Cando a finais do pasado mes de xuño a Asociación Queremos Galego Marín lle comunicou á Asociación Monte Pituco (Pornedo) que era merecedora do Premio Lingua de Ouro 2017 na categoría de colectivos, e que o acto de entrega do galardón se celebraría na arboreda a carón do Pornedo, a ledicia inicial trocouse en preocupación inmediata ao formularnos a seguinte pregunta: en que estado se atopa actualmente esta área recreativa?
A Comunidade de Montes de San Xulián, responsable do seu mantemento, non volveu encargar a súa limpeza dende hai xustamente un ano, en xuño de 2016, cando se efectuou o último desbroce do recinto.
Axiña comprobamos que a situación da arboreda era de absoluto asilvestramento. Puidemos mesmo observar con indignación a pésima imaxe que ofrece cando unha familia con nenos pequenos trataba de buscar acomodo nunha mesa e de estender unhas ‘esterillas’ no chan para que os máis novos puideran tumbarse.
Como non podía ser doutro xeito, comunicámoslle estas impresións tan negativas a Queremos Galego Marín para que lle solicitase á Comunidade de Montes de San Xulián unha actuación de urxencia que permitira utilizar este espazo nunhas condicións dignas e de mínima seguridade para os asistentes.
O venres 30 de xuño, un día antes do acto, a arboreda presentaba xa un aspecto máis aseado, coa herba practicamente a rente do chan, as silveiras cortadas e as pólas secas apartadas.
Sen embargo, esta limpeza NON lla houbo que agradecer á Comunidade de Montes de San Xulián, que REXEITOU a petición de Queremos Galego Marín para adecentar a área recreativa. Quen dobrou o lombo para cortar a herba e rozar as silvas -previa autorización da Comunidade- foron voluntarias da propia Asociación Queremos Galego, coa colaboración do colectivo Monte Pituco, que se solidarizou por VERGOÑA ALLEA diante da actitude de desleixo por parte da directiva da Comunidade de Montes.
Despois de dedicarlle unhas cantas horas, unha parte do espazo quedou abondo presentable para acoller a entrega dos Premios Lingua de Ouro o sábado 1 de xullo. E abofé tamén se poderán beneficiar deste laborioso traballo as persoas que, aproveitando o bo tempo -mentres a vexetación non volva medrar- se acheguen ata esta arboreda para merendar, descansar e gozar da paisaxe.
Mais NON será, cómpre insistir, grazas á comprensión nin á boa disposición da Comunidade de Montes; senón ao esforzo físico dunhas veciñas -que nin sequera pertencen á parroquia de San Xulián!- que ergueron o fouciño e o rastro para que esta área de lecer quedase en mellores condicións das que presentaba inicialmente.
Por desgraza, o resto do espazo segue tan a monte coma o monte propiamente dito.
O máis indignante da actitude pasota, despreocupada e irresponsable da Comunidade de Montes de San Xulián foron os argumentos expostos a Queremos Galego por parte de quen falou en nome desta entidade para tratar de ‘xustificar’ a súa negativa a adecentar o recinto.
Segundo a Comunidade de Montes de San Xulián, o que impedía realizar calquera tipo de actuación de limpeza nesta arboreda era unha suposta orde da Dirección Xeral de Patrimonio. Co que non contou este directivo da Comunidade foi co interese da Asociación Queremos Galego por contrastar semellante afirmación. E como era previsible, na delegación territorial en Pontevedra da Dirección Xeral de Patrimonio os técnicos confirmaron que neste espazo non hai ningún elemento patrimonial catalogado que susceptible de ser protexido, balizado, sinalizado, supervisado ou sometido a control arqueolóxico.
Quedou en evidencia que a excusa da Comunidade de Montes de San Xulián era unha MENTIRA infundada.
Coa verdade ao descuberto, a dirección da Comunidade non tivo xa ningún reparo en admitir o que realmente motivaba a súa negativa a limpar a arboreda, CULPANDO da situación a Asociación Monte Pituco, tildando de “molestos e denunciadores” os veciños que dun xeito responsable e lícito, cuestionamos -cando hai que cuestionar- os erros da xunta rectora da Comunidade. Alén diso, a Comunidade de Montes aseguroulle a Queremos Galego que de agora en diante non vai acometer ningunha actuación na zona vencellada ao ámbito de incidencia do Monte Pituco.
Isto, a todas luces, é unha VINGANZA, unha REPRESALIA, un CASTIGO da Comunidade de Montes de San Xulián contra a Asociación Monte Pituco por terse sumado aos colectivos que, o pasado mes de xaneiro, denunciaron ante Patrimonio o desbroce ordeado pola directiva desta Comunidade, sen a preceptiva sinalización dos elementos patrimoniais catalogados, co resultado dunha grave agresión que afectou o grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca, cuxa superficie foi rozada pola trituradora empregada para a limpeza dos camiños.
Esta é a nula capacidade de autocrítica dos dirixentes da Comunidade de Montes de San Xulián que, lonxe de recoñecer o erro cometido e asumir a súa responsabilidade, CARGAN contra as entidades que traballan a prol da defensa do patrimonio, que non queren ser cómplices destas malas praxes nin da impunidade que pretenden os que atentan contra a integridade dun patrimonio tan sensible coma irrepetible.
Constatouse de xeito inequívoco que a Comunidade de Montes de San Xulián actúa de mala fe e fai pagar a xustos por pecadores.
Por riba, esta desagradable experiencia permitiunos descubrir que a Asociación Queremos Galego Marín non foi a única damnificada pola comodidade, a desidia e mesmo os malos modos da Comunidade de Montes. Outros colectivos que teñen acudido a esta arboreda para realizar algunha actividade social ou lúdica tiveron tamén que suar a gota gorda para acondicionalo con antelación polos seus medios, caso da comunidade parroquial de San Xosé de Cantodarea, que adoitaba despedir a tempada de catequese cunha convivencia.
Ironías á parte, agora explicámonos o ‘sentido’ real da mensaxe dun cartel instalado na cabeceira da arboreda: “O aparcadoiro é de todos, por favor, manteñan limpa a zona”. Agora caemos en que significa literalmente o que pon: daba vostede por feito que o bo estado desta explanada corre a conta da Comunidade de Montes de San Xulián como titular do terreo? presupoñía que a frase é unha lóxica apelación aos usuarios para que non deixen desperdicios?
Nada máis lonxe da realidade! “Manteñan limpa a zona” se a queren utilizar con algunha finalidade, que a Comunidade de Montes lava as mans, aféitase para arriba e non vai destinar nin un céntimo ao seu coidado.
[Imaxe da arboreda en agosto de 2016]
[…] [Máis información: “A arboreda do Pituco, abandonada“] […]
By: CARTA ABERTA AO PP DE MARÍN | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 24/08/2017
at 16:15