Publicado por: MontePituco | 31/07/2017

NEONYMUS EN CAMPO LAMEIRO

Fragmento do tema titulado “Lamento de Kristina Håkonsdatter“, incluido no disco neønymus de 2013

Abraiante, diferente, poderosamente suxestivo… O recital de neønymus no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro non deixou indiferente o público que, maioritariamente, acudía por primeira vez a un concerto seu.

A voz de Silberius de Ura –alter ego de Silverio Cavia- superpoñíase en múltiples planos sonoros, graves e agudos. Unha polifonía de notas musicais ía evocando con cada tema distintos momentos na historia da Humanidade: dende os tempos máis remotos na era das cavernas, ata a Idade Media, pasando pola época visigoda. E, por que non, tamén un presente de inspiración futurista.

Como é posible dárlle forma a un espectáculo coral dende un punto de partida unipersoal só se alcanza a entender asistindo ao espectáculo: neønymus exerce en solitario de vocalista, músico e director da súa inconfundible orquestra empregando unha abigarrada maquinaria a base de loopstation e sintetizador cos que recrea as bases rítmicas nun bucle continuo e reconstrúe en paralelo as distintas voces que auto-acompañan a do propio Silberius.

Fragmento do tema titulado “Mati eri marne”

Paradóxica posta en escena entre cables e aplicacións móbiles que lle dan o ton de cada peza  e rudimentarios instrumentos de primitivo significado: unhas cunchas, unha frauta de óso de voitre, ou uns ósos de vaca para facer percusión, unhas láminas de plástico cuxo roce evocan o vento ou a propia cavidade vogal para reproducir o son das pingueiras da choiva…

Singular abrazo entre o uso da tecnoloxía máis moderna e a homenaxe á forma de expresión primixenia dos antigos neandertais, cando non dos trovadores. Hai poesía no xeito pesaroso de clamar pola terra, no lamento polo guerreiro caído na batalla, na saudade da princesa nórdica. 

¿Qué me depara la vida?

¿Qué desventuras me traerá?

Mi corazón sin heridas

tiene miedo de marchar…

Era deseñador gráfico. Agora é o chamán do son.

Para cando, entón, agora que xa non somos profanos, o concerto “Ultrahumano” para espectadores de nivel avanzado?

Silberius de Ura (Silberio Cavia), Neonymus, no Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro

Silberius de Ura (Silberio Cavia), Neonymus, no Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro


Deixar un comentario

Categorías