Publicado por: MontePituco | 13/12/2017

A EXPERIENCIA DO PARQUE RUPESTRE DE TOURÓN

Buenaventura Aparicio: A experiencia do parque rupestre de Tourón

“Hoxe en día é inviable volver atrás”. A frase é do concelleiro nacionalista de Pontecaldelas Manuel Barreiro, nun acto organizado polo Ateneo de Pontevedra na Casa das Campás. O historiador e antropólogo Buenaventura Aparicio era o ponente dunha conferencia co lema “Un modelo de protección, investigación e divulgación da arte rupestre: a experiencia de Pontecaldelas”. Referíase Barreiro á firme consolidación da Área Arqueolóxica de Tourón; unha iniciativa que malia a controversia que xerou na comunidade de montes a conta da cesión dos terreos para desenvolver este proxecto de posta en valor do patrimonio rupestre, e a pesar do axustadísimo resultado da votación que se decantou finalmente a prol de levalo a cabo, xa é irreversible. Ninguén en Tourón, nin sequera os detractores das accións realizadas ou os que dubidaban dos seus beneficios, cuestionan xa a excelente repercusión desta área arqueolóxica que atrae visitantes de numerosos recunchos de Galicia e do resto da península. Pasaron 10 anos dende a inauguración do parque e ao longo deste tempo aas estacións rupestres de Nabal de Martiño, Laxe das Cruces, Coto da Siribela e Outeiro da Forcadela convertéronse en destacados referentes da arte prehistórica.
Sen dúbida, quen ten contribuído a que isto sexa así é Buenaventura Aparicio: leva máis de tres décadas percorrendo os montes, enriquecendo coas súas achegas o catálogo do patrimonio arqueolóxico galego, sendo un activo promotor e divulgador desta riqueza a través de ducias de charlas e publicacións, moitas delas da man do seu compañeiro de andanzas Antonio de la Peña, arqueólogo do Museo de Pontevedra.

Buenaventura Aparicio: A experiencia do parque rupestre de Tourón

Precisamente, en 2007 creouse en PonteCaldelas -con Aparicio como coordinador- o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena”, formado por arqueólogos, historiadores e persoas afeccionadas ou interesadas na protección, investigación e difusión da arte rupestre do municipio. Tomou o seu nome dun xacemento catalogado que destaca non só por representar unha profusa iconografía rupestre coa brama de cervos como eixe temático, senón tamén porque -sorprendentemente- foille construído enriba un muro que impide a aceitada posta en valor dos gravados.
A súa teima en todos estes anos foi convencer a propios e estraños de que “todo Pontecaldelas” -e quen di Pontecaldelas di Marín ou calquera outro concello- “ten que tomar conciencia da imprtancia do patrimonio que ten”, dende os anciáns da vila ata a poboación infantil.
Por iso é habitual ver a Buenaventura Aparicio impartindo charlas, guiando visitas ou participando directa ou indirectamente naa numerosas actividades que se programan en Pontecaldelas arredor da arte rupestre. “Porque a cultura é unha festa”, é a súa teoría. Velaí a súa acérrima defensa da necesidade de “facer pedagoxía nas escolas” a través de encontros co alumnado, con talleres de expresión, creación literaria ou artística vencellados á forma e á simboloxía dos petróglifos; ou de facer partícipe a toda a veciñanza na celebración de romarías nas que o patrimonio e a natureza son o telón de fondo de xantares e foliadas; e mesmo actuar politicamente ante institucións de tan alto rango como o Parlamento Europeo a través da deputada Lidia Senra, que fixo posible que a campaña SOS Arte Rupestre Galega chegase tan lonxe para visibilizar as ameazas que lle afectan gravemente ao noso patrimonio prehistórico: a eucaliptización e os incendios forestais.

Buenaventura Aparicio: A experiencia do parque rupestre de Tourón

Laxe das cruces

Se un proxecto concreto lle ocupou tempo, esforzo e preocupación, ese foi a actuación na famosa ‘pedra do cervo’, en Cuñas. Tiveron que pasar ata cinco anos para poder traballar na ampliación da súa excavación, na restauración do gravado, na realización do calco a cargo de Antonio de la Peña, e na súa sinalización con paneis informativos. 

Daquela, os comuneiros de Cuñas tiñan o terreo conveniado con Norfor: “Ata un traballador da empresa chegou a protestar porque se desbrozara moito arredor do petróglifo”, criticou Aparicio. Pero as trabas non impediron que este xacemento recuperase o esplendor, descubrindo a canteira tradicional que houbera antano arredor do xacemento ou invitando a veciñanza a presenciar os traballos de recuperación. 

Pero como dixo ao final da charla o edil Manuel Barreiro, “non hai volta atrás”. O sentido común e a razón estiveron, están e estarán sempre de parte de quen aposta pola conservación da cultura, pola recuperación dos sinais de identidade que nos unen, de quen favorece a mellora destes recursos como trampolín para xerar máis dinamismo: “Medio millón de persoas visitan cada ano os xacementos rupestres de Val Camonica en Italia, tendo menos calidade que os nosos”, concluía Buenaventura Aparicio.

Buenaventura Aparicio: A experiencia do parque rupestre de Tourón

O efecto da vaga de lumes de 2006 en Tourón; os petroglifos non resultaron afectados polo lume grazas a que a matogueira fora desbrozada con anterioridade


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: