Publicado por: MontePituco | 15/06/2016

HOMENAXE A XAN MONTENEGRO NO SEU 5º CABODANO

Homenaxe a Xan Montenegro, 5º cabodano

A mirada amable e pícara de Xan Montenegro fítame dende a Quebrada de Humahuaca. Tiven que buscar en que punto do planeta se atopaba esa paraxe entre montañas secas e peladas. Porque se algo distinguía a Xan era a súa experiencia do mundo, esa amplitude de miras que se adquire cruzando fronteiras, coñecendo outras culturas para entender mellor a nosa; os valores da tolerancia, da educación e do respecto dos que outras persoas carecen porque non foron quen de saír das ‘catro paredes’ físicas e/ou mentais nas que están instaladas e ailladas, cheas da súa propia (e única) razón, impermeables a outras perspectivas, opinións e puntos de vista que non sexan exclusivamente os seus.

-Podo falar contigo?

-Si, claro!

O que seguiu a ese breve intercambio de palabras foi unha sucesión frenética de insultos e  ameazas acompañados de acenos brutos, desafiantes e despreciativos: “impresentable” e “mentirán” foron os improperios máis repetidos; o primeiro deles, ata a saciedade, encadeando un “impresentable” tras outro. Todo isto despois de verter graves acusacións de formular críticas na súa contra “sacadas de contexto”.

E lonxe de agardar a réplica correspondente a semellante ataque persoal, as mostras de mala educación e grosaría por parte de quen iniciara ese envelenado amago de conversa, continuaron escaleiras abaixo mentres lle daba as costas e deixaba coa palabra na boca á vítima de tanto vómito verbal, de tanta frustración e tanta carraxe mal xestionada.

Malia esixirlle respecto e advertir que, de continuar proferindo aldraxes e coercións acabariamos nos tribunais, as palabras grosas continuaron ás portas do Concello, en presenza de varios concelleiros da Corporación: “impresentable”, “mentirán”, “impresentable”, “impresentable”, “impresentable”…

“Onde estabas cando…?” e “adalid do Monte Pituco…” foron outros berros pronunciados mentres facía espaventos cos brazos e achegaba a súa cabeza nun ton provocador máis propio dun matón que dun (ex, mal que lle pese) servidor público.

Testemuña muda, consentidora e cómplice desta desagradable, inadmisible e reprobable escena foi quen ostenta o cargo de voceira municipal da formación política que representan.

Sentir vergoña? Ningunha. Se esa era a pretensión inicial -asoballar, intimidar, escandalizar…- que perseguía con unha actitude tan prepotente e verbalmente agresiva, pincharon en óso. Prometendo “non calar máis” nun anuncio velado de emprender algún tipo de campaña de desprestixio e descrédito directo, tampouco vai conseguir amedrentar nin coartar o dereito á liberdade de expresión.

Do Monte Pituco. A moita honra. Sucedeu hai unha semana, á saída do pleno da Corporación deste mes de xuño. Ladran, logo cabalgamos.

Xan segue fitándome dende a Quebrada de Humahuaca, con esa mirada súa cargada de retranca. El tamén foi duramente represaliado por defender as súas ideas, as súas conviccións;  por argumentar con documentos mentres outros empregaban a artillería da inxuria.

Estamos curados de espanto e temos o mellor antídoto contra a intransixencia: a firmeza, o compromiso e a memoria de Xan, co seu exemplo vital e un legado social admirado, recoñecido e respectado. E iso segue molestando. Bendita molestia.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: