Publicado por: MontePituco | 12/06/2015

‘FLORA DO ESPAZO SETE CAMIÑOS’, POR CÁNDIDO MARTÍNEZ

* Colaboración de Cándido Martínez, representante da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e membro do colectivo ecoloxista Luita Verde

FLORA DO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS

Os terreos que abranguen o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, na confluencia dos montes da península do Morrazo con Pontevedra, están ubicados a nivel bioxeográfico dentro do reino holártico na rexión eurosiberiana e, dentro dela, na provincia atlántico-europea, subprovincia cántabro-atlántica e, a súa vez, no sector galaico-portugués e subsector miñense. Dentro do ambiente bioclimático, corresponden ao piso basal ou colino.

A vexetación potencial ou clímax que, de non sufrir a interferencia humana, acada un teórico estado de perfecto equilibrio co medio, é a “carballeira” que -de xeito termófilo e cunha influencia de clima mediterráneo- pertence a nivel fitosociolóxico á asociación Rusco aculeatiQuercetum roboris e subas. Quercetosum suberis. E a súa vez, forma parte do hábitat de interese comunitario a nivel europeo de carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica. Predomina a presenza do carballo, mais acompañado puntualmente doutras árbores, como o castiñeiro, a cerdeira ou a sobreira; e a nivel arbustivo, polo loureiro e o rusco ou “xilbarbeira”.

Loureiros na beira do río Batán. Flor de rusco.Loureiro (nas veigas da Curxeira, a carón do Pituco) e rusco (no Monte Pituco)

A outra vexetación potencial é o “bosque de ribeira ou aluvial” nos cursos de auga que, a nivel fitosociolóxico, no Morrazo clasifícase dentro da asociación Senecioni bayonensisAlnetum glutinosae, que a súa vez forma parte -nas zonas máis conservadas- do hábitat natural prioritario a nivel europeo de bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae). Predomina a presenza de salgueiro e ameneiro, acompañado de xeito máis minoritario do freixo e o bidueiro e, a nivel arbustivo, da abelaira, sabugueiro, pereira brava, estripeiro e sanguiño.

"Salix", salgueiro. Pereira brava, en flor. Sanguiño.Salgueiro, pereira brava e sanguiño, no Monte Pituco

Alén destas dúas vexetacións potenciais, tamén son de importancia as áreas de breixeiras ou “carrasqueiras”, propias da existencia do monte baixo da matogueira, onde predomina a presenza das uces ou “carrascos”, xesteiras e toxeiras, dentro dos hábitats de interese comunitario de breixeiras secas europeas, breixeiras oromediterráneas endémicas con xesta, máis o de vexetación rupícola dentro do -así mesmo- hábitat de interese comunitario de rochedais silíceos con vexetación pioneira do Sedo-scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii.

Erica cialis. Carrasco, carroucha, queiruga, quiroga, carpaza. Brezo.

 

Cytisus striatus, xesta.

Toxo.Carrascos, xestas e toxos, no Monte Pituco

Por outra parte están tamén as áreas de “brañas”, zonas húmidas que -xeralmente asociadas ao nacemento dos regos fluviais, como no caso dos regos de Pornedo, Agrela e en especial do Cubeiro e das Flaires- forman parte dos hábitats naturais prioritarios de breixeiras húmidas atlánticas de zonas atemperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix ou de estanques temporais mediterráneos. Tamén están relacionados varios topónimos como Chan da Lagoa, Regato dos Buratos-Outeiro da Mina, e Outeiro da Barcia.

Ericáceas.Ericáceas, no Monte Pituco

Dentro destes hábitats, en especial dos asociados ao medio acuático, tamén existen distintas especies de flora entre varias fanerógamas (plantas con flor) e pteridófitas (fentos), que a nivel individual, forman parte de endemismos a nivel do noroeste ibérico ou da Macaronesia, consideradas como vulnerábeis ou en perigo de extinción, e integradas así mesmo a protexer, dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Un fento catalogado de "vulnerable": Dryopteris guanchica Gibby & Jermy.Dryopteris guanchica, no Monte Pituco

Tamén son de interese a grande cantidade de liques e brións que, de xeito epífito, conviven coas árbores, rochas e o solo, e representan a súa vez un excelente bioindicador da calidade do medio e da atmosfera.

Liques nos antigos camiños de carro.Liques e brións, no Monte Pituco

MONOCULTIVOS FORESTAIS E ESPECIES INVASORAS

A expansión e, ao mesmo tempo, intensificación a nivel industrial das plantacións e repoboacións con monocultivos forestais das especies eucalipto e piñeiro, con destino madeireiro, principalmente para fabricación de pasta de papel ou plantas enerxéticas de incineración de biomasa; máis a invasión producida pola introducción de distintas especies de acacias, en especial a mimosa e a mimosa moura -ao igual que está suceder ao longo das Rías Baixas como de grande parte da costa galega-, están a mermar considerablemente dende mediados do século pasado a biodiversidade existente no espazo natural.

A elo úneselle a propiedade inflamable -e mesmo pirofítica- da maioría desas especies que, como biomasa combustible, está detrás da aparición -como medio propagador- de episodios cíclicos de incendios forestais ao longo destas últimas décadas, afectando moi negativamente ao medio, tanto a nivel da flora como da fauna e do propio solo.

PISTAS FORESTAIS E PRODUTOS AGROTÓXICOS

Outra das problemáticas asociadas a este modelo industrial de xestión forestal é a construcción e a proliferación de amplas pistas forestais para acceso de maquinaria pesada de transporte, coa conseguinte erosión e a irreversible perda de solo e capa vexetal. Ou a utilización de substancias agrotóxicas para o control de patoloxías e pragas de insectos e fungos asociadas aos monocultivos, máis para o control da biomasa arbustiva e da matogueira que crece ao natural debaixo das plantacións.

Pista paralela ao Pituco.

Herba da Pampa queimada con herbicida.Nova pista forestal no Pituco e herba da Pampa tratada con herbicida

A isto engádenselle as cortas indiscriminadas de arborado autóctono, en especial as carballeiras, que despois teñen un proceso lento de rexeneración, en contraste co crecemento moito máis rápido das especies utilizadas nos monocultivos, que compiten en total desigualdade polo consumo de enerxía solar, auga e nutrintes.

Outra seria afección son os vertidos vexetais ou de terras con sementes de especies invasoras, como a herba da pampa, ricino, canas asiática e bambú… Ou a creación descontrolada e espallada de circuítos para a práctica deportiva, coa conseguinte erosión do terreo polo transporte rodado e motorizado dos vehículos.

USOS INDUSTRIAIS

«Cómpre rexeitar o uso industrial nos espazos naturais como o que abrangue o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, baseado en macroproxectos insustentables que especulan e ameazan con provocar un enorme e irreversible impacto no medio»

Unha última, e quizáis a máis grave, é a especulación a nivel urbanístico do solo rústico con proxectos recalificadores asociados a usos industriais, como os relacionados coa área de desenvolvemento eólico do Morrazo, coa ubicación “alternativa” de varios aeroxeradores ao longo do espazo natural dos Montes do Morrazo e que -na área máis próxima ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños- afecta aos altos do Picouto da Graña e A Encavada.

Ou o proxecto de polígono industrial que -cunha superficie de 331.999 m2- proxectou no Monte Pornedo o Concello de Marín dentro do seu PXOM, e que incluíu posteriormente a Xunta de Galiza no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Comunidade Autónoma Galega, en terreos que chegan ao 45% de desnivel, afectando a solo rústico de especial protección de espazos naturais, forestal, de augas e patrimonial.

Plano do polígono superposto co Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo.En azul, a área afectada polo polígono industrial no Monte Pituco; en amarelo, a área que abrangue o Espazo Natural dos Montes do Morrazo, aos que pertence o Monte Pituco

Á enorme e irreversible perda de solo e capa vexetal en extensas zonas de territorio para construcción de naves industriais, viais de acceso, grandes plataformas de ancoraxe de aeroxeradores e anchas pistas de acceso para maquinaria pesada de transporte das súas pezas, únese a alta probabilidade posterior de episodios de contaminación ambiental.

MEDIDAS

Cómpre un novo modelo de ordenación e xestión forestal baseado na protección e conservación das masas de arborado autóctono de carballeiras e bosque de ribeira, ademais das zonas húmidas de brañas; a erradicación da presenza de acacias e doutras especies invasoras; a reducción dos monocultivos forestais e o incremento da plantación -cun mínimo de 30%- de frondosas e caducifolias que colabore ao incremento da biodiversidade, diversifique os usos madeireiros e axude ao mesmo tempo como cortalumes naturais á mitigación dos incendios forestais; a potenciación dos aproveitamentos tradicionais agrogandeiros e mesmo enerxéticos da matogueira e os pastizais do monte baixo, colaborando no uso sustentable co abonado e, ao mesmo tempo, co desbrozado no control da biomasa alta para a mitigación de incendios forestais; a potenciación de xeito sustentable dos usos colleiteiros, tanto a nivel de froitos, herbas ou cogomelos, como de mel a nivel apícola, co fin de afianzar a relación directa e a autosuficiencia do ser humano e a veciñanza co medio, colaborando ao mesmo tempo na axeitada polinización e na reproducción das especies vexetais; e o uso recreativo, social, cultural e deportivo, sustentable e controlado, con respeto e coa menor afección posible ao medio.

Por outra parte, cómpre rexeitar o uso industrial nos espazos naturais como o que abrangue o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, baseado en macroproxectos insustentables que especulan e ameazan con provocar un enorme e irreversible impacto no medio, cando a alternativa é o decrecemento, a reciclaxe e reaproveitamento de materias primas, e o aforro e eficiencia enerxética.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: