Hai un mes por estas datas anunciábase o inicio dun estado de alarma sanitaria que a moit@s se lles está facendo costa arriba, metidos entre as catro agobiantes paredes dun piso. Publicouse nalgures que o confinamento nos fogares fixo que a xente da aldea de súpeto se volvese rica e afortunada por ter terreo, horta ou finca onde distraerse, pasear ou traballar con total liberdade. Esta situación tamén é unha sorte de xustiza poética para a veciñanza rural fronte á urbanita: que ergan o brazo, se non, os que algunha vez se sentiron desprezados ou sinalados de xeito despectivo precisamente por vivir no campo, por sementar patacas ou colleitar millo, por ter vacas, ovellas ou galiñas… fronte aos señoritos limpos e dignos do asfalto e da (in)civilización. Para aqueles alérxicos á terra que se burlaban de aldeáns e de parroquianos vai -con carácter retroactivo- esta ‘vinganza’ chea de frescura, vitalidade e natureza na carballeira da Curxeira (*). Abonda un minuto de chuvia e paxariños. A rabear!
PD (*): Carballeira que sobrevive, por certo, grazas á defensa inquebrantable do Monte Pornedo; este ecosistema non sería posible sen a conservación do ‘balcón da ría’ e dos regatos que nutren este val tan fértil en colleitas.
Deixar unha resposta