Publicado por: MontePituco | 27/08/2012

REGULACIÓN DA CIRCULACIÓN MOTORIZADA NOS MONTES

O pasado mes de abril presentouse no municipio de Barro a Federación Galega de Vehículos Todoterreo. Este colectivo celebrou este pasado fin de semana, nesta mesma localidade, unha xornada informativa que contou coa presenza, entre outros participantes, da voceira de Montes do PP de Galicia, Emma Álvarez Chao.

Posto que o Pornedo foi escenario dun circuito irregular de motorismo que desafortunadamente se mantivo durante moito tempo ante a pasividade da Comunidade de Montes, e dunha desagradable campaña de asoballamento por parte dos pilotos e dos simpatizantes desta práctica deportiva cando DEFENDE O MONTE PITUCO comezou a denunciar esta práctica e a demandar o seu cese. E posto que a Comunidade de Montes está tramitando a cesión dun espazo para que os afeccionados a esta actividade poidan adestrarse sen ter que circular por espazos prohibidos a tal fin… Procede dar conta dunha iniciativa que, segundo anunciou Emma Álvarez, xa se presentou no Parlamento e que consiste la regulación do acceso motorizado ao monte.

Esta práctica xa está contemplada na Lei 7/2012 de Montes de Galicia que entrou recentemente en vigor. O Título V “Das infraestruturas forestais”, no artigo 98 adicado ás “Pistas forestais”, a Lei de Montes de Galicia regula o manexo de vehículos motorizados:

1. Todo camiño de tránsito rodado de titularidade pública ou privada, fóra da rede de estradas, vinculado á xestión forestal e situado en solo rústico de protección forestal terá a consideración de pista forestal, e quedará adscrito á xestión agroforestal, e, en ningún caso, terá a consideración de acceso rodado público para os efectos previstos na lexislación urbanística.

2. A circulación con vehículos de motor por pistas forestais que non sexan de uso público ou situadas fóra da rede de estradas quedará LIMITADA:

a) Ás servidumes de paso a que houber lugar, e non se poderá facer en actitude de condución deportiva.

b) Á xestión agroforestal, incluída a actividade cinexética e piscícola.

c) Aos labores de vixilancia e extinción das administracións públicas competentes.

Queda PROHIBIDA a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, por devasas ou por vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, incluída a actividade cinexética e piscícola, á prevención e defensa contra incendios forestais, aos labores de vixilancia e tutela propios das administracións públicas e aos eventos e ás actividades que fosen autorizados pola Administración forestal consonte o artigo 88 desta lei.

3. Os titulares das pistas forestais, tras a autorización da Administración forestal, poderán regular o tránsito aberto motorizado polas pistas forestais que se atopen fóra da rede de estradas e non formen parte das servidumes de paso, mediante a súa sinalización, sen prexuízo do disposto na lexislación en materia de prevención e defensa contra incendios forestais. O usuario será, en todos os casos, o responsable dos danos ou prexuízos que se poidan ocasionar, tanto a si mesmo como a terceiros, na súa utilización. Nos casos de realización de eventos e actividades culturais e deportivos alleos á propiedade que se desenvolvan mediante o tránsito motorizado polas ditas pistas, deberase contar coa autorización expresa por parte do titular, segundo o disposto no artigo 88 desta lei.

4. Toda obra de reforma, modificación, transformación ou renovación das pistas forestais principais non poderá alterar nin limitar o seu carácter prioritario agroforestal, agás autorización expresa da Administración forestal.

5. As características e as esixencias construtivas das pistas forestais principais, viradoiros e parques de madeira serán establecidas pola Administración forestal mediante orde da consellaría competente en materia de montes, e responderán á necesidade e á viabilidade dos requirimentos de amoreamento e transporte dos produtos forestais e do acceso aos montes da maquinaria forestal, minimizando o impacto sobre a paisaxe, os ecosistemas forestais de gran valor e a erosión e axustándose sempre que sexa posible á rede viaria existente.

6. Os sendeiros, as devasas e as vías de saca de madeira de carácter temporal non terán a consideración de pistas forestais.

7. A construción de pistas, camiños ou calquera outra infraestrutura permanente en montes ou terreos forestais, cando non estea prevista no correspondente instrumento de ordenación ou de xestión forestal, requirirá da súa modificación, de acordo co establecido no artigo 82 desta lei.

8. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal preverán a recuperación ou a rexeneración da cuberta vexetal dos camiños forestais, devasas, faixas, parques de madeira ou calquera outra infraestrutura abandonada no medio forestal, co fin de evitar a súa progresiva degradación e facilitar a súa integración no ecosistema forestal.

A proposta do PP publicaríase antes de que remate este ano 2012 a través dunha orde que desenvolvería a citada Lei. Cal é o plantexamento do PP? Emma Álvarez recalcou que circular polo monte fóra das vías e pistas está PROHIBIDO e o que se pretende é que poidan existir zonas, adecuadamente contempladas nos instrumentos de ordenación e de xestión, nas que o uso deportivo estea contemplado como un posible aproveitamento do monte, cando o plantexe e o autorice o titular da propiedade.

A proposta que prepara o PP contempla o desenvolvemento dun permiso de vixencia anual expedido polas asociacións, clubes ou motoclubes que teñan previamente autorizada a actividade no monte pola Administración, para regular as actividades relacionadas co tránsito de vehículos nestes espazos. A cambio, contemplaríase unha prestación medioambiental que redunde no beneficio do medio natural, da paisaxe e no mantemento e protección das vías transitadas.

Previa solicitude por parte das asociacións, clubes e motoclubes, estes poderán considerarse como “voluntariado do monte” aos efectos de detección incendios e, en caso de solicitalo a dirección de extinción, informar do estado viario dos montes.

A defensa da integridade dos montes por parte das Comunidades e asociacións veciñais fronte á actividade motorizada irregular ou fronte prácticas lesivas para a conservación destes espazos nunca foi en van. A protección das zonas con elementos arqueolóxicos e paisaxísticos singulares ten que prevalecer sobre os intereses e as presións das agrupacións de pilotos. A lexislación marca pauta e cómpre axustarse estrictamente ao seu contido.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: