Publicado por: MontePituco | 30/03/2017

PANDA DE TRISTES

Folio pegado no panel informativo agredido do Espazo Sete Camiños, na entrada do Monte Pituco.

Mini-panda de tristes e patéticos

Trala repercusión que tivo na prensa local a visita do deputado provincial da Marea, Xosé Lois Jácome, ao Monte Pituco (Pornedo) para expresar o seu rexeitamento ao proxecto de construcción dun polígono industrial en plena fachada litoral de Marín, aos partidarios desta aberración urbanística, ambiental e patrimonial non lles faltou tempo para vir cuspir a súa rabia, a súa impotencia e a súa ignorancia ao panel informativo do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños situado na pista de acceso ao Pituco.

…Ese panel agredido por mans cobartes e mentes impermeables ao coñecemento e ao civismo, do que só queda a chapa metálica e apenas un pedaciño da lámina que amosaba o plano do Espazo cos principais elementos que se poden visitar. 

Posiblemente esa vil sabotaxe proveña das mesmas mans -ou parecidas- que agora utilizan este panel como o seu particular ‘muro das lamentacións’. 

Lamentacións que veñen de quen sabe que non ten a razón pero que turra irracionalmente para tratar de levar a auga polo seu rego. Lamentacións de quen ve como a súa pataleta se desmorona porque queda sen o arbitrario argumento político de quen favoreceu a clasificación do Monte Pituco como solo industrial no PXOM. Lembran? “Ese polígono é inviable e non se vai construír na vida”, frase antolóxica do ex-concelleiro de Urbanismo, Xosé María Vilaboa, trala charla do arqueólogo Álvaro Arizaga no Ateneo Santa Cecilia.

Posiblemente ese estúpido ataque veña das mesmas mans -ou parecidas- que antano orquestraron unha noxenta campaña de despretixio contra promotores desta humilde Asociación en Defensa do Monte Pituco. Humilde pero con todos os principios dos que carecen os que agora veñen pegar un cutrísimo folio con catro escuálidas tiras de cinta adhesiva. 

Un dicta e outro escribe -as súas faltas de ortografía son clamorosas- e plantifica o vómito na entrada do Pituco, para que a vexamos. Os mesmos que antano promovían a instalación non de un, senón de dous polígonos no Monte Pituco. Os mesmos que instrumentalizaron unha asociación veciñal para tratar de darlle cobertura aos seus escuros intereses.

Mini-panda de tristes e patéticos.

…A vosa desesperación, o noso alento.

Ouveades, logo cabalgamos!

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: