“Rumoreábase que se ía decretar o estado de alarma e dous días antes fun tomar fotos dos petróglifos de Pedra Grande de Montecelo”, decidira o experto en patrimonio arqueolóxico Antonio Costa sobre o que sería a súa principal ocupación durante o confinamento pola pandemia do virus Covid-19. Dende entón, dedícase a dixitalizar coa técnica da fotogrametría 3D os principais gravados dos parques rupestres da Caeira, en Poio, e de Mogor, en Marín, ampliando con novos achados a información que se coñecía sobre estes xacementos. Esta técnica xa a vén utilizando dende hai polo menos catro anos e, grazas ao seu labor altruista, os petróglifos do Pornedo forman parte do seu arquivo, tal e como expuxo nas I Xornadas de Protección e Posta en Valor do Patrimonio de San Xián.
No caso da Caeira, o panel rupestre de Laxe das Lebres xa suma case 60 figuras representadas con respecto das “42 ou 43 que había rexistradas, que é unha variación moi substancial”, destaca, “e nada máis empezar o proceso na Pedra Grande de Montecelo, xa detectei varias espirais”, engade sobre estoutro conxunto arqueolóxico. Para o primeiro realizara case un milleiro de fotografías, mentres que o outro precisou polo menos 1.140 imaxes.

Fotogrametría3D, Laxe das Lebres, de Antonio Costa
“Son macrofotos feitas, palmo a palmo, a uns 20 centímetros da superficie da rocha porque, dende máis distancia os detalles serían imperceptibles”, explica sobre o “exhaustivo” deste labor, argumentando que traballa “cunha profundidade de suco que non chega ao medio milímetro”.
O seu interese por esta materia é “simple curiosidade e afán de coñecemento”, aproveitando todas as vantaxes que permite o avance da tecnoloxía con respecto aos seus inicios, na década de 1970, como correspondente na bisbarra do Morrazo do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento e colaborador do Museo de Pontevedra.
CRÍTICA
Pero cos seus descubrimentos tamén dirixe unha “crítica feroz a algunhas empresas que se dedican a montar parques temáticos” en lugares de interese arqueolóxico: “Dispoñen duns medios impensables hai uns cantos anos”, reprocha sobre a falta de rigor nos traballos de musealización realizados na Caeira, Mogor e Tourón, este último en Ponte Caldelas.
No estudio dos petroglifos da Caeira, trala última revisión por parte da empresa hai aproximadamente unha década, que se supón que ía ser a máis completa, a miña sorpresa é que moitos dos trazos que recollera Antonio de la Peña nin sequera os sinalan”, precisa, citando o calco primixenio realizado a finais dos 70 polo conservador do Museo de Pontevedra, “sen ningún método moderno, só cun anaco de plástico e moito oficio”.
“Saben que ninguén lles vai reprochar nada, que os visitantes dos xacementos van crer o que ven plasmado no panel informativo e non debería ser así”, cuestiona Costa sobre a fiabilidade de certas accións de posta en valor do patrimonio.
Asegura que na musealización dos petróglifos de Tourón “tamén hai diferenzas abismais” e denuncia que en Mogor o persoal do Centro de Interpretación “fai caso omiso” dos seus achados publicados sobre estes gravados: “Coñécese que hai representado un cervo e, precisamente, aproveitando esta corentena forzosa, xa vou polo cuarto”, precisou sobre o resultado doutro dos seus recentes traballos de fotogrametría de moi alta resolución.

Cervo identificado por Antonio Costa en Mogor. Foto: Antonio Costa
Neste sentido, Antonio Costa afirma que descubrir representacións inéditas “pode facer cambiar completamente a visión” que se tiña dun conxunto rupestre. Como exemplo, cita “as dúas escenas de monta recollidas tradicionalmente na Laxe das Lebres, das cales unha delas non é, claramente”. As súas dúbidas iniciais sobre a presenza dun xinete confirmounas con esta nova dixitalización, asegurando que se trata “dunha superposición de dúas figuras, unha sobre outra”.
Neste mesmo panel rupestre, Costa sostén que a figura elixida como logotipo da Área Arqueolóxica da Caeira, con dous zoomorfos unidos polas patas “como nun espello, interpretárase como unha escena de apareamento entre cervos, dos cales un si o é porque ten cornamenta, pero o outro é imposible que sexa unha femia porque tamén ten cornos”, xustifica; “un erro que se repetiu na bibliografía ata hoxe”, engade.
Segundo este experto, trátase de “animais distintos”, apelando á posible presenza de bóvidos ou cápridos similares á interpretación que o propio Costa ten realizado sobre o xacemento arqueolóxico de Laxe do Cuco, en Cerdedo-Cotobade.
AMOR Á TERRA
“Fago estas cousas única e exclusivamente por amor á terra”, sinala Antonio Costa sobre o motivo que o impulsa a ter dixitalizado xa un cento de gravados dende 2016. “Non importa que a maioría da xente non os aprecie, eu sei o valor que teñen”, engade.
“Afortunadamente cada vez somos máis os interesados na arte rupestre e todos os que nos sentimos moi involucrados na súa catalogación e protección compartimos o mesmo malestar cara á Administración”, sinala sobre “a cantidade de destrozos patrimoniais que se producen cada día”.
“O crecente interese por parte de moita xente é inversamente proporcional ao interese do Goberno galego por preservar e dar a coñecer todo este patrimonio, e cantos máis petróglifos sabemos que existen, máis desinterese hai por parte da Xunta mesmo en catalogalos”, asegura quen hai dous anos notificou a existencia dos novos gravados nos lugares da Tomada en San Xián de Marín e A Cachada en Poio, “sen que aínda hoxe se desen por enterados”.
Así, a dixitalización de gravados vén actuar como garantía de rexistro documental para un patrimonio en perigo de desaparecer pola erosión e pola degradación, que “son máis fortes nos últimos 50 anos que nos 3.000 anteriores”. Entre estes casos, en Marín, o grabado de Pedrouzos 1 descuberto por Costa en 1980 permitía apreciar daquela a simple vista media ducia de representacións de armas, que resultaron ser case unha vintena tralo proceso de fotogrametría, convertendo esta rocha “na segunda de Galicia” desta tipoloxía, tras Auga da Laxe, en Gondomar.
“Corenta anos despois os sucos son practicamente invisibles”, lamenta Costa, pola forte escorrentía que afecta á rocha e polo arrastre de materiais debido á apertura dunha pista próxima.
Otros descubrimentos de Antonio Costa, como os petróglifos da Devesa do Rei, en Moaña, e Gondarán, en Cangas, foron vítimas da construcción da vía rápida do Morrazo: ambos foron desmontados das súas ubicacións orixinais coa “promesa” de trasladalos pero, tras quedar fragmentados, almacenáronse; mentres que o primeiro foi “desenterrado dunha escombreira” e parcialmente reconstruído, aínda que “non é nin a sombra do original”, o segundo “está perdido”.
Pola contra, un caso que lle fai ao seu descubridor ser “algo optimista” é a recente limpeza do petróglifo das Abelaires, en Bueu, que “estivo completamente abandonado durante 30 anos, convertido nun basureiro e cun Punto Limpo construído a pouca distancia malia ter un perímetro de protección de 200 metros”, ao estar catalogado como Ben de Interese Cultural.
“Despois de todo o tempo dedicado a descubrir e a inventariar patrimonio, o deterioro é moi triste”, conclúe quen aínda así segue “na brecha”, divulgando os seus estudos no blogue Cova de Paralaia e contribuíndo á promoción e á defensa do legado prehistórico a través do colectivo Irmandade Illa de Tambo.
Deixar unha resposta