Publicado por: MontePituco | 11/04/2016

CASE 80 SOCI@S NA ASOCIACIÓN DE PROPIETARIOS DE MONTE PRIVADO

Reunión da Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo.

A Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo xa suma 79 socios (principalmente de Bueu e Marín) trala xuntanza celebrada este pasado domingo na Casa de Montes de San Xulián -o segundo encontro trala reunión de presentación do 28 de febreiro-. Neste tempo, a Asociación xa acadou a súa legalización perante a Xunta, co cal a entidade está en plenas condicións de optar ás subvencións que se convoquen para “defender os dereitos dos propietarios”, explicou a directiva.

Segundo os datos expostos polos responsables da Asociación, a parroquia de San Xulián ten 2.470 hectáreas de monte das cales unhas 1.200 hectáreas son de titularidade privada, mentres que a superficie restante sería de propiedade veciñal. Outro apunte chamativo ten que ver co número de propietarios particulares de montes, uns 4.000, que posúen entre todos unhas 20.000 parcelas (tamén chamadas cachadas ou tomadas). Estas cifras dan unha idea do intenso e arduo traballo que hai por diante. 

Reunión da Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo.

Para os veciños e veciñas que acudían por primeira vez a este encontro, a Asociación lembrou os seus principais obxectivos: 

-A ordenación do monte

-Actuar con criterios de sostibilidade

-Contribuír ao desenvolvemento social e medioambiental

-Apostar pola creación de emprego de calidade no sector forestal

Tal e como explicaran o pasado mes de febreiro na súa primeira visita a San Xulián, aos problemas comúns dos propietarios de cachadas ou tomadas non se pode respostar con accións individuais; cómpre actuar de xeito colectivo e organizado: formando parte da Asociación pódense abaratar os custes dos traballos de limpeza do monte, ou mesmo mellorar os prezos da madeira ao incrementarse o volumen das posibles cortas de arborado.

Varios asistentes expuxeron as súas respectivas problemáticas ante o Catastro, tratando de obter información sobre as súas fincas. Pero, como advertiu a directiva da Asociación, no Catastro non garanten en absoluto a fiabilidade dos datos que alí se poidan recabar. Unha posible alternativa para identificar as parcelas cuxos lindes estean sen aclarar radica precisamente en fomentar a afiliación a esta entidade, de xeito que os propietarios se poidan axudar mutuamente no proceso de esclarecer as eivas ou lagoas na localización do seu patrimonio. 

Reunión da Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo.

Outro aspecto sobre o que se fixo fincapé foron as obrigas que presenta a entrada en vigor da Lei de Montes de Galicia, a través do seu artigo 44, relativo ao coidado do monte, á aplicación de tratamentos fitosanitarios, ás medidas para evitar a erosión ou a propagación de incendios forestais.

Os propietarios de tomadas sen limpar arríscanse a ter que responder ás consecuencias legais dunha hipotética reclamación en caso de ocorrer un desastre. De aí a “necesidade de asociarnos para defender os nosos intereses”, insistiron. “A nós deixáronnos un monte coidado e ordeado; temos a obriga de deixarlle o monte coidado e ordeado tamén aos nosos fillos”, reflexionaron os responsables desta organización. En todo caso, neste proceso, “o propietario/a ten a última palabra”, aclararon.

Reunión da Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo.

Á limpeza do monte, ao apoio na localización de tomadas de localización descoñecida, á posibilidade de realizar agrupación de terreos ou permuta de parcelas, e ao asesoramento dos técnicos que colaboran coa Asociación súmase outro factor: a recuperación da microtoponimia tradicional.

Antano, cada recuncho do monte tiña unha denominación concreta que servía para que os usuarios se orientaran na vasta extensión do monte. Eses nomes fóronse perdendo polo desuso, o despoboamento rural e o cambio socio-económico que se foi dando no tránsito do século XX. Hoxe, os planos que presenta a Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo están en branco: son unha sucesión de raias e números impersonais. Pero a medida que se vaian pintando as parcelas localizadas, e se vaian identificando polas súas denominacións, irase configurando un valioso mapa de palabras.

…”Cividad”, “Barroca”, “Casela”, “Means”, “Primadona”, “Parafigueira”, “Castrillón” son algúns topónimos que van saíndo á luz nos planos de Bueu, onde esta Asociación xa ten avanzado algo nas súas actuacións. Agardemos que o monte marinense vaia recuperando a memoria, a identidade e a vida grazas ao interese e ao esforzo dos propietarios que se sumen a este colectivo. 

Diario, 9 abril 2016

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: