Durante este mes de xuño puidemos desfrutar no Museo Torres da exposición “Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”, organizada pola Obra Social Abanca de Afundación en colaboración con The Hispanic Society of America. O seguinte destino da mostra será Exposalnés, en Cambados, do 4 ao 28 de xullo. Quen non tivera ocasión de vela en Marín, que non deixe pasar a oportunidade de achegarse ata a bisbarra arousá para coñecer aquela Galicia, aquelas galegas e galegos do século pasado, en branco e negro: impacta ver como era aquela vida pobre e sacrificada, traballando co gando no agro ou na ribeira, quecendo ao carón do lume cos peíños descalzos, indo ás feiras co leite e cos ovos… é a terra e o tempo non tan lonxano que lles tocou vivir aos nosos avós e bisavós; mentres, na cara oposta desas estampas de precariedade, tamén hai paisaxes urbanas, casas pacegas e bibliotecas señoriais.
A estadounidense Ruth Matilda Anderson, conservadora da Hispanic Society of America, realizou dúas longas viaxes a Galicia entre 1924 e 1926. Marín e as súas xentes tamén foron captadas pola súa mirada, a través do obxectivo da súa cámara.
Vestíndose despois do baño. 17 de setembro de 1924.

Vestíndose para o baño. 17 de setembro de 1924.
Mulleres lavando. 17 de setembro de 1924.

Rapaz con capa. 17 de setembro de 1924.
No muíño. 17 de setembro de 1924.
A antiga ribeira de Marín. 17 de setembro de 1924.
Ruth Matilda chegou ao porto de Vigo en agosto de 1924 na compaña do seu pai, Alfred T. Anderson. O traballo que realizou en Galicia estaba auspiciado por Archer Milton Huntinton, que en 1904 fundara The Hispanic Society of America co obxectivo de difundir a arte e a cultura do mundo hispánico a través dun museo, dunha biblioteca pública e dunha institución educativa. Coa fotografía como ferramenta de traballo, o fundador desta institución decidiu crear un arquivo fotográfico, para o que impulsou varias expedicións. Ningunha das viaxes realizadas á Península Ibérica deu tan bos froitos como os obtidos por Ruth Matilda Anderson que, na súa segunda visita a Galicia veu acompañada pola súa colega Frances Spalding.
Foi a primeira vez que se retrataba e documentaba dun xeito tan estudado e exhaustivo o traballo das xentes do mar e do campo, especialmente en zonas de difícil acceso a onde ninguén tiña chegado con interese científico e antropolóxico. Ademais da actividade tradicional, tamén foi recollida a cultura material de Galicia. O resultado é “un legado etnográfico de valor incalculable”, como o define Abanca na web da súa Obra Social.

Ruth Matilda Anderson co seu pai, Alfred T. Anderson, en Lugo. 26 de xaneiro de 1925.
Deixar unha resposta