Poucas incidencias -aparentemente- se teñen rexistrado no Monte Pituco tralo paso do temporal “Ana”. O vento revirou e tronzou as pólas dun salgueiro que medraba no inicio da pista forestal, a carón do cruce do Regueiriño. Tamén tumbou un eucalipto de mediano tamaño en plena subida cara ao sendeiro que conduce ao miradoiro.
A nota positiva, as precipitacións, que encheron as pozas e as pías. As nosas pisadas xa non levantan pó cando camiñamos sobre a terra seca; nótase baixo os pés a textura e mailo son esponxoso da auga que enchoupou a herba e os brións. Abofé, regatos e mananciais -tan mermados pola seca- recibiron estas chuvias como un bálsamo reparador.
Deixar unha resposta