Publicado por: MontePituco | 30/07/2019

TRALO RONSEL DO RAINBOW WARRIOR

O Rainbow Warrior, en Vilagarcía

Estivemos entre as preto de 5.000 persoas que esta pasada fin de semana se achegaron onda o Rainbow Warrior, o barco de Greenpeace, no peirado do Ramal, en Vilagarcía. Malia a gran afluencia de público, cómpre resaltar a eficacia dos voluntarios e voluntarias de Greenpeace Galicia que participaron na recepción dos visitantes, formando pequenas quendas que ían subindo abordo e avanzando sobre a cuberta a medida que grupos anteriores ían completando o percorrido.

Malia que breve, o paseo comezaba na proa, continuaba no ‘cerebro’ do barco onde están os mandos que permiten dirixir a navegación e -tras cruzar un pequeno corredor entre os contenedores de reciclaxe de residuos e o compartimento onde os activistas se equipan con cascos e chaleques para emprender as súas accións reivindicativas en alta mar- remataba na popa, cunha charla sobre a campaña #EnMarchaPoloClima, coa que dende maio percorreron Rumanía, Bulgaria, Grecia, Italia, Barcelona e Málaga. Tras ser rexeitado pola Autoridade Portuaria de Vigo, o Rainbow Warrior puido poñer o colofón desta singradura en Vilagarcía, onde se bateron os récords de visitas de toda a xira internacional.

O Rainbow Warrior, en Vilagarcía

O Rainbow Warrior, en Vilagarcía

No peirao, ademais dos postos de información e de captación de novos simpatizantes, Greenpeace presentaba varias demostracións sobre as nefastas consecuencias do cambio climático e dos gases de efecto invernadoiro no planeta.

Os datos do informe ‘Cambia a enerxía, non o clima’ que debullaron antes de zarpar rumbo a Francia revelan que durante o pasado mes de abril deste 2019 a concentración media diaria de dióxido de carbono na atmosfera, no conxunto do planeta, batiu a marca de 415 partes por millón, unha cantidade que non se acadaba dende hai 3 millóns de anos;,é dicir, antes de que a especie humana habitase na Terra. Tamén se superou o récord de temperaturas, posto que os catro últimos anos foron os máis cálidos na historia da (in)humanidade, dende que existen rexistros. 

Se isto non nos fai reflexionar e mudar tanto as políticas como os hábitos de consumo, xa estamos tardando en buscar outro planeta onde seguir vivindo (e contaminando). Ah… que non hai planeta B, non hai Galicia B, non hai Monte Pituco B!

O Rainbow Warrior, en Vilagarcía

Antes de deixar atrás as costas galegas, o persoal de Greenpeace puxo o foco nas cinco medidas prioritarias nas que cómpre actuar para frear esta crise climática:

  1. Redución das emisións. A Unión Europea debe reducir a cero as súas emisións netas en 2040 e baixalas nun 65% de aquí a 2030 con respecto ao 1990. A nivel estatal cómpre minimizalas cando menos 55%, non o raquítico 20% que propón actualmente.

  2. Transición acelerada a un sistema 100% renovable. En 2030 a práctica totalidade da electricidade que se consome en España debería ser 100% renovable. O propio Rainbow Warrior trata de dar exemplo procurando xerar a enerxía que o impulsa polas ondas con sistemas non contaminantes.

  3. Deixar de queimar carbón. En 2025 todas as centrais térmicas (e as nucleares) deben estar pechadas. Expertos de Greenpeace explicaron nestes días que un tercio de todas las emisiones que se producen en Galicia proveñen das dúas centrais térmicas de carbón de Naturgy e Endesa, situadas respectivamente en Meirama e As Pontes. A primeira xa decidiu o seu peche, mentres que a segunda non ten data de clausura malia ser o maior foco de emisión de CO2 de toda España.

  4. Cambio radical no sector do transporte. Ao longo da próxima década debería quedar prohibida a venda de coches que usen gasoil ou gasolina, a prol da sustitución deses vehículos por sistemas de transporte intelixente e eficiente, con maior peso do transporte público e compartido, e dos modelos non motorizados e eléctricos.

  5. Marco xurídico estable. Urxe unha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética contundente, así como aspirar a un Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima.

Estes son os ‘deberes’ que nos deixa a veterana organización ecoloxista para os vindeiros anos. Tendo en conta á fronte de quen están os gobernos nas distintas Administracións, non se antollan obxectivos de doada consecución. Por iso, como Garavanciño coas pedriñas marcando o camiño, vai haber que pedirlle ao Rainbow Warrior que non perda de vista o ronsel que deixa tras de si ao marchar das costas galegas para acertar co camiño de volta. Seguramente vaiamos precisar unha segunda parte da campaña #EnMarchaPoloClima.

O Rainbow Warrior, en Vilagarcía


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: