Publicado por: MontePituco | 21/03/2020

POESÍA NA CASA

"Tempo fósil", de Pilar Pallarés (Chan da Pólvora, 2019)

Cando Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) comezou a escribir “Tempo fósil” (Chan da Pólvora, 2018), a finais de 2011, no Monte Pornedo levabamos case dous anos loitando para evitar que un polígono industrial varrese a natureza, o patrimonio do Monte Pornedo, e mudase para sempre -de forma irreversible- a fisonomía do ‘balcón da ría’. 

A casa familiar da autora, construída con moito esforzo polo seu pai, foi unha das 60 vivendas afectadas polas demolicións para ampliar en 400 metros o aeroporto de Alvedro, unhas obras millonarias que daquela acarrearon a expropiación de case 400 parcelas. Foi inexorable: a maioría dos propietarios aceptaron as indemnizacións e só un dez por cento porfiaron para acadar unhas compensacións xustas.

Hoxe en día seguimos gozando da natureza e do patrimonio do Pornedo, do horizonte atlántico dende este ‘balcón’; dúas sentenzas firmes son o froito do labor de case unha década. Pilar Pallarés fixo da poesía a súa aliada imbatible, cun libro recoñecido co Premio da Crítica Española 2018 e co Premio Nacional de Poesía 2019 do Ministerio de Cultura.

A peaxe da autora foi a morada na que medrou, onde atesouraba os seus recordos. O noso tributo, que o arborado do Pornedo fose arrasado o verán pasado nunha tala a matarrasa. 

“Voan miñatos sobre a paisaxe desmembrada”

…di un dos seus versos, que representa ese sentimento de destrucción, de perda, de desarraigo, de impermanencia. Mais o fogar vai connosco, como a terra ten a xenerosa capacidade para reverdecer. O verdadeiramente importante está no intanxible: a memoria, as palabras, a fortaleza da poesía para redimirnos das pequenas derrotas e para engrandecer as nosas vitorias: a xustiza, un libro.

Trala figura aparentemente fráxil de Pilar Pallarés hai unha voz potente, unha poética radical que abala e non deixa indiferente. O eco desta lectura evoca o pasado, a dor, o baleiro, a impotencia, a resistencia; mais tamén deixa un pouso enigmático, críptico, inexpugnable, que só a autora pode descrifrar.

Velaí o misterio da lírica, que deita máis preguntas que respostas; abonda con deixarse levar polos interrogantes ata o seu ‘tempo’, tan ‘fósil’ como as pegadas que os antigos poboadores deste ‘balcón’ deixaron inscritas nas pedras. 

21 DE MARZO, DÍA DA POESÍA

#QUEDA NA CASA #CORENTENALITERARIA


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: