Cando hai algo máis de dez anos comezou o arduo traballo en defensa do Monte Pornedo, un dos problemas máis serios aos que houbo que facer fronte -mesmo aturando actitudes de mala educación e agresividade- foi a erradicación do circuíto de motorismo no que se convertera este val, literalmente ‘tomado’ por pilotos de motos e quads que, sobre todo nas fins de semana, viñan dar voltas e máis voltas nestes terreos. Esa práctica ilegal provocaba unha grave erosión e unha contaminación tremenda, porque por riba de que eses ‘okupas’ eliminaran os usos tradicionais agro-gandeiros do monte, moitos deles deixaban tirados neumáticos vellos, latas de aceite, pezas metálicas, plásticos, latas de bebidas… Ademais de seren coma o cabalo de Atila, que ao seu paso non deixaban medrar herba, nin toxo, nin fento, tamén estragaban o arborado co que un tempo atrás se repoboara aquela zona. Algúns daqueles motoristas eran tan egoístas e ‘curtos de miras’ que chegaban a negar que alí houbese castiñeiros, cerdeiras, piñeiros…
Unha década despois, esas árbores medraron (un pouco) e de cando en vez… ata veñen podalas!
Deixar unha resposta