Non se defenderá aquí os revirados ‘chivatos de balcón’, desprezados por berrarlle a quen sae á rúa para dar o seu necesario paseo a nenos con necesidades educativas especiais; ou que insulten a quen sae para ir traballar ignorando que o seu labor é esencial para que os demais poidamos permanecer confinados… Pero é moi sospeitoso que unha pista de servizo dunha variante, poñamos por caso a de Marín -que nin sequera está asfaltada, que malamente ten unha capiña de cemento e por riba está chea de fochancas- se convirta de súpeto nun sucedáneo da Avenida de Madrid, de tanto tránsito que se ve nela ultimamente por parte de conductores de vehículos e de motocicletas.
Se unha persoa ten que desprazarse porque fai garda nun hospital, nun centro saúde ou nunha farmacia; porque forma parte do servizo de limpeza ou de mantemento dunha infraestrutura sanitaria; porque ten que incorporarse á súa quenda nunha comisaría, nun cuartel, nun parque de bombeiros; porque atende un quiosco, porque recolle o lixo ou porque a súa función forma parte desa lista de oficios esenciais para a saúde e o benestar dos demais, que seguimos -obediente, responsable e solidariamente- nos nosos fogares… entón suponse que ninguén tería a necesidade de ir de ‘tapadillo’ por lugares estrafalarios onde se supón que nin a Policía nin a Garda Civil fan controis de mobilidade.
Da frase “non se pode saír da casa”, que parte non entenden algúns?
Deixar unha resposta