Publicado por: MontePituco | 16/12/2017

ESCRITOS OFICIAIS INFORMANDO DO RESULTADO DAS XORNADAS SOBRE PATTIMONIO DE SAN XIÁN

O Concello de Marín e a Dirección Xeral de Patrimonio veñen de ser informados do resultado das Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, organizadas pola Asociación Monte Pituco (Pornedo) en colaboración coa Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo. En senllos escritos resuminos o contido desta iniciativa, consistente nunha ruta guiada para dar a coñecer algúns dos xacementos arqueolóxicos catalogados na parroquia, máis unha charla sobre a técnica da reconstitución dixital en tres dimensións aplicada aos gravados rupestres.
Esta conferencia, a cargo do investigador Antonio Costa, estivo precedida dunha visita aos petróglifos incluídos na andaina para tomar fotografías dos mesmos e procesar as imaxes a través desa ferramenta informática. Como resultado deste traballo, tal e como quedou exposto na ‘barferencia’ celebrada na Adega A Capeleira, en dous grupos do conxunto rupestre da Carrasca localizáronse elementos inéditos que non figuran representados nas fichas de Patrimonio.
Así, no grupo número 4 do conxunto rupestre da Carrasca identificouse o trazo dunha punta de alabarda; un dato relevante que permite adscribir cronoloxicamente a orixe do xacemento á Idade do Bronce.

No grupo número 6 do conxunto da Carrasca apreciouse tamén o perfil doutra arma da que non había constancia previa.

Ademais, durante o roteiro foron localizados restos de cerámica no lugar de Pelagartos, en San Xián, onde está documentada a existencia dun asentamento prehistórico da Idade do Bronce. Segundo os expertos consultados pola Asociación Monte Pituco (Pornedo), case con total seguridade estes fragmentos remóntanse á época castrexa.

Restos de cerámica descubertos en Pelagartos

A maiores, en marzo deste ano a Dirección Xeral de Patrimonio foi informada da localización -por parte de Paulo Troitiño Iglesias- de tres novas estacións de arte rupestre no lugar da Carrasca, para a súa catalogación:
-Trátase dun motivo cuadrangular ou reticular e outros trazos. Destaca a importancia deste gravado por ser o único desta tipoloxía existente no Morrazo, logo de que resultara destruído nas obras da Variante outro semellante documentado en Moaña por Antonio Costa.

-E de varias cazoletas e combinacións circulares, estas últimas aparecidas ao desplomarse un eucalipto que nacera sobre a rocha.

Novos gravados descubertos na Carrasca: coviñas

A Dirección Xeral de Patrimonio xa foi informada o pasado mes de marzo destas novas descubertas para que fosen incluídas no rexistro ou inventario de xacementos arqueolóxicos de Galicia, ampliando así a riqueza cultural e patrimonial da nosa comunidade, e favorecendo que queden ao abeiro das garantías de protección e conservación que contempla a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia ao ser clasificadas como Ben de Interese Cultural (BIC).
Por conseguinte, a Asociación Monte Pituco (Pornedo) dirixiuse novamente á Dirección Xeral de Patrimonio para reiterar os achados notificados hai nove meses e, a maiores, para ampliar esa petición coas novas descubertas.

Paralelamente, o Concello de Marín foi interpelado para que a Concellería de Cultura tome coñecemento desta información tan valiosa para o patrimonio do Concello; que a incorpore convintemente á documentación municipal actualizando o apartado correspondente no Plan Xeral de Ordenación Municipal, ademais de reiterar a petición para que se corrixan as eivas que presenta o Planeamento na identificación e localización dos xacementos; que a teñan en conta no proceso de elaboración do futuro Plan de Protección do Patrimonio aprobado polo Pleno da Corporación e que os colectivos/profesionais que traballan a prol da protección e difusión do patrimonio participen activamente na posta en marcha desta iniciativa.

. . . . . . . . . . .

REPERCUSIÓN NA PRENSA LOCAL

La Voz, 16 decembro 2017

Los diseños de dos armas y motivos geométricos enriquecen los petroglifos de San Xulián

La asociación Monte Pituco insta al Concello de Marín y a Patrimonio a proteger los grabados rupestres

Diario, 16 decembro 2016

Faro, 16 decembro 2017

“Monte Pituco” pide protección para los nuevos hallazgos rupestres de A Carrasca

La asociación localizó en unas jornadas elementos de interés patrimonial


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: