O pasado mes de maio fixemos unha ruta polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños cun grupo de rapaces que, ao finalizar a andaina, pararon a xantar e a xogar na arboreda situada a carón da estrada de Figueirido, preto do cruce do Regueiriño; punto de encontro de numerosos paseos polo Monte Pituco e polos montes de San Xulián, ademais de lugar no que algúns veciños se reúnen para botar a partida polas tardes, e onde outra xente ten parado para merendar ou a botar unha parrafada nun espazo fresco e con boas vistas.
Xa daquela advertimos na Comunidade de Montes de San Xulián da necesidade de encargar a corta da herba, do fento e demais vexetación que empezaba a medrar de xeito considerable nunha época de alternancia de sol, calor e chuvia; unha climatoloxía máis que idónea para que a flora medrase con pulo. Daquela contestaran que habería que agardar aínda para desbrozar ese terreo, coa pretensión de que durase o maior tempo posible en condicións óptimas para evitar unha segunda actuación de adecentamento.
Houbo que reiterar a petición por segunda vez pero, afortunadamente, comprobamos que xa non cómpre unha terceira reclamación, porque hai uns días comprobamos que a arboreda do Monte Pituco xa loce cun aspecto máis ‘aseado’; non tanto pola herba do centro da campiña, senón máis ben polos fentos, as silvas, as estrugas e as plantas con pinchos que se acumulaban en ambos extremos, dando unha imaxe de abandono e entrañando certo perigo para os usuarios deste pequeno parque.
Unha mellora máis que dende a Asociación Monte Pituco se lle ten proposto á Comunidade de Montes é completar o balizado do perímetro desta arboreda que, se ben está delimitado con postes de pedra na parte colindante coa estrada, carece de ningún tipo de valado de contención na parte posterior, que fai de miradoiro á ría. Esta parte, en realidade, remata nun terraplén de certa altura con respecto ao seguinte nivel do terreo e, o feito de non contar con ningún tipo de parapeto ou protección, conleva o risco de que calquera persoa poida esvarar, caer ou precipitarse accidentalmente.
Unha cerca con estacas de madeira ou a ampliación homoxénea do contorno con postes de pedra, sería o ideal para dignificar esta área recreativa tan frecuentada. E se por riba se substituíran os surtidores de auga actuais por unhas fontes en condicións, cun deseño acorde ao contexto natural da zona e nunhas condicións de saneamento que ofreceran máis garantías para o consumo, xa sería para bordalo.
Habería máis suxestións, como a reposición duns bancos de pedra estragados ou a poda dalgunhas árbores afectadas polos últimos temporais… Mais, en calquera caso, benvida sexa esta necesaria limpeza. Grazas á Comunidade de Montes por tela en conta. Dende aquí, animar a veciñanza e os visitantes a que fagan unha parada nesta arboreda e, de paso, se acheguen ata o miradoiro do Pornedo para gozar da paisaxe, da natureza e do patrimonio cultural que atesoura o ‘balcón da ría’ .
[…] A Comunidade de Montes de San Xulián, responsable do seu mantemento, non volveu encargar a súa limpeza dende hai xustamente un ano, en xuño de 2016, cando se efectuou o último desbroce do recinto. […]
By: A ARBOREDA DO PITUCO, ABANDONADA POLA COMUNIDADE DE MONTES | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 05/07/2017
at 20:40