Publicado por: MontePituco | 05/12/2011

NO CASTRO DA SUBIDÁ, CON ÁLVARO ARIZAGA

Subidá, do latín civitas, significa “cidade”, un gran poboado romanizado que, como no caso deste asentamento localizado no primitivo Marín, estivo ocupado ao longo de varios séculos. Acaban de investir 86.000 euros na recuperación dunha pequena parte deste castro que puido abarcar unhas tres hectáreas de terreo, con vivendas circulares de pedra, posiblemente cubertas cunha mestura de madeira, palla e barro. Nestes restos atópase un anaco da nosa historia, da nosa cultura e da nosa esencia. Descubrimos algúns aspectos da vida dos nosos antergos da man dun marinense, o arqueólogo e profesor da Escola de Restauración de Pontevedra, Álvaro Arizaga. Esta interesante visita, na que participamos unha vintena de persoas, organizouna a Asociación Cultural Almuinha.

Os traballos consistiron en consolidar unha antiga excavación que fora impulsada nos anos 80 polo Museo de Pontevedra e que, ao quedar inacabada, deu lugar a un expolio desaforado e moi agresivo do xacemento. Cóntase que os furtivos percorreron a zona con detectores para apropiarse de moedas e doutros elementos metálicos, ademais de cerámicas e pedras, entre elas, un muíño. No Museo gárdanse fragmentos de bronce, fíbulas e vestixios que sobreviviron á rapiña das mans amigas do alleo.

E para o conxunto da cidadanía, xa é posible visitar este espazo que nos achega ao pasado. A gran incógnita é que continuidade terán os traballos realizados pola empresa viguesa BIC no castro da Subidá porque, como ben advertiu Álvaro Arizaga, de nada serve o investimento económico se non se lle dá continuidade para garantir un mínimo mantemento dos restos recuperados.

“Isto é unha riqueza, non un problema para os propietarios”, insistiu o arqueólogo marinense, en alusión ás cesións dos terreos por parte da Comunidade de Montes e dos donos de parcelas privadas. Os responsables da Administración non souberon transmitir nunca que a existencia de elementos prehistóricos, lonxe de privacións, é unha oportunidade de desenvolvemento. Todo o que se poña en valor leva parello un desenvolvemento que, ben enfocado, repercute en economía, postos de traballo, cultura e sabedoría colectiva.

E Marín conta cun valioso patrimonio histórico que, por desgraza, non está todo o ben conservado nin ben xestionado que merece. As agresións aos bens -petroglifos, mámoas, castros- soe quedar impune e, boa parte das veces son as propias institucións, as que deberan dar exemplo, as causantes dos perxuízos autorizando actuacións lesivas. O Plan Xeral de Ordenación Municipal é a principal ferramenta para protexer este legado; e non hai pezas de primeira, segunda ou terceira categoría, posto que todo o catálogo de elementos está considerado por igual: dende os petroglifos de Mogor, pasando polo castro da Subidá, ata os gravados rupestres de Pornedo, Champás, Piñeiral de Caeiro ou Sete Camiños…

Álvaro Arizaga lembrou que a elaboración do PXOM tivo moitos problemas porque o equipo redactor descoñecía Marín e o seu territorio: fotos mal localizadas, cruceiros e outros elementos etnográficos sen catalogar… Foi así como a Dirección Xeral de Patrimonio freou en varias ocasións o avance do procedemento debido a erros sucesivos que houbo que corrixir. O propio Arizaga presentou alegacións ao documento para amosar a súa disconformidade coa ubicación do chan industrial na zona do Pornedo, onde abundan os gravados rupestres e outras formas de expresión prehistórica. Isto, sumado ao desnivel do terreo, fan que o proxecto de parque empresarial nese emprazamento non mereza outro calificativo: ABERRACIÓN.

Da Idade do Bronce, como os petroglifos do Pornedo, pode que sexan tamén os primeiros sinais de existencia do castro da Subidá. Esta recente excavación foi moi superficial porque os restos atópanse practicamente a ras do chan, pero probablemente cunha intervención máis a fondo puideran aparecer restos antigos desa etapa primitiva. Así, baixando a croa, ou coroa, do castro, atópase un gravado na pedra que, malia estar moi erosionado, podería datarse nesa época.

Oito, nove, dez séculos… tal vez fora o tempo que o castro da Subidá permaneceu ocupado ata que os seus habitantes se foron trasladando progresivamente a outras zonas cun menor perfil defensivo que o curuto do monte. Ata probablemente a Idade Media se puido manter activo. Proceden, acaso, desa franxa histórica as marcas en espiral que figuran nunha pedra situada xa máis preto das vivendas actuais? Son moitas as hipóteses.

Algo así acontece tamén cos gravados de Pepito Meijón. Por que non se poden poñer en valor as súas obras, por modernas que sexan? Argumentaba Álvaro Arizaga que, noutro país, o seu caso sería estudado polos expertos: que levaría a un home tan peculiar a converterse nun “petroglifeiro” contemporáneo, marcando os lugares con valor etnográfico (lavadoiros, cruces de camiños, montes, praias…) e respectando os gravados prehistóricos (agás nun só caso que picou por riba do petroglifo antigo).

Aquí e agora a súa figura é denostada e desprezada, mentres que fóra probablemente sería un fenómeno turístico e mesmo académico. Mágoa de país!


Responses

  1. […] é a primeira vez que visitamos o Castro da Subidá. Non é a primeira vez que temos como guía de excepción ao arqueólogo marinense Álvaro Arizaga. […]

  2. […] sexa “das poucas parroquias que non ten un castro coñecido” fronte aos poboados da Subidá e das Croas, en Marín e Pontevedra, […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: