O Monte Pituco segue de noraboa, estreando novos elementos de posta en valor do seu patrimonio arqueolóxico que están sendo instalados polos técnicos de A Citania no marco da posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Neste fin de semana xa puidemos aplaudir a colocación dun completo panel informativo nas inmediacións dos petroglifos de Pinal de Caeiro. Trátase dunha estrutura metálica cunha placa na que figuran, por unha parte, o debuxo destes gravados coa súa orientación nos puntos cardinais, ademais dunha fotografía da laxe. Esta información gráfica compleméntase cun sinxelo texto explicativo
Chama a atención a singularidade morfolóxica destes petroglifos, que han redundar nun maior recoñecemento.
Como indica o texto explicativo do panel, durante os traballos de posta en valor púxose de relevo a presenza dunha figura con forma de espiral: “As representacións de espirais NON SON UN MOTIVO COMÚN entre o conxunto de gravados rupestres galegos”, lese na descrición.
Xunto con esta espiral, os petroglifos de Pinal de Caeiro tamén se caracterizan pola presenza de círculos concéntricos, puntos e liñas, conformando en conxunto unha “representación complexa de tipoloxía esquemática”. Non en van, pola disposición dos elementos desta figura xeométrica, dende antigo coñecíase co nome de “o ciclista” ou “bicicleta”.
Os arqueólogos que analizaron estes petroglifos tamén valoraron a súa orientación cara ao solpor, nun enclave con vistas privilexiadas ao val do Lameira, ao abeiro do Monte Pornedo, e cara á desembocadura da ría. Sen dúbida, a paisaxe é outro dos atractivos deste gravado prehistórico.
Arte rupestre que chegou aos nosos días malia os traballos de cantería que se realizaron nas súas inmediacións antigamente, malia a construcción da Variante de Marín, e supoñemos con alivio que tamén sobrevivirá ás obras da nova rede de abastecemento de auga promovidas por Acuaes, que se instalará ao pé da pista de servizo.
Sen esta actuación de posta en valor que tanto tempo leva demandando a Asociación Monte Pituco, xunto cos demais promotores do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, a súa conservación e protección seguiría exposta ao azar.
Cómpre salientar tamén a incorporación das novas tecnoloxías ao proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. As persoas que visiten este xacemento poderán ter acceso, a través dunha aplicación móbil, á lectura de dous códigos QR (quick response) que incorpora o panel informativo: un contén a ficha técnica do elemento e outro, unha explicación en formato audio.
Curiosamente, neste panel detectamos un posible erro , xa que os códigos QR remiten á mámoa de Sete Camiños en lugar dos petroglifos de Pinal de Caeiro. Xa foi comunicada esta incidencia aos técnicos de A Citania.
Deixar unha resposta