Publicado por: MontePituco | 03/01/2015

PEDRAS E PETROGLIFOS ILUSTRAN O CALENDARIO DO CONCELLO DE PONTEVEDRA 2015

Calendario 2015 do Concello de Pontevedra.

“A riqueza lítica do municipio de Pontevedra é ampla e variada. Ademais das pedras que serviron aos nosos devanceiros para edificar boa parte das casas que habitamos, hai moitos espazos senlleiros nos que a pedra cobra un gran valor. Unha das caras mensuais do calendario deste ano dedícase ás grandes pedras dos nosos montes, con fotografías de Federico de la Peña”.

Coa prensa deste sábado distribuíuse un calendario gratuito do Concello de Pontevedra, producido polo Gabinete de Comunicación e pola Alcaldía. Felicitamos os seus promotores pola fantástica idea de achegarlle á cidadanía estampas dos montes que rodean a cidade, por elixir pedras e petroglifos para representar os 12 meses do ano; porque cada vez que un dos destinatarios deste almanaque dirixa a súa ollada a estas fotografías, estaranse poñendo en valor os elementos retratados, estarase invitando a coñecer estes fragmentos de natureza e de (pre)historia, cultivarase un sentimento de arraigo e de orgullo colectivo, de aprezo por estes tesouros cheos de simbolismo.

Xaneiro: Pedra Longa de Valadares, Marcón.

Foto, Federico de la Peña.

Febreiro: Petroglifo na Abelleira, Campañó.

Foto, Federico de la Peña.

Marzo: A Casa da Moura, Ponte Sampaio.

Foto, Federico de la Peña.

Abril: Interior da Pena Miranda, A Canicouva.

Foto, Federico de la Peña.

Maio: Pedra do Sapo, Lourizán.

Foto, Federico de la Peña.

Xuño: Petróglifo de Mato das Cruces, A Esculca, Salcedo.

Foto do petróglifo, Federico de la Peña.

Xullo: Pedra na Canicouva.

Foto, Federico de la Peña.

Agosto: Outeiro dos Cornos, Ponte Sampaio.

Foto, Federico de la Peña.

Setembro: Barca de Pedra, O Castrove, Campañó.

Foto, Federico de la Peña.

Outubro: Pedra Cabalgada na Canicouva.

Foto, Federico de la Peña.

Novembro: Pedra Cabalgada en Verducido.

Foto, Federico de la Peña.

Decembro: Cachote da Moura, Río Lérez, Santo André de Xeve.

CalendarioDecem2015

En Marín tamén houbo un tempo no que se experimentou con calendarios temáticos (ver ligazón). Foi no 2011, a piques de estrear o mes de marzo, e basicamente para que un determinado grupo político puidera presumir dos seus “logros” a golpe de cemento e paleta, restaurando lavadoiros. Chamárolle “Recuperación da arquitectura popular galega”.

…Pero volvamos ás PEDRAS…

Na parroquia de San Xulián hai quen chegou a dicir, literalmente, que “as pedras non dan de comer”. (¿?)

En Pontevedra, pola contra, fan calendarios con elas. E rutas de sendeirismo para dar a coñecer as paraxes nas que se atopan. E tamén se lle dá emprego aos especialistas que reciben a encomenda de restauralas, aos que sinalizan a súa localización, aos que fabrican rótulos cos seus nomes, lendas e significados, aos que guían os visitantes que reciben, aos responsables do mantemento do espazo natural no que se atopan…

Grazas ás pedras que uns desprezan, outros si poden “comer” delas.

As imaxes que protagonizan esta homenaxe ás pedras son obra do naturalista e divulgador Federico de la Peña, que está preparando unha exposición que se realizará a principios deste 2015 para divulgar as rochas máis destacadas que se atopan nas parroquias do rural pontevedrés. Nas súas andanzas pola contorna, buscando eses prodixios da natureza, tamén tivemos a honra de que visitara o Monte Pituco e os seus arredores.

Parabéns a Federico de la Peña por esta iniciativa, á que lle desexamos moito éxito.


Respostas

  1. Moitas grazas polas vosas palabras e por divulgar este orixinal calendario que foi posible grazas á iniciativa dun Concello, o de Pontevedra, que aínda conta con técnicos e políticos que demostran sensibilidade e cariño cara ao que verdadeiramente é noso. Constitúe un aperitivo do que en breve será unha macroexposición sobre as pedras máis destacadas e orixinais do rural pontevedrés. Pódovos asegurar que nas nosas proximidades contamos con verdadeiras marabillas, moitas delas aínda descoñecidas, das que podemos presumir. Non só pedras senón tamén plantas, animais, construcións humanas… O meu labor como divulgador audiovisual é dalas a coñecer. Pero COIDADO!! A experiencia demostroume que en ocasións a divulgación pode ser unha arma de dobre fío, sobre todo, entriteceme dicilo, aquí en Galicia. Sería unha pena que estas pedras que levan miles e miles de anos agochadas (algunhas denasiado, completamente abandoadas) dándolle categoría á nosa paisaxe e á nosa cultura (aínda que algúns non o crean), ao facelas públicas, sufrisen as típicas agresións (pintadas, acumulación de lixos e outras cousas, destrucción…etc) ás que estamos afeitos. Asegúrovos que me arrepentiría profundamente de telas “descuberto” para o gran público. Saúdos e parabén unha vez máis polo voso esforzo. Federico de la Peña

  2. […] continuación reproduzco este artículo cuya fuente original es DEFENDE O MONTE PITUCO. El calendario al que hace referencia constituye un aperitivo de lo que en breve será una […]


Deixar un comentario

Categorías