Marín, 24 de agosto de 2017
Prezada María Ramallo, presidenta local do PP de Marín,
Un ano máis, a agrupación local do seu partido convoca a militantes e simpatizantes populares a unha xuntanza festiva que, seguindo a tradición que implantaron hai anos, se celebra a carón da praia de Portocelo. Non nos cabe dúbida de que, para a ocasión, o merendeiro loce en perfecto estado ‘de revista’, nun entorno adecentado onde non medra unha herba máis alta ca outra e onde a vexetación silvestre se mantén ‘a raia’ coas oportunas tarefas de desbroce.
Ogallá esas mesmas condicións de habitabilidade, accesibilidade e mantemento se deran tamén na arboreda situada a carón do Monte Pituco (Pornedo); un espazo que, como o de Portocelo, tamén dispón de mobiliario de pedra habilitado para que as familias e os visitantes poidan gozar dun refrixerio ou dun momento de descanso admirando a visión panorámica que se divisa dende o ‘balcón da ría’. Portocelo e o Pituco teñen en común ofrecer natureza, paisaxe e patrimonio arqueolóxico, mais diferéncianse en que un está cabo do mar e o outro ao lado do monte.
Dende a Asociación Monte Pituco animámolos encarecidamente a cambiar de aires e, sen perder o referente deses atractivos naturais, paisaxísticos e patrimoniais, vir celebrar a súa próxima xuntanza estival ata este punto do rural marinense, na parroquia de San Xulián. Quizais así, con tan ilustres convidados, esta arboreda poida estar ao nivel dun espazo como o de Portocelo, equiparable en calidade e servizos.
A última vez que a Comunidade de Montes -responsable do coidado deste recinto- desbrozou a arboreda do Pituco foi en xuño do 2016. Dende entón, a herba medrou notablemente nalgúns puntos ata unha altura que compromete a seguridade de calquera usuario e as silvas campan ás súas anchas en todo o perímetro e mesmo rebordan o precario -por non dicir podre- valado de madeira que o delimita coa estrada. Unha mesta masa vexetal concéntrase na parte posterior con vistas á ría, que carece de peche, polo que calquera persoa está exposta a precipitarse accidentalmente polo terraplén, a unha considerable altura do chan.
Dende este colectivo veciñal ténselle solicitado á Comunidade de Montes a correspondente actuación, non só de cara á mellora da seguridade en puntos onde existen eivas evidentes, senón tamén para que se adecentara a contorna que viña sendo moi utilizada tanto por veciños da zona como por visitantes ocasionais e xente interesada en percorrer o roteiro do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
A mostra de desleixo máis flagrante produciuse cando, a finais do pasado mes de xuño, a Asociación Queremos Galego Marín convocou os seus afiliados e afiliadas para celebrar nesta arboreda o acto de entrega dos Premios Lingua de Ouro e Lingua de Trapo, solicitándolle colaboración á Comunidade de Montes para que facilitase o acceso ao recinto, que precisamente presentaba dificultades pola falta de conservación.
A razón esgrimida pola Comunidade de Montes para rexeitar a posibilidade de desbrozar o espazo era unha suposta obxección ou prohibición atribuída ás autoridades de Patrimonio; excusa que resultou ser falsa, como a propia asociación interesada puido comprobar acudindo á delegación territorial da Xunta en Pontevedra, onde os técnicos do servizo provincial de Patrimonio comprobaron que non existe ningún xacemento arqueolóxico susceptible de resultar afectado.
Finalmente, foron voluntarios de Queremos Galego Marín e da Asociación Monte Pituco os que -previo consentimento da Comunidade de Montes- se ocuparon de adecentar e acondicionar parte da arboreda con medios manuais; unha acción altruista que mesmo favoreceu que en días posteriores outras persoas se puideran beneficiar do traballo realizado acudindo ás mesas e aos bancos que foran despexados da vexetación acumulada.
Así como unha humilde celebración socio-cultural non contou coa receptividade da Comunidade de Montes, confiamos en que un acto de máis envergadura como o que promove o PP de Marín poida ter a suficiente influencia para que a xunta rectora se decida a cumprir coa súa responsabilidade no arranxo desta área de lecer, comezando pola súa limpeza, seguindo polo saneamento das súas fontes e continuando pola reparación da sinaléctica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que, abofé, sería un complemento ideal para o público asistente á súa xuntanza.
Agardando que consideren favorablemente esta suxestiva proposta, despedímonos agradecendo a súa atención.
[Máis información: “A arboreda do Pituco, abandonada“]
[…] o mes de agosto sendo ‘noticia’ no Diario de Pontevedra, que se fixo eco da denuncia pública formulada nesta bitácora do Monte Pituco (Pornedo) sobre o evidente estado de abandono no que se […]
By: A ARBOREDA DO PITUCO, NA PRENSA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 31/08/2017
at 23:50