Publicado por: MontePituco | 03/05/2014

A PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO SOBRE O PLAN SECTORIAL DA XUNTA

Val do Pornedo, afectado polo Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Xunta.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén de expoñer o seu posicionamento sobre o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais que acaba de aprobar a Xunta. Un comunicado de cuxa redacción foi partícipe DEFENDE O MONTE PITUCO e que critica duramente a política urbanística do Goberno galego: especulativa, derrochadora en termos económicos, irracional no sobredimensionamento da demanda de solo industrial, irrespectuosa co medio ambiente, incoherente coa política de protección da paisaxe que unha vez máis se demostra que é falsa, e que despreza os colectivos críticos con esa xestión aos que por sistema se lles rexeitan as súas alegacións.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera que a aprobación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia (PSAEG) o pasado 30 de abril  non responde á realidade e advirte da súa insustentabilidade e irrealización, en especial das áreas empresariais que afectarían o Morrazo, a da Cruz da Maceira no concello de Moaña, a do monte Pornedo en Marín, e a ampliación do polígono industrial de Castiñeiras entre Bueu e Cangas.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo resulta incomprensíbel a aprobación deste Plan Sectorial se temos en conta que aínda hai sen ocupar e sen vender máis de 2.800.000 m2 de parcelas en todo o territorio galego, incluída a provincia de Pontevedra. Estamos, ao noso entender, diante dun novo e auténtico pelotazo urbanístico a nivel autonómico que, lonxe de pór freo e corrixir os erros cometidos no pasado, continúa coa mesma política de promoción de solo industrial moi por riba da demanda que provocou a burbulla urbanística.

Durante as últimas décadas o negocio da recualificación de moitas hectáreas de solo rústico a baixo prezo estivo detrás da construción das áreas empresariais que agora se demostran que non facían falla. Nunca se correspondeu pois a instalación de polígonos cunha creación planificada de postos de emprego e de aí a grande cantidade de parcelas sen ocupar, coas naves baleiras ou mesmo con usos non industriais.

Este plan está baseado nas políticas neo ou ultraliberais que nos levaron á crise e onde prima o negocio, unha sorte de lotaría, que no canto de agardar a encher o total dos polígonos industriais, planifica outros novos a partir dunha ocupación “mínima” do 30% xogando incluso coas delimitacións xeográficas e a propia demanda de solo.

O PSAEG -alén de especular unha vez máis co territorio- tampouco respecta as figuras legais de protección e conservación do medio. Así os polígonos industriais aprobados na Cruz da Maceira e no Monte Pornedo, están integrados no espazo natural dos Montes do Morrazo, catalogado como solo rústico de especial protección dos espazos naturais dentro das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, onde non están autorizados os usos industriais.

No que respecta ao Monte Pituco (Pornedo), a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo redunda nos argumentos contrastados que neste mesmo blogue se veñen expoñendo reiteradamente nos últimos anos: forte desnivel do terreo, afección a xacementos arqueolóxicos catalogados, impacto visual, perxuízo aos acuíferos, desaparición de especies de fauna e flora vulnerables…

Os 336.944 m2 aprobados no Monte Pornedo coinciden cunha pequena diferenza de m2 cos propostos no PXOM de Marín (331.999 m2) situados en terreos comunais da parroquia de San Xián. Este proxecto afectaría o verdadeiro balcón panorámico e área natural de espallamento do constritivo centro urbano. Este espazo ten unhas pendentes superiores ao 35% e, xa na parte afectada polo polígono industrial proxectado no Planeamento municipal, o 92% desa superficie ten un desnivel por riba do 15%, que é o límite fixado na “Guía de recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”, elaborada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Ademais conta, a nivel natural, con plantacións forestais, monte baixo, especies de fauna e flora vulnerábeis, mananciais, fontes e regatos de captación de auga veciñal. A alteración da súa fisonomía suporía ademais un impacto paisaxístico brutal e irreversible en toda a área da ría de Pontevedra que abarcan municipios de alta ocupación turística como Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Bueu e o propio Marín.

Esta área tamén é moi importante pola súa extraordinaria riqueza patrimonial con mámoas, petróglifos, abrigos rochosos e outros elementos que motivaron a súa integración no deseño do Proxecto de Creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. O proxecto de creación desta área empresarial estragaría e hipotecaría un espazo de grande importancia ambiental e patrimonial, así como a súa valorización, pola que apostan máis de 20 colectivos sociais da vila e contorna.

Esta área foi planificada nun principio para ser unha Plataforma Loxística Marín-Pontevedra; agora “en teoría” quedan fóra os terreos que se ubicaban nos montes da parroquia de Lourizán e que foron rexeitados polo Concello de Pontevedra por tratarse dunha área de interese arqueolóxico, perfectamente extrapolable ao propio Monte Pornedo que a Xunta discrimina e despreza ao mantelo como parque empresarial no Plan Sectorial.

O resto do comunicado da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo sobre os polígonos proxectados en Moaña e Bueu pode lerse na seguinte ligazón: “Comunicado sobre a aprobación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais“.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: