Publicado por: MontePituco | 12/12/2017

AS ORIXES DE LOURIZÁN, CON ANTONIO DE LA PEÑA

Charla de Antonio de la Peña sobre o patrimonio arqueolóxico de Lourizán

“Así como Salcedo conserva moitos elementos da súa antigüidade, Lourizán apenas ten restos arqueolóxicos porque practicamente todo o territorio foi ocupado por diversas construcción”. A depuradora, a vía do ferrocarril, a autovía de Marín e o seu scalextric, e sobre todo, a instalación de Celulosas e de Elnosa, borraron do mapa o pasado desta ‘terra mártir’; un termo acuñado para referirse a esta parroquia na súa longa e tortuosa defensa da Praza dos Praceres. Lugares que antano foran frecuentados por xente de alta alcurnia acabaron sendo o patio traseiro de Pontevedra.

Unhas xornadas organizadas pola Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra procuraron reivindicar o esplendor de Lourizán e os recursos patrimoniais que antano lle deron lustre a este territorio maltratado. O arqueólogo do Museo de Pontevedra, Antonio de la Peña foi un dos participantes neste seminario monográfico sobre o Pazo de Montero Ríos, cuxa extensión chegaba ata os dominios da parroquia de Santo André.

20171128_192632-min

O achado dun artefacto lítico bifaz demostra a existencia de poboacións de cazadores e recolectores en tempos remotos. Mais non son os únicos restos prehistóricos dos que hai noticia, tendo en conta a aparición de dous machados de pedra pulimentada.  

Bótase en falta a presenza de pistas que conduzan á localización de mámoas, sendo O Morrazo unha bisbarra onde a existencia destes enterramentos se caracteriza pola súa dispersión. Entre as que se atopa máis preto de Lourizán, Antonio de la Peña citou a de Sete Camiños, no linde entre a parroquia marinense de San Xián e as pontevedresas de Lourizán e de Salcedo. 

En canto á presenza de gravados rupestres, o arqueólogo referiuse á figura de Enrique Campos Sobrino, que situaba dúas laxes en Outeiro do Casal e onde actualmente se atopa o colexio público de Praceres. Este último petróglifo atópase dentro do recinto escolar, co peche perimetral do centro de ensino xusto enriba da pedra, agredindo a área de cautela deste Ben de Interese Cultural: “Parece mentira que unha institución docente o teña nas condicións nas que se atopa”, lamentou Antonio de la Peña, en alusión ás posibilidades desaproveitadas dende o punto de vista educativo por introducir a sensibilidade polo patrimonio cultural dende o propio currículo académico.

Quizais pola ausencia de espazos libres da influencia humana, en Lourizán non se está dando o caso de atopar elementos de arte rupestre que permanecían inéditos, como está sucedendo en Salcedo e máis recentemente en San Xián de Marín en lugares con abundantes xacementos arqueolóxicos como A Carrasca.

Tamén sorprende que Lourizán sexa “das poucas parroquias que non ten un castro coñecido” fronte aos poboados da Subidá e das Croas, en Marín e Pontevedra, respectivamente. 

Charla de Antonio de la Peña sobre o patrimonio arqueolóxico de Lourizán

Avanzando no tempo, a charla de Antonio de la Peña abordou tamén a época da romanización, na que destacou a ausencia de hostilidades entre as comunidades castrexas e os romanos. A apertura de rutas comerciais supuxo que do século I en diante chegaran ata esta parte da ría numerosas importacións de ánforas con viños e outras mercadorías. 

Máis indicios: a aparición de restos de aras na zona do Igrexario, ou a figura do que deron en chamar un “demo” nun muro da finca de Montero Ríos. En opinión de Antonio de la Peña, trátase dunha “figura orante” máis que da representación do ‘deus’ Vestio ao que facían referencia as inscricións das aras atopadas, que tampouco estarían vinculadas ao legado romano.

20171128_195508-min

Charla de Antonio de la Peña sobre o patrimonio arqueolóxico de Lourizán

Co achado no lugar de Sartán dalgunhas moedas e dunha ‘falera’ -adornos no equipamento militar romano e na utillaxe dos cabalos-, xunto con indicios da existencia dunha fábrica de salazón, parece rematar a catalogación de bens arqueolóxicos en Lourizán. 

A conferencia de Antonio de la Peña foi repaso cronolóxico á riqueza ‘incompleta’ desta parroquia en materia patrimonial; un catálogo incompleto e cheo de misterios, como o da identidade do primeiro habitante documentado en Lourizán: unha muller chamada Severa.

*Sobre “A zona arqueolóxica de Lourizán” trata o artigo de Eloy Martínez Soto no “Relatorio sobre a protección do Pazo de Lourizán”, de recente publicación, coordinado polo presidente da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, Ernesto Vázquez-Rey Farto.

Relatorio sobre a protección do Pazo de Lourizán


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: