Prezados Reis Magos
Cando veñades esta noite por Marín, non esquezades visitar o Monte Pituco. Ao longo deste pasado ano os veciños e veciñas desta modesta asociación portámonos moi ben: pagamos cumpridamente os seus honorarios aos avogados que elaboraron a demanda contra os plans do Concello de instalar un polígono industrial neste espazo protexido dos Montes do Morrazo e tamén ao procurador que a presentou ante os tribunais; organizamos varias andainas -cunha ampla repercusión social- para dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico e natural desta privilexiada contorna no ‘balcón da ría’; preocupámonos de velar polos problemas que lle foron afectando ao monte e informando á Xunta das incidencias…
Por iso cremos que somos merecedores do que vos pedimos:
-Queremos que os Tribunais recoñezan os argumentos en contra da instalación do polígono no Monte Pituco e que fallen a favor da Asociación Defende o Monte Pituco.
-Queremos que o Concello de Marín e a Comunidade de Montes de San Xulián aposten por fin pola limpeza e sinalización dos xacementos prehistóricos catalogados nesta zona.
-Queremos que Acuaes admita as nosas alegacións ao trazado da nova rede de abastecemento de auga e non perfore no Pituco para instalar as tubarías, senón que bordee o monte tal e como estaba previsto no proxecto inicial.
-Queremos que a Comunidade de Montes cumpra o seu compromiso de mellorar o firme e as marxes da pista forestal do Pituco porque está nun estado moi deficiente para o tránsito de vehículos agrícolas e mesmo das persoas que adoitan camiñar ou facer deporte por este sendeiro.
-Queremos que se adopten medidas máis efectivas para evitar os verquidos ilegais e contaminantes que os desaprensivos veñen botar ao Pituco, que sexan sancionados e que se retire o lixo acumulado nas beiras da pista e nos terrapléns.
-Queremos que se erradique a práctica ilegal e cruel de poñerlles pexas aos cabalos.
-Queremos que se xestione o monte con criterios de sostibilidade e planificación estratéxica, que se amplíen ao Pituco as labores de poda e de limpeza para que a veciñanza se sinta orgullosa deste espazo, tan maltratado nos últimos anos.
Son moitas as peticións; non cómpre que se fagan realidade todas xuntas, mais moito nos prestaría que se fosen cumprindo durante este 2015. Un ano no que Defende o Monte Pituco vai seguir poñendo todo da súa parte para que os soños aos que tanto esforzo lle vimos dedicando nos últimos anos, se acaden.
E máis soños que veñan…
Deixar unha resposta