Publicado por: MontePituco | 25/07/2019

PETRÓGLIFOS DE SAN ISIDRO (CAMPO LAMEIRO) E FENTÁNS (COTOBADE)

Petróglifos San Isidro - O Soutiño (Campo Lameiro)

Campo Lameiro é un dos concellos da provincia con máis riqueza patrimonial prehistórica. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre contén só unha pequena parte do moito que ofrecen os montes deste concello. Sería unha mágoa que os esforzos das Administracións se centrasen exclusivamente na xestión do pouco que abrangue este recinto -como sucede en Marín co Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor- e deixase desatendidos os valiosos xacementos dos arredores, tan importantes, ou máis.

“No lugar de San Isidro entre as primeiras casas e pola marxe esquerda da estrada, nace un ramal que -adentrándose na aldea- se dirixe á igrexa parroquial, onde hai que deixar o coche e continuar andando uns metros ata chegar á primeira bifurcación onde temos que seguir á esquerda ata atravesar o río Carcafía. Seguiremos polo camiño que corre paralelo a el, en sentido contrario á súa corrente ata que, a uns 300m, o camiño xira á esquerda, seguindo o muro dunha finca. A uns 20m da beira do camiño atópase unha pedra duns 12m de superficie chea de figuras de círculos concéntricos e tres cervos”.

Descrición na web do Concello de Campo Lameiro do itinerario para chegar aos petróglifos de O Soutiño, na Ruta de Parada-San Isidro

E porque tan valioso é admirar o legado milenario como o itinerario que realizamos ata os lugares -algúns moi afastados- onde se atopa, cómpre gozar do camiño, empaparse da paisaxe e da historia destes recunchos, sentir que os nosos pasos seguen as pegadas dos antigos camiñantes das corredoiras e das poldras fluviais, imaxinar como sería a vida dos habitantes das casas abandonadas e derruídas…

Igrexa de San Isidro

Petróglifo A BArcia 1, Campo Lameiro

Petróglifo A Barcia nº1

Xa en Cotobade, os petróglifos de Fentáns na parroquia de San Xurxo de Sacos ofrecen moitas estacións de arte rupestre -con máis de 300 gravados- que visitar. A única sinalizada é a Laxe das Ferraduras.

“A Laxe das Ferraduras está conformada por dúas diferenciadas, tanto a nivel topográfico como estilístico. Na zona superior nun perfil chan, documéntanse representacións circulares e pegadas de cervos e bóvidos, que dan nome a esta pedra. No perfil máis inclinado da laxe, destacan cinco figuras humanas xunto con armas e cervos con lanzas cravadas nos seus lombos. O conxunto destes motivos tense interpretado como unha escena de caza. Nel destaca a representación dun pequeno home co seu escudo empuñando unha grande espada catro veces máis grande ca el”.

Este é o texto descritivo do panel informativo. Por que non menciona a presenza dos ídolos cilíndricos que tamén están representados no gravado?

Laxe das Ferraduras, Fentáns

Entre as eivas que presenta este xacemento destaca a preocupante cercanía do eucalipto pirófito, da vexetación seca, a ausencia de indicios que fagan entrever que existe algún tipo de tarefa de coidado e mantemento deste xacemento. Para nada! Como case todo o patrimonio arqueolóxico, está nunha situación de absoluto abandono, por máis que un panel con información incompleta anuncie a súa existencia… Ademais dos liques que ennegrecen as pedras, a laxe principal na que se atopan a maioría dos gravados parece ter sufrido algún tipo de agresión, como se algo se tivese arrastrado en dirección descendente, marcando un leve rastro.

Laxe das Ferraduras, Fentáns

Ao carón da Laxe das Ferraduras

A proba de que a información do panel explicativo é incompleta non só atañe á ausencia de información sobre os ídolos cilíndricos, senón que tamén se obvia a presenza doutras pedras nas que hai representacións de coviñas.

Na mesma situación de deixadez atópase tamén Laxe dos Cebros.

“Sitúase nunha rocha ó pé dun outeiro. Sobre o panel, de 3 por 2 metros, represéntase unha gran combinación de círculos concéntricos de forma pseudolaberíntica rodeada de outras combinacións circulares de menores dimensións e varas figuras de cervos. Un destes cervos asóciase coa combinación circular principal por medio de tres arcos concéntricos que os xuntan”.

Descrición de Laxe dos Cebros en PatrimonioGalego.net

A ruta por Fentáns rematou en Portela das Rozas Vellas que, como a Laxe dos Cebros, tamén carece de sinalización. Malia a súa difícil localización, neste conxunto de pedras hai representado un équido, fronte á presenza predominante dos cervos no caso caso das figuras zoomorfas.

Portela das Rozas Vellas

Días despois desta visita, tivemos ocasión de trasladarlle ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a preocupación polo estado de conservación dos petróglifos de Fentáns. O rexedor municipal explicou que, tras arduas xestións, o Concello lograra a cesión na xestión destes xacementos por un período de 50 anos. A intención do Goberno local, ao parecer, sería optar ás axudas do 1% Cultural do Ministerio de Fomento para realizar un proxecto de sinalización e musealización destes xacementos.

[Agradecementos: ao grupo ‘Petroglifeiros’ por organizar e guiar esta visita]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: