Publicado por: MontePituco | 29/07/2019

A ALDEA NEOLÍTICA DE SALCEDO

Construcción da aldea neolítica en Salcedo

A fronteira de Sete Camiños entre as comunidades de montes de Salcedo e de San Xulián separa moito máis que dúas parroquias de dous concellos lindeiros; é a división entre dous modelos antagónicos de entender a xestión do monte veciñal, como a mestura imposible entre auga e aceite, como a antítese literaria entre Mordor e a Terra Media.

Para quen leva uns cantos anos percorrendo estes montes para achegar o seu modesto grao de area ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, cruzar dende San Xulián ata Salcedo supón facer unha viaxe no tempo lembrando o tupido bosque de acacias que che daba a benvida e que había que atravesar dobrando o lombo ou case a gatas, sen a penas ver a luz do sol.

Hoxe en día, aquela selva de plantas invasoras está practicamente erradicada e no seu lugar medran centos de árbores frondosas, por máis que algúns talos de mimosa persisten en lembrar un pasado non tan lonxano pero que revisten de maior mérito aínda o gran esforzo realizado na mellora do monte de Salcedo. 

Aqueles xacementos que había que visitar coas patrullas militares da Brilat pisándoche os calcañales cando non invitándote a marchar, xa se poden percorrer libremente e ademais están limpos de vexetación e sinalizados tanto no itinerario do Espazo Sete Camiños como no roteiro Salcedo no Tempo do Concello de Pontevedra. A mámoa de Louredo antano arrasada polas pas excavadoras da Compañía de Zapadores para erixir no seu lugar unha morea de cortellos de cemento onde simular batallas bélicas, recuperouse cunha plantación forestal na que se respira paz e tranquilidade.

Hai máis de dous anos que o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo comezara a falar do novo proxecto de creación dunha aldea castrexa na contorna dos petróglifos de Outeiro da Mina ou Chan das Mouras. E paseniño, con pulso firme e boa xestión, o poboado neolítico xa practicamente é unha realidade, coas súas cabanas de adobe e teito vexetal. Esta pasada fin de semana, co gallo da Festa da Veciñanza Comuneira de Salcedo, centos de persoas visitaron o lugar onde A Citania desenvolve os traballos.

Construcción da aldea neolítica en Salcedo

Cun orzamento de case 40.000€, o proxecto –aprobado por unanimidade pola asemblea de comuneiras e comuneiros– conta cunha financiación de 26.000€ do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 do Fondo Europeo Agrícola, co apoio da Xunta, do Ministerio de Agricultura e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. 

A construcción deste “parque etnoarqueolóxico” completarase coa posta en valor dos restos dunha antiga canteira situada a poucos metros das cabanas, coa idea de poder explicar o sistema tradicional de aproveitamento da pedra. E andando o tempo, cando o arborado circundante medre abondo, a Comunidade de Montes conta con dispoñer dun espazo máis que digno onde se xuntan patrimonio rupestre, etnográfico, recursos de uso social, educativo e divulgativo, aproveitamento forestal… O que vén sendo a definición e a posta en práctica dun monte multifuncional.

 

 

Cruzar dende ‘Mord-ulián’ ata a Terra ‘Salce-Media’ é vir disposto a quitar o chapeu, pasear con admiración diante dos avances logrados pola directiva veciña, alegrarse pola prosperidade allea sen deixar de suspirar para que na beira das tebras tamén chegue a brillar o resplandor desta luz.

É imposible manter unha conversa co presidente da Comunidade de Salcedo, Fernando Pintos, sen que algún veciño se deteña a saudalo, a darlle os parabéns polo resultado dos traballos ou, medio en broma medio en serio, pedirlle alugueiro nunha das cabanas construídas: “Pois habías estar quentiño no inverno e fresquiño no verán”, respóndelle Pintos coa mesma rexouba coa que fora interpelado.

“Agora queremos bordear os camiños intercalando carballo americano con carballo do país”, explica Fernando Pintos sobre o próximo que teñen entre mans, “para que cando medren, se faga a corta do carballo americano e quede o autóctono dándo sombra e frondosidade nos camiños, tamén a modo de barreira contra incendios”. Fala así quen pensa a longo prazo, coa mente posta non só nos futuros veciños e veciñas de Salcedo, senón tamén nos rapaciños e rapaciñas que a poucos metros están participando nunha competición ciclista polas pistas do monte de Salcedo, procedentes de Pontevedra e doutros concellos da provincia que veñen adestrar nesta zona. “E ás oito e media cando rematen, non ha quedar nin un papel no chan, nin unha cinta de plástico colgando de ningures”, afirma Pintos con plena confianza. 

Saben aquel antigo anuncio dun vehículo todoterreo que chegaba a un lugar recóndito onte un vello lle preguntaba ao visitante “e o Madrid que, outra vez campión de Europa?”. Pois así avanza a conversa cando sae a colación a deriva na Comunidade de Montes de San Xulián; que mentres en Salcedo están a anos luz, de Sete Camiños para fóra agrédese o patrimonio arqueolóxico durante as faenas de desbroce, practícase a tala a matarrasa, planifícanse reforestacións masivas con especies pirófitas, substitúense camiños tradicionais por innecesarias pistas de zahorra, proxéctanse tanques de cemento para embalsar auga… 

“Pois San Xulián…” E no ‘silencio’ deses puntos suspensivos sobran as palabras. “Si, e o Madrid outra vez campión de Europa”, cabe pensar. 

Por pensar, Pintos pensa tamén nas persoas que deixarán de estar, pola natureza pasaxeira e temporal da propia condición humana. “Mentres unha Comunidade de Montes está empeñada en pleitear coa veciña polos marcos, non será mellor deixar o deslinde establecido pola Xunta e os cartos que se gastan en recursos emplealos mellor na posta en valor deses terreos, para que a xente poida ver os resultados?”, reflexiona Fernando Pintos. 

“…E o Madrid que, outra vez campeón de Europa?”. sigo pensando para os meus adentros.

Construcción da aldea neolítica en Salcedo

Competicións ciclistas no monte de Salcedo

Competicións deportivas coincidindo coa Festa da Veciñanza Comuneira de Salcedo

Antigo bosque de acacia

Antigo bosque de acacia

O antigo bosque de mimosas, convertido nunha plantación de árbores frondosas, aínda de pequeno porte. A Comunidade de Montes de Salcedo continúa facéndolle fronte á praga de acacias, con actuacións puntuais.

 

A sinalización do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, e os paneis informativos do roteiro Salcedo no Tempo, empezan a acusar o paso do tempo e o desgaste das inclemencias meteorolóxicas.

Plantación forestal na antiga aldea afgá construída pola Brilat

Onde antano se erguían as construccións de cemento da antiga aldea afgá construída pola Brilat, tras destruír a mámoa de Louredo.

 

Flora silvestre do Espazo Sete Camiños, entre Salcedo e Lourizán.

Deixando atrás a Comunidade de Montes de Salcedo, outra fronteira comeza a ser visible: neste caso, en terreos de Lourizán. A sinalización comesta polo fento e a proliferación de eucalipto fan que as palabras de Pintos recobren valor: os recursos que se despilfarran en pleitos estériles deixan de servir a causas máis nobres e necesarias para a coherencia e a sostibilidade dos proxectos propios e colectivos.

 

 

E malia que a seguinte fronteira con San Xulián nos devolve a unha realidade hostil e reactiva contra o patrimonio arqueolóxico e contra a natureza; malia retornar ao territorio propio onde unha asociación “cultural” como Monte Pituco NON ten dereito ás “axudas” (sic) da Comunidade de Montes; malia trucar permanentemente cunha directiva que está nas Antípodas do equipo encabezado por Fernando Pintos en Salcedo… NADA nin NINGUÉN pode empañar a inxección de enerxía, ilusión e optimismo que infunde dar de bruces con esta auténtica postal de vida e paisaxe: o ‘balcón da ría’ liberado do polígono industrial que o ameazaba; a proba de que paga a pena traballar polas causas xustas, con Salcedo como espello onde mirarse.

Chegando ao monte de San Xulián


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: