Xa… é algo bestia comparar un virus mortal que anda pululando polo mundo enteiro cuns entullos por aquí, cuns mobles vellos por acolá, cunhas máscaras ou cunhas luvas ciscadas no camiño… Pero tantas agresións ao planeta non saen gratis: as continuas verteduras ilegais no Pituco son unha pinga máis -e non hai nada de esaxeración nestas palabras- ao vaso rebordado pola deforestación masiva, a contaminación por plásticos e outros residuos tóxicos, a caza e a pesca furtiva, a emisión de gases de efecto invernadoiro e outros moitos delictos medioambientais que se cometen a nivel mundial. Na nosa pequena parcela do Morrazo somos responsables do equilibrio ecolóxico que nos concilia co resto da Terra; temos a obriga de respectar e de coidar cada praia, cada cumio, cada regato, cada bosque, cada aldea e cidade…
Hai refugallos de recente aparición que se remontan ao post-confinamento, mentres que outros xa levan anos ‘botando raíces’ no monte. Mais todos provocan vergoña, indignación e impotencia ante o nulo aprezo polos ‘pulmóns’ naturais da bisbarra. Non hai palabras abondo para calificar a irresponsabilidade, a ignorancia, a prepotencia, a insolidariedade e a podremia moral e mental de quen se desfai do que lle sobra desta maneira tan obscena.
Os responsables de velar polas boas condicións de mantemento do monte veciñal de San Xián poderían escudarse no descoñecemento; circulando nun cómodo vehículo todoterreo as cousas vense dun xeito moi ‘distinto’ a como se perciben camiñando e observando a contorna con atención. Pero acontece que encargan desbrozar as pistas e pasan en grandes máquinas -como Atila arrasando aló por onde cabalga- pero nin así toman nota dos vertidos, que seguen invisibles a determinados ollos, selectivos ao que non interesa.
E claro, logo somos os veciños “denunciadores e molestos” os que poñemos o berro no ceo -a través do Rexistro Municipal do Concello porque na entidade parroquial estamos vetados- fartos da indolencia, da indiferencia, da ineptitude e do desleixo. Basta! Respecto! Acción e sancións!
Vertido de abundantes restos de obra na pista de servizo da Variante de Marín, realizado recentemente. Está situado a poucos metros do túnel que segue aos petróglifos de Pinal de Caeiro, en dirección Bueu.
Lixo variopinto a carón da Fonte das Pulgas, abandonado durante as primeiras semanas da desescalada posterior ao confinamento: electrodomésticos, enseres de uso doméstico, roupa, bolsos e zapatos, entullos…
Situado ao carón do verquido de lixo anterior, na Fonte das Pulgas, na beira da pista forestal en dirección ao límite con Salcedo tamén hai dous colchóns.
Máis colchóns, aínda que neste caso xa teñen ‘solera’, porque foron abandonados hai anos. Están situados, un en fronte do outro, na pista secundaria do Pituco, situada entre a pista de servizo da Variante e a pista forestal principal, pola parte de abaixo da Fonte das Pulgas.
Distintos vertidos na pista forestal do Pituco. O primeiro, uns metros antes do cruce co camiño que conduce ao conxunto rupestre do Pornedo, é recente; o terceiro, no cruce da pista secundaria situada fronte ao camiño do Pornedo, leva moitos meses nese punto; e o segundo, uns metros antes da Fonte das Pulgas. Entullos, plásticos, recubrimentos, restos de poda…
Na pista de servizo da Variante de Marín, preto dos petróglifos de Pinal de Caeiro, atópanse dúas verteduras: restos de papel hixiénico e cristais nun saliente da pista que é utilizado como aparcadoiro; máis adiante en sentido Bueu, restos de obra.
Durante a desescalada posterior ao estado de alarma pola pandemia de COVID-19 o Monte Pituco e o seu miradoiro recibiu a visita de moitas veciñas e veciños non só da parroquia de San Xián, senón de habitantes do casco urbano de Marín e mesmo de Pontevedra, que se achegaron aproveitando os horarios autorizados para as saídas. Nese tempo foron moitos os casos nos que se atoparon luvas de plástico, máscaras, botes de bebida e envoltorios de lambetadas tirados no chan. No miradoiro do Pornedo chegou a aparecer ciscado o contido dun cañón de serpentinas de plástico, e que custou moito traballo recoller.
[…] via A EPIDEMIA… DAS VERTEDURAS — DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) […]
By: A EPIDEMIA… DAS VERTEDURAS — DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) | Mon site officiel / My official website on 30/07/2020
at 15:58