiro do Pornedo e os seus arredores, para incidir no valor paisaxístico deste enclave, con vistas de toda a ría, dende o arquipélago de Ons ata a desembocadura do río Lérez, pasando por zonas de tanta importancia turística como Sanxenxo ou Combarro. Dende o Monte Pituco vemos, pero tamén SOMOS VISTOS.

Roteiro pola protección do Monte Pituco (Pornedo).

Durante o encontro con estas concelleiras chamounos a atención que, ao facerlles referencia a rutas de sendeirismo ou visitas guiadas de contido cultural organizadas por distintos colectivos sociais de Marín, elas xustificaban a súa ausencia argumentando que “non as invitan” a asistir. Calquera persoa con inquedanzas culturais, cunha mínima curiosidade pola historia, o patrimonio natural ou cultural do Concello, ou con certo interese por ampliar os seus coñecementos, ten varias canles para enterarse desas convocatorias, que son abertas ao público: están os medios de comunicación que publican información sobre a celebración desas actividades, están os carteles que as anuncian nos paneis de libre expresión, e están as redes sociais. Pero no seu caso, unha persoa deixa de ser normal cando se converte en representante político para xa só atender o que entra pola canle institucional ou administrativa; o resto do mundo, como se deixara de existir…

Nos últimos minutos da xuntanza, que ineludiblemente tiña que rematar ás 8 da tarde porque a esa hora empezaba o Pleno da Corporación, tres últimas observacións por parte das concelleiras, a modo de conclusións:

– A concelleira de Patrimonio quixo deixar constancia de que en abril do pasado ano o seu departamento comezara a realizar visitas guiadas por distintos espazos do Concello de Marín e que a súa intención era incluír o Monte Pituco no programa de rutas, pero que por algunha razón que non chegou a precisar, non se concretara, malia que a súa intención era contactar coa Asociación Monte Pituco para evitar que a andaina organizada polo Concello coincidira con algunha outra actividade da Asociación. E que a partir de setembro retomaríanse esas rutas, polo que xa se valoraría a posibilidade de visitar o Monte Pituco pasado o verán.

– Pola súa parte, a concelleira de Turismo quixo matizar que á caseta de información turística leváranse trípticos do Espazo Sete Camiños. A súa afirmación contrasta cos testemuños recibidos por esta Asociación sobre a falta de información e de material impreso na devandita caseta. Actualmente, segundo se puido comprobar, hai soamente dous trípticos, que por certo estaban encartados un dentro do otro. “¡Que bien!”, terciou a concelleira de Cultura para darlle verosimilitude ás explicacións da súa compañeira de partido: “¡Eso quiere decir que la gente se los lleva!”. A edil de Turismo engadiu logo que na medida en que o Concello de Marín nin imprimira eses folletos, posto que fora unha iniciativa das Comunidades de Montes de San Xulián, Lourizán e Salcedo, non ían facer nada por repoñelos, senón que tiña que ser a Comunidade de Montes de San Xulián a que llos proporcionara ao Concello.

Foto do Faro de Vigo, 5 agosto 2015

Na nosa humilde opinión, se fose certo que houbo abundantes trípticos do Espazo Sete Camiños na caseta de turismo, e que efectivamente o público demandounos, o lóxico  e o correcto por parte do Concello de Marín sería asumir o interese dos visitantes polos recursos naturais e arqueolóxicos dese Espazo e seguir apostando pola súa difusión, realizando as xestións oportunas para seguir tendo folletos dispoñibles.

A renglón seguido, Cristina Acuña asegurou que o Concello de Marín non ía reforzar as accións de promoción do patrimonio arqueolóxico, co rocambolesco argumento de que “non se podía saturar o público” con máis visitas. Noutras palabras: que o que hai é o que hai, e non vai haber máis, por tanto, o patrimonio arqueolóxico da parroquia de San Xulián vai seguir sendo ignorado. Porque, segundo a concelleira de Turismo, os petroglifos de Mogor “son los más conocidos” e “queráis o no queráis” vanse seguir promocionando.

…Descoñecemos se a Sra. Acuña coñece o significado de verbos como diversificar, enriquecer, ampliar. Na súa mente só parece haber lugar para expresións como crear confrontación, reducindo a entrevista coa Asociación Monte Pituco a unha mera rabecha ou ‘pataleta’ da Asociación porque o Concello fai visitas guiadas aos petroglifos de Mogor e aos do Pornedo non, ou porque os petroglifos de Mogor teñen Centro de Interpretación e os de Pornedo non. Pero está moi trabucada se o que pretende é banalizar o motivo da entrevista que se lles solicitou: TRATO IGUALITARIO para o patrimonio da parroquia de San Xulián que para outros recursos como os petroglifos de Mogor, o castro da Subidá, o menhir de Currás, as mámoas de Chan de Armada ou o Museo Torres, que foron os lugares dos que se anunciou que habería visitas guiadas organizadas polo Concello de Marín. É dicir, instar o Concello de Marín a incluír o patrimonio arqueolóxico da parroquia de San Xulián na súa oferta cultural e turística, destinar recursos para a súa promoción e sinalización. Nada que non estea na man ou nas competencias do Concello de Marín.

– Por último, as palabras da concelleira de Cultura foron pouco menos que de consolación: “Poco a poco”, dixo María José de Pazo. Máis lle valía ter dito ‘nada de nada’, porque nada é o que fixo o Concello de Marín dende o ano 2011 polo patrimonio arqueolóxico da parroquia de San Xulián. E o que se fixo -a sinalización e a ruta do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños- foi a instancias da Comunidade de Montes de San Xulián, non sen moito esforzo por parte da comisión técnica que impulsou o proxecto, co apoio da Asociación Monte Pituco, da Asociación de Veciños de San Xulián e doutros colectivos da bisbarra que se adheriron á iniciativa.

Unha representación dos colectivos que apoian o proxecto (non están todos os que acudiron á presentación)

[Abril de 2010, representantes das entidades que apoiaron dende os inicios o proxecto dos Sete Camiños]

Deron as 20:00 horas no reloxo. As concelleiras, salvadas pola campá. Comezaba o Pleno da Corporación, onde o grupo municipal da Marea Veciñal de Marín ía formular unha pregunta sobre a situación do xacemento de Pinal de Caeiro en relación ás obras de ACUAES. Contestaría a alcaldesa, brevemente.

…Pero o que dixo María Ramallo en pouco máis ou menos dun minuto, foi bastante máis clarificador -e decepcionante!- que os 60 minutos tirados coas edís de Turismo, Cultura e Patrimonio. A crónica dese momento será tema do próximo artigo.


Respostas

  1. […]  DEFENDE O MONTE PITUCO solicitáralle ao Concello de Marín -a través das concelleiras de Cultura, Beatriz Rodríguez e María José de Pazo- que se […]


Deixa unha resposta a VISITA DE PATRIMONIO AO PETROGLIFO DE PINAL DE CAEIRO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) Cancelar a resposta

Categorías